Cales son as sete herbas de San Xoán?

A maiores das máis comúns, como son o fiúncho, a herba luisa, o fento, o sabugueiro, o romeu, a malva e a herba de San Xoán, algúns veciños da Estrada, Silleda e Lalín explican cales son as plantas que forman o cacho das súas festas, e cales son as tradicións que o acompañan en cada zona.

Os veciños de Pena Aguda prepáranse para o San Xoán recollendo as herbas típicas.

Os veciños de Pena Aguda prepáranse para o San Xoán recollendo as herbas típicas.

Antía Suárez

Antía Suárez

Lalín

Queda menos dunha semana para o San Xoán, unha noite máxica con fogatas que se saltan, sempre de xeito impar, sardiñadas, churrascadas, música e, en definitiva, boa festa. As tradicións varían dun lugar a outro, mais hai un elemento que une a todas: as herbas. Trátase dun ritual galego pagano que consiste en encher un barreño ou cacho, de auga e herbas, deixalo fóra toda a noite e lavarse a cara co líquido infusionado pola mañanciña. Mais, como as plantas teñen que ser silvestres, non hai un consenso xeral no que ten que levar o cacho. Pero, cales son as herbas que son «esenciais» na nosa zona?

Unha das máis importantes é a herba de San Xoán, o hypericum perforatum, comunmente coñecida coma o hipérico. Esta é unha das herbas que apaña Ana Belén Casal, traballadora da tenda 4eco LoAn, na Estrada. Dende 2020, Casal recolle ramos de plantas para o cacho e disponas na tenda para que as poda levar quen queira, de balde. «Fágoo voluntariamente, porque me encanta pasear pola natureza, entón aproveito e realizo este servizo pola comunidade», expresa a muller. Entre as herbas que ofrece na tenda atópanse: a ruda, a milenrama, o sabugueiro, a menta, a lavanda, a malva silvestre, o estalote ou a xesta, pero sempre depende do ano. «A cantidade mínima ten que ser de sete, pero sempre hai que botarlle un número de herbas impar. Cada ano varía, por exemplo, o pasado foi moi doado atopar o hipérico, posiblemente pola seca que houbo. O cacho pode rematar moi diferente e por iso recollo tantos tipos de plantas, porque sería imposible facer os ramos todos iguais».

Ramos que regala Ana en 4eco LoAn na Estrada.

Ramos que regala Ana en 4eco LoAn na Estrada.

Este ano Ana recolectará as plantas este domingo 22, para que estean dispoñibles na tenda o vindeiro luns 23 pola tarde, o propio día do San Xoán. Xa fixo isto en anteriores edicións, con moi boa acollida; o ano pasado tiveron que repoñer o posto de herbas en catro ocasións. Polo momento, aínda que se plantexa engadir un roteiro ao proxecto,que é algo que xa lle teñen recomendado, de momento só terá os ramos na tenda.

Mais os que si contan cunha camiñata para recoller herbas son os de Silleda. O barrio das Baratas e SIC, Iniciativas Culturais organizan na véspera de San Xoán o Paseo das Sete Fontes un ano máis. Dende o 2022, celébrase un roteiro circundando sete fontes para recoller herbas e auga. Especifican que é necesario que a líquido do barreño proceda de sete mananciais diferentes. Dende a asociación explican que as sete herbas «obrigatorias» son: romeu, herba de San Xoán, fento, fiúncho, malva, codesa e herba luisa, sendo a derradeira a máis doada de atopar. No paseo, os asistentente poden atopar: romeu, macela, ourego, loureiro, herba de San Xoán, sabugueiro, malva, hortensia, rosa silvestre, fento, milenrama, fiúncho, estalote, hortelán, xesta e chuchamel. Tamén teñen recollido flores de silveira e de pasiflora,e outras herbas aromáticas da horta como a herba luisa, a melisa, a menta ou a lavanda. E é que, como apunta Fani Fernández, unha das organizadoras da actividade, «practicamente calquera herba ou flor aromática que medre por esta época pode formar parte do cacho». O que para ela si é un requisito é recubrir o cacho con silvas, para que «o diaño non veña lavar o cú nel», e agardar a que chegue a noite para que a maxia do lume faga que «estas herbas solten o seu poder sanador e purificador sobre a auga das sete fontes».

Paseo das Sete Fontes en Silleda.

Paseo das Sete Fontes en Silleda.

En Lalín, entre os veciños do barrio de Pena Aguda, reúnense nestes días para recoller as herbas en preparación da festa. Karina Nicanor, integrante da asociación veciñal, explica que «dende que son pequena, as herbas son: o fiollo, a herba luisa, o romeu, a malva, a ruda, laurel e o sabugueiro. Logo cada un fai o cacho co que ten, como xente que lle bota pétalos das rosas». Pero apunta que na zona de Lalín, o clásico é ter fiollo e o romeu. A costume é lavar a cara unha vez que as herbas xa pasaron a noite baixo a xeada. Pero Nicanor tamén apunta que hai xente da zona que bota a auga pola casa para purificala. A veciñanza leva xa tres anos que recuperaron a costume de reunirse para recoller as plantas xuntos, e para este San Xoán teñen previsto unha festa para todo o mundo o 21, cunha sesión vermú e concertos, e reservarán a noite propia da celebración para pasala entre veciños. Como se pode observar, non existe un consenso das herbas son esencial. Hainas que se repiten, como a malva, o romeu, o sabugueiro, a herba luisa e o fiollo, ou fiúncho. Mais en xeral, está claro que se un quere protexerse dos males o ano que ven, debe facer este San Xoán un cacho.

Tracking Pixel Contents