Entrevista | María Xosé Silvar, SÉS Cantautora

«O Noceda Rock é un festival da cultura real, galega»

María Xosé Silvar, SÉS, leva dende o 2008 na escena galega musical. Licenciada en filoloxía galega e antropoloxía social, a música defínese como unha «cancionista», unha artista que crea cancións intimistas e reivindicación social

Sés actuará no Noceda Rock o vindeiro sábado 15 de xuño.

Sés actuará no Noceda Rock o vindeiro sábado 15 de xuño. / Cedida

Lalín

Na súa novena edición, o Noceda Rock conta coa actuación de Sés, que xunto con Marela, Loita Armada, Seitura e Manu Kaso Aparte conforman o cartel do 14 de xuño. O concerto da cantautora galega comeza as 22:00 ás 23:45 horas, case dúas horas de música galega tradicional fusionada con diversos estilos coma blues ou rock & roll.

—Esta será a primeira vez que participa Sés no Noceda Rock?

—Si, e estou moi contenta con tocar en Noceda, porque paréceme moi importante que haxa festivais autoxestionados como o Noceda Rock. É importante que a xuventude se mova e organice eventos para poder escoitar a súa música; unha música non mainstream, na nosa lingua.

—SÉS xa leva unha boa traxectoria no mundo musical, dende antes do 2011. Como comezou todo?

—Cando comecei eu tiña un grupo de música de amigos, polo 2008, cos que facía algúns bolos por puro pracer, e a partir de aí comezaron a xurdir ofertas para gravar un disco profesional. Así xurdiu Sés.

—Ese primeiro disco do que fala sería Admirando a condición, non si?

—Si, xusto.

—Como foi a acollida do mercado galego deste primeiro traballo?

—Foron inicios con moi boa acollida dende o primeiro momento, tendo en conta que era un panorama no que a canción de autor non era moi habitual, e menos da man dunha muller.

—Noutras entrevistas ten comentado que sentía certo rexeitamento por esta primeira obra, non tanto polas cancións, se non pola produción das obras. Mantense ese sentimento?

—Eu miro con cariño todas as miñas creacións, todas teñen o seu porque e é preciso miralas dende o seu contexto para comprendelas. Si que é un disco coa que non me identifico tanto, pero claro, eu cheguei ao mundo musical por casualidade e foi o meu primeiro enfrontamento coa industria. Cos anos o meu traballo vai soando máis a min, e quizais este é o que me soa máis alleo.

—Sinte que é un paso dentro da evolución do seu proxecto musical?

—Home, claro, é unha evolución lóxica dende a obra dunha muller de 27 á dunha de 40 anos. Ainda que hai motivos que se manteñen, hai unha vertente máis íntima de cuestións emocionais propias que se van presentando cada vez máis na miña obra. Eu non me considero unha música, gústame máis o termo de cancionista. As miñas cancións beben dun consumo musical de moitos sitios e moitos tempos diferentes. A converxencia destes estilos visten as miñas cancións dun xeito moi heteroxéneo, diferente, incluso diría ecléctico. A miña música é a miña voz, e polo tanto evoluciona comigo.

—A diferenza entre música e «cancionista» en que radica?

—O discurso non é musical, non son unha música de xénero, como o pode ser unha banda que toca música heavy metal ou rock. No meu proxecto musical o discurso está máis centrado no textual, que se acompaña de música me apaixona.

—Porque emprega os seus temas para contar a súa verdade e facer unha reivindicación, verdade?

—Eu máis que buscar ou empregar, eu simplemente non o escondo. É unha diferenza sutil pero tremendamente determinante. Non é tanto que eu teña unha vontade, se non que cando me poño a escribir, escribo do que me preocupa, sen esconder nada, nada do que me preocupa. E polo xeral, o que me preocupa é social.

—Existe algún tema que actualmente estea máis presente?

—Actualmente hai unha deriva cara a ultra-dereita, unha deriva que me resulta bastante preocupante e un retroceso en temas como a igualdade. Por outro lado, sinto inquedanza tamén pola depauperación e o empobrecemento cultural da poboación. Sinto que cada vez se lle da á cultura menos importancia., por iso é moi importante que existan festivais como o Noceda Rock.

—Agarda con ganas a súa actuación no Noceda Rock?

—Como xa apuntaba antes, o Noceda Rock é un tipo de festival que me parece valiosísimo e aos que máis me gusta asistir. Porque son reais, son festivais feitos polo pobo para o pobo, con moito traballo e ilusión. Sinto que son os festivais dos que depende a cultura real, non a cultura prefabricada.

—Como vai ser o set que leva preparado?

—Vai ser un espectáculo con temas dos oito discos, con cancións que sei que a xente quere escoitar. Ante todo, vai ser un set variado, que ten o obxectivo de que a xente pase un bo rato e que marche do concerto escoitando o que foi a escoitar. Será unha tarde-noite agradable escoitando música diferente e agradable.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents