Fiando Vida: unha feira de moda galega e sostible en Agolada

Celebrarase o sábado 28 de xuño cun programa cheo de desfiles, obradoiros, charlas, exposicións, cine, postos e, ante todo, estilo

Proba do desfile das mulleres da Terra do Medio, no que traballarán coa deseñadora Karol Farias e Fran Vilanova.

Proba do desfile das mulleres da Terra do Medio, no que traballarán coa deseñadora Karol Farias e Fran Vilanova.

Agolada

Nace o evento de moda Fiando Vida, unha xornada nos Pendellos de Agolada de téxtil sostible e ecolóxico. Dende a Agolada Viva, un colectivo integrado en Ulloa Viva, Maika Sánchez explica que a iniciativa naceu a raíz da implantación de Altri, «fronte a moda rápida e o lyocell que propón esta empresa, expoñemos e celebramos que xa temos alternativas máis sostibles e respectuosas co planeta». A feira é unha posta en valor do patrimonio do téxtil galego, que ten centos de anos e «que moitos non coñecemos», apunta a organizadora.

O evento celebrarase o sábado 28 de xuño. Durará todo o día, dende a apertura ás 11 da mañá coa benvida do grupo Agolada Viva e convidado especial Diego Anido ata ás 23 horas que remata a proxección dun filme ao aire libre na praza Randulfa. O programa conta con 5 obradoiros: o obradoiro sobre obtención da seda para todos os públicos ás 11:30, con Concha Outeiriño e Pepe Vieito, un de impresión botánica ás 12:00 con Casperlota, unha técnica xaponesa téxtil na que se traballa a partir dos pigmentos das plantas, á mesma hora un taller infantil de reciclaxe creativa con Dispataca con materiais de refugallo,e tamén ás 12 horas o Fiadeiro Da ovella o nobelo con Begoña Bernardo e Beatriz Arias, no se que falará do proceso de obtención da la, e por último, ás 16 horas o de bolso upcycling, un taller sobre crear unha prenda a partir doutra, con Karol Farias de Aobá Upcycling e Juana Arango de Casi Loca. Na xornada tamén haberá tres faladoiros: Téxtil consciente, sobre alternativas sostibles na moda como o upcycling ou a segunda man, con Marina Lubián, Almudema Cerezo, Karol Farias, María Fernández, Bita Saghaelan e Eugenia Carmiña ás 12 horas; Mestres de vida con Celso Fernández, Irene Fernández, Fernando Otero, Luis Varela, Teresa Pardo e Mónica Vilariño ás 16:15, posta en valor das figuras históricas da moda na nosa terra; e ás 17:30, Fiando tradición e saúde, esa parte que moitos descoñecen, cómo afectan os tecidos á saúde e a tradición, con Lourdes Otero, Pilar Castro, Marta Capelán, Manuel Rodríguez, Amaia Santamarta, Bea Iglesias e Teté Mareque.

A feira acollerá a máis de 60 postos de roupa onde a xente poderá atopar pezas de segunda man e moda galega, aberto ata as 21 horas. E como boa feira, haberá unha sesión vermú, con Dj Alex Mei e clase aberta de swing por Nati&Jose, e unha serán, con Bico da Balouta, Davide Salvado e Fransy, e Señora Dj. Tamén haberá varios postos de comida.

Entre outras actividades, ás 13 horas, Xosé de Cea presentará o seu libro O que estou a dicir cando digo Altri non, coa participación de Manuel Busto e Carlos Negro. Outro las 19 horas, As mulleres de Insua e o liño de Miriam Fernández, con Manuel Otero. Entre as 20:00 e as 20:45, terá lugar nos Pendellos un desfile coa pariticipación especial das mulleres da Terra do Medio, xunto á deseñadora Karol farias e Fran Vilanova de Madejas Tejerlo. Presentado por Mónica García e Maika de Malvintage. Haberá tamén unha exposición de tecedeiras da terra do Medio, un proxecto dirixido por Manuel Rodríguez, arqueólogo.

Dende a organización animan aos asistentes a vestirse coas súas mellores galas. «Sacade do armario os vestidos das vosas nais, esas camisas de cadros que eran do avó, o peto remendado con parches de todo tipo e textura, etc. Vestide as vosas millores galas con historia, esas prendas que teñen un valor sentimental engadido». A fotógrafa Alejandra Seijas de Todo Rastro capturará os mellores estilismos durante a feira. O plan a futuro da asociación é celebrar esta feira cada ano, creando así un espazo de moda galega.

Tracking Pixel Contents