Natureza, igualdade e voluntariado centran a 35ª Romaría da Rapazada

A xornada do 29 inclúe obradoiros, xogos, xincanas, música, danza, o espectáculo de novo circo ‘Glamping’ e unha festa da escuma

Imaxe promocional do espectáculo ‘Glamping’.

Imaxe promocional do espectáculo ‘Glamping’.

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Silleda

O domingo 29 de xuño volta ao recinto da Saleta de Siador a Romaría da Rapazada, unha cita única que cumpre 35 anos e que volve apostar pola diversión, a tradición e o coidado do medio.

A xornada dará comezo ás 11:30 horas cunha xincana para descubrir os segredos do entorno de Siador. Non faltarán os xogos populares e tradicionais, que estarán tamén dispoñibles pola tarde no recinto.

A representación teatral Pepa a Loba, a cargo de A Cova das Letras, dará paso á actuación musical previa ao xantar. Todas as persoas que o desexen poderán levar a comida e preparar o seu espazo na carballeira. No recinto haberá servizo de bar e estacionamento gratuito.

Obradoiros

A partir das 16.00 horas abriranse os obradoiros, entre os que figuran un de decoración de gorras, estampados, chapas, pintacaras e outro de circo. Pola tarde continúa a oferta cunha xincana e ruleta de igualdade, petanca, esgrima, xadrez e xogos tradicionais. Da man de Sogama chegará tamén un obradoiro sobre separación de residuos e reciclaxe. Tamén haberá unha exposición de maquinaria antiga, postos de artesanía e, como é habitual, sorpresas e sorteos.

Como colofón á xornada, a rapazada terá unha festa da escuma no prado do anfiteatro. Antes, ás 19:00 horas celebrarase no escenario unha exhibición a cargo de Máisquedanza. E a continuación chegará Glamping, un espectáculo de novo circo a cargo de Su.Ma, unha proposta de teatro xestual, música, acrobacia aérea, danza e swing en clave de clown.

Colaboracións

Parte da decoración do recinto será elaborada pola rapazada do campamento de verán do Servizo Lúdico Educativo municipal. Ademais, nesta edición estarán presentes clubes deportivos, asociacións e entidades do municipio ás que dende o Concello se lles agradece a súa participación. Así, participarán Aupa Deza, o centro de Cogami en Medelo, a Anpa Raparigos, o Museo do Campo e da Mecanización, Trasdeza Trail Run, Máisquedanza, Compostela Esgrima, Clube de Petanca Bandeira e persoas que forman parte do Plan Municipal de Voluntariado. Dende o Concello de Silleda agradécese a implicación de todas as persoas voluntarias, entidades participantes e dos pais saletinos de Siador na celebración desta cita, que cada último domingo de xuño reúne a centos de persoas na localidade.

Tracking Pixel Contents