O teatro musical protagonizará a festa do 28 de xuño en Silleda
Ópera, zarzuela e musical soarán nas Pedrosas polo XVI Día da Música | Cristina Collazo e Josito Porto actuarán nos concertos

Conde, Pena, Agulló e Gómez presentaron o cartel na escola.

O teatro musical protagonizará o XVI Día da Música de Silleda, que terá lugar o sábado 28 de xuño no Parque Municipal das Pedrosas, onde soarán xéneros como a ópera, a zarzuela ou o musical. A festa forma parte da aposta dinamizadora da Banda e a Escola de Música Municipal de Silleda.
Dende a formación silledense elíxese cada ano unha temática para conmemorar esta efeméride –instaurada en Francia en 1982 e que se conmemora en todo o mundo cada 21 de xuño–, resaltando os valores da música como linguaxe universal. A cita volve estruturarse en varios bloques, con actividades de carácter máis pedagóxico pola mañá, os concertos centrais e outras cun aspecto máis lúdico, como a cea de confraternidade, xa pola noite.
O Día da Música arrancará ás 11:00 horas cun pasarrúas da propia banda pola vila. A continuación haberá xogos e obradoiros musicais para a cativada e non faltará a degustación ofrecida pola Asociación Cultural O Lacón.
O primeiro dos tres espectáculos está previsto para as 13:00 horas, baixo o título Viaxe ao centro da ópera, a cargo das bandas infantil e a xuvenil. Busca achegar ao público máis novo ao universo deste xénero nado no século XVII en Italia e que combina música, teatro e escenografía para contar historias intensas e apaixoantes.
Despois do xantar, previsto para as 14:00 horas, a xornada vespertina continuará co segundo dos concertos: De paseo por Broadway, onde o alumnado da Escola de Música Municipal de Silleda repasará algún dos musicais máis coñecidos. Como xénero, naceu a finais do século XIX e consolidouse nos teatros de Nova York como unha das formas máis populares de espectáculo escénico, combinando canción, diálogo e baile.
Tomará o relevo a zarzuela, co concerto final (19:30 horas). Nesta Antoloxía da zarzuela a Banda Municipal de Silleda estará acompañada polas voces de dous recoñecidos artistas galegos: o barítono Gabriel Alonso e a soprano Susana G. Pico, que darán vida a arias e romanzas inesquecibles deste repertorio. Este xénero, que mestura partes cantadas e faladas, floreceu no século XIX como unha expresión artística moi ligada á identidade cultural de España. Na presentación dos concertos participarán dous recoñecidos rostros da escena galega, a silledense Cristina Collazo e músico e actor Josito Porto.
Entradas para a cea
O remate da xornada chegará coa cea de confraternidade, para a que se poñerán á venda as entradas a partir da vindeira semana na sede da Escola de Música (o xoves 26 será o último día para retiralas), á que seguirá a verbena amenizada charanga BB+.
O director e o presidente da banda, Rafa Agulló e Herminio Gómez, xunto á alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e a concelleira de Cultura, Mónica González Conde, presentaron o programa dunha cita que ten como obxectivo socializar, compartir, educar e enriquecer musicalmente tanto a alumnos, como a familias, socios e veciñanza en xeral. Agulló e Gómez agradeceron a colaboración do Concello de Silleda, a Deputación de Pontevedra, a Fundación Semana Verde, a Festa do Lacón, a Anpa Musiquiños e a Asociación de Amigos da Banda. Pena felicitou á formación por esta iniciativa, que segue a medrar cada ano, «e que xa é un certame indispensable no calendario cultural do noso municipio».
- Adiós a los toldos: Ikea lanza el nuevo invento para tener sombra en casa durante todo el año
- El ave que se «come» a la velutina
- «Para salir de Menduíña hay que recorrer media provincia»
- El vigués que lucha contra el reloj del cáncer: «Voy a hacer un último intento por tratar de salvar la vida a mi mujer»
- La lancha de recreo 'Faneca Brava' se hunde de madrugada en Ons
- Jóvenes de otras comunidades se lanzan a la compra de aldeas ‘ganga’ en Galicia
- El barrio más joven se hace mayor: de páramo a una «miniciudad»
- Las bodas de plata de Míchel Salgado y Malula Sanz: algunos de los invitados ya están en Vigo