Busto festexa o Corpus e homenaxea aos maiores

A parroquia lalinense adiantou a celebración ao pasado domingo, con misa solemne, procesión e un xantar de irmandade

Daniel González Alén

Lalín

A parroquia lalinense de Busto adiantou a celebración do Corpus Christi ao pasado domingo, con misa solemne, procesión e un xantar de irmandade que a Comunidade de Montes vén tendo dende 2016, aproveitando esta festividade, no que se homenaxeou os seus veciños José María Mato Carballo e Jesús Soto Vázquez, polas súas longas traxectorias vitais, participando e promovendo actividades sociais e recreativas nesta rica e fermosa parroquia que se estende aos pés da Serra do Carrio.

A xornada comezou cunha misa solemne na igrexa parroquial, que nesta ocasión non puido lucir as fermosas alfombras florais elaboradas con notable esmero e traballo polos veciños, ao atoparse indisposto un dos seus mentores, Manuel Galego, tamén homenaxeado no ano 2022. A cerimonia foi concelebrada polo sacerdote reitor do Corpiño, Xosé Criado, e por Santiago Lillo, sacerdote adscrito ao célebre santuario, que debutaba nesta festa parroquial. O músico de Millerada (Forcarei), Fernando Varela Iglesias puxo a súa espléndida voz e música de órgano á misa cantada, correndo coas lecturas o veciño José Alonso Mato, co templo ateigado de fieis.

A continuación, saíu a procesión ao redor da pequena pero moi harmoniosa e ben conservada igrexa, que vai para dous anos foi obxecto de importantes obras de recambio dos tellados, teitos e tribuna, cun orzamento de máis de 80.000 euros que puxeron os veciños, estando prevista a próxima restauración dun pequeno retablo cos relevos de Santiago Matamouros e San Xoán Bautista, que se garda na tribuna.

Homenaxes e xantar

Antes do xantar, o alcalde Crespo Iglesias, ao que acompañaba o concelleiro da zona Marcos Mariño, foi o encargado de agasallar e felicitar publicamente aos homenaxeados. José Mª Mato Carballo, con 95 anos cumpridos, é o veciño de maior idade da parroquia e todo un exemplo de traballo na labranza dende ben novo, cando perdera ao seu pai e coa mellora na herdanza dos bens que recibiu, soubo sacar adiante a explotación agraria e a familia, colaborando en canto fose de beneficio para a parroquia. Por semellante labor a prol da parroquia, da que foi pedáneo e presidente da Comunidade de Montes, foi recoñecido Jesús Soto Vázquez, que con 81 anos conta co aprecio e cariño dos seus achegados e amigos que, cos seus numerosos convidados, participaron nesta celebración parroquial. O xantar, con menú de empanada, polbo, churrasco, sobremesas, licores e café, foi servido aos douscentos comensais que aquí se congregaron polo catering A Roda de Rodeiro e, ao remate, a comisión puxo barra libre, que animou a moitos a bailar ao son da musica de Pachi Show ata entrada a noite.

Non é esta a única celebración desta parroquia, que tamén fai gran festa dedicada á Virxe do Rosario, en outubro, e ao San Facundo, o patrón, esta das de só xantar, ao celebrarse no medio do inverno; festas todas elas con notable participación dos pouco máis de medio centenar de veciños que se reparten nos lugares de Alemparte, Caxide, Sestos e Souto e son unha excelente mostra da unión parroquial que vén de vello e tentan manter, e aínda incrementar, os directivos da Comunidade de Montes, Saúl Iglesias Mato, que é o presidente; José Conde, que fai de tesoureiro; e José Luís Montoto Iglesias, que ademais de secretario desta sociedade veciñal, é o pedáneo de Busto, onde contamos con bos amigos e informantes, cos que compartimos esta leda xornada festeira.

Tracking Pixel Contents