Vidal Payo, un legado en pedra

A asociación de Amigos da Obra de Willy organiza o vindeiro luns, día 16, un homenaxe ao canteiro lalinense Vidal Payo, xunto cos seus fillos. O evento contará cunha mostra de fotografía, a presentación dun libro e con intervencións de convidados como Plácido Rozas, Lucía Espiño e Celso F. Sanmartín

Vidal Payo xunto coas súas esculturas de mulleres laxeirianas de granito. |  Paío

Vidal Payo xunto coas súas esculturas de mulleres laxeirianas de granito. | Paío

Lalín

En xuño de 1997, o Concello de Lalín celebrou unha homenaxe a Vidal Payo, o canteiro de Alemparte que ten obras espalladas por todo o mundo. Dende Galicia, pasando por Madrid, Illas Baleares, Alemaña, Francia, Italia e incluso chegando a Venezuela e Arxentina; a súa obra en granito recolle fontes e cruceiros, figuras relixiosas, escudos, espidos e construcións, como o pináculo e as naves laterales da igrexa de Lalín.

Pois foi neste acto, tras a inauguración da exposición, chamada Vidal Payo. Unha vida en Pedra, cando se celebrou unha comida onde o artista deu un discurso e, 28 anos máis tarde, os seus fillos recólleno nun libro de publicación privada elaborado para deixar a súa pegada para as vindeiras xeracións.

Con motivo do 110º aniversario do nacemento de Vidal Payo, a asociación de Amigos da Obra de Willy celebra o próximo luns, 16 de xuño, un evento conmemorativo do artista e da súa obra. A celebración terá lugar no Café de Mili a partir das 20 horas. Ao longo da xornada presentarase unha mostra fotográfica, o libro do discurso de 1997 e haberá varias intervencións como a lectura de cantigas e refráns de cantería e unha actuación do mestre gaiteiro Plácido Rozas.

A exposición Cousas de Vidal Payo, a cargo do seu fillo Damián, tamén coñecido como Paío, consiste nunha mostra de 22 fotografías nas que recolle a obra do mestre, dende o costumista e o traballo artístico de abstracción, ata as obras de cantería normal. Entre os convidados da velada atópanse Lucía Espiño, actual técnico de Cultura do Concello de Lalín e anteriormente mestra da Escola de Canteiros de Pontevedra, e a presidenta da asociación Amigos de Willy, Cruz Taboada Ferradás. A maiores, haberá un segmento de Ditos Populares de Canteiros a cargo de Celso Fernández Sanmartín, Lara Peña e Alba Payo.

«Este libro é para que as futuras xeracións coñezan o seu legado»

Para evitar que o legado deste representante do arte de Deza ficara no esquecemento, os fillos do artista recolleron o seu discurso de agradecemento de 1997 nun tomo de publicación privada que entregarán aos centros educativos da zona para que quede a man das próximas xeracións. O traballo recolle o discurso que Payo deu de tres xeitos: unha réplica do discurso holográfico tal e como el o formulou, unha transcrición directa do que pronunciou na comida do homenaxe e unha última versión estandarizada, en galego normativo. «É para que as futuras xeracións coñezan o seu legado», afirma Paío. O libro presentarase no evento acompañado dunha gravación do discurso pronunciado polo canteiro en 1997.

Tracking Pixel Contents