A Cacharela, Pena Aguda e As Baratas programan actividades por San Xoán
Estes barrios de Lalín e Silleda organizan ceas, actividades, sorteos, concertos e fogueiras para conmemorar o solsticio de verán entre a vindeira fin de semana e o luns 23, día propio

Celebración de San Xoán de Pena Aguda, o ano pasado. | Bernabé/Javier Lalín
Antía Suárez
Lalín e Silleda xa andan recollendo piñas e preparándose para as festas de San Xoán, que se celebran o 23 de xuño. Especialmente, os barrios As Baratas, Pena Aguda e A Cacharela, que xa publicaron o seu programa de actividades para as celebracións de finais do mes.
A asociación de veciñanza de Pena Aguda fará a súa festa de Verán San Xoán o sábado 21 de xuño. A celebración comezará ás 13 horas coa sesión vermú, onde se poderá desfrutar dun concerto da Banda de Música Popular de Muimenta. Xa á noite, haberá unha cea da veciñanza ás 21:30 horas, baixo entrada previa. Ao longo da velada sortearanse dous cabritos da Isaias Medela e dúas caixas de viño. As festas rematarán tras as actuacións da Mekanica e o Dj Marcos Fernández, que tocarán dende a medianoite.
Xa no propio día, o barrio da Cacharela arrancará as súas festas coa misa das 13 horas, no baixo de Lela. Xa á noite, celebrarase unha cea por conta dos asistentes. O prazo de reserva estará aberto ata o venres 20 na papelería Dalvi e na taberna A Lola. O prezo para adultos é de 6 euros e a para nenos de ata doce anos de 3 euros. O entretemento correrá a cargo de Pachi Show. A asociación pide aos intrépidos que salten a cacharela que o fagan baixo a súa propia responsabilidade.
Por último, en Silleda, festexarase San Xoán no barrio das Baratas coa Noite Máxica. A festa celebrarase na Praza de Benito Rivas, como xa ven sendo costume. Poderase mercar as entradas para o festexo no camping do barrio a partir das 21 horas, ata esgotar existencias.
A parroquia de Palmou non se queda atrás, xa que tamén ten programa para as festas na honra de San Xoán e San Antonio. No transcurso do sábado21 e domingo 22, haberá sesións vermú con charangas, procesións, un sorteo dun remolque de lena e as actuacións nocturnas no sábado de Os Atrevidos e o trío Manhattan.
A andaina é duns 8 km polos arredores de Silleda, que percorre varios lugares da parroquia. O paseo circular comeza no campiño do Sindical, a carón da Praza de Benito Rivas, lugar tradicional da fogueira da Baratas, onde tamén rematará.
Paseo das Sete Fontes para elaborar o cacho en Silleda
Un ano máis, celebrarase o paseo das Sete Fontes en Silleda. Os veciños das Baratas e SIC Iniciativas Culturais convidan a toda a veciñanza e todos aqueles que se queiran apuntar a celebraren, o domingo 22, a véspera do San Xoán cunha camiñata para recolleitar plantas e auga de sete mananciais (Fonte de Abaixo, O Foxo, Toxa, Toiriz, O Campo, etc.) e preparar o cacho típico desta celebración.
Todos aqueles que queiran participar poderán facelo presentándose no propio lugar da fogueira ás 19 horas. Deberán levar con eles unha botella de un litro para recoller a auga e algún tipo de bolsa de tea para apañar as herbas. A duración estimada do camiño será de entre 120 e 150 minutos e, a pesar de ter algúns tramos de subida constante e pequenos tramos por estrada, está indicado para familias con nenos acostumados a camiñar, aínda que non para crianzas pequenas ou carriños de bebé.
- Entrar en los dobles grados de Matemáticas, Física e Ingeniería Informática, solo para alumnos sobresalientes: exige más de un 13
- El pueblo costero en el corazón de Costa da Morte que pocos conocen: un santuario sobre el mar y una cascada preciosa
- Jennifer Lopez se marcha de Galicia tan diva como llegó
- A la venta a solo 10 euros las entradas en la platea para el concierto de Ana Belén en Castrelos
- Un hostelero de Vigo expulsa a unos israelíes de su restaurante: «En mi bolsillo no puede entrar dinero pagado por ellos»
- Un vecino de Madrid alertó a la Policía de Vigo sobre la expulsión de los israelíes de un local por un «posible delito de odio»
- Jennifer López se marcha de Galicia tan diva como llegó
- La diva del Bronx «revienta» Pontevedra