Serafín Pazo, o home que da nome á rúa

Desde hai máis dun século, unha céntrica rúa da Estrada leva o nome de Serafín Pazo. Médico entregado, republicano convencido e figura moi querida pola veciñanza, dedicou a súa vida a curar corpos e consolar almas, sen pedir nada a cambio. Esta é a historia dun home que deixou pegada fonda nun tempo difícil.

Imaxe antiga da Praza da Farola e a rúa Serafín Pazo.

Imaxe antiga da Praza da Farola e a rúa Serafín Pazo.

A Estrada

Quen foi Serafín Pazo? A maioría dos habitantes da Estrada transitamos diariamente pola vía que leva o seu nome —no corazón do casco urbano, entre a Praza da Constitución e a Praza de Galicia— sen saber quen era este home nin porque aparece no rueiro local. E, en cambio, desde 1907 esta céntrica rúa honra a súa memoria. Coñecer mellor a súa historia supón tamén achegarnos máis á nosa, ademais de que sen dúbida, trátase dun relato vital que merece ser rescatado do esquecemento.

Para saber máis sobre a súa vida, contamos coa biografía escrita polo mestre e historiador Olimpio Arca Caldas no ano 2007, coincidindo co centenario do seu pasamento. Un traballo rigoroso e cheo de fontes orais e documentais que nos achega á figura dun médico entregado, orador brillante e cidadán comprometido.

Nado en 1828 no lugar da Estrada, Serafín Pazo medrou nun tempo de inestabilidade política, fame e epidemias. A medicina estaba aínda nos seus comezos modernos e a esperanza de vida non chegaba aos 30 anos. Desde pequeno amosou unha grande intelixencia e un espírito inquieto. Estudou Filosofía e logo Medicina en Santiago de Compostela, onde destacou polo seu expediente brillante.

Xa licenciado, en 1854 regresou á súa vila natal para exercer como médico. Pronto asumiu responsabilidades como subdelegado de Sanidade e médico forense, cargos que compatibilizou co exercicio privado. Pero máis alá dos títulos e funcións, destacou pola súa vocación altruísta: atendía sen cobrar aos máis humildes, repartía entre os pobres as doazóns en especie que recibía dos pacientes acomodados e nunca pediu compensación por traballos institucionais.

Durante as epidemias que azoutaron Galicia entre 1855 e 1859 —de cólera, febres tifoides ou tuberculose— o doutor Pazo foi un dos poucos profesionais que non abandonou o seu posto. Recorría os camiños a cabalo, baixo a choiva, para visitar doentes de toda a comarca, mesmo en concellos como Cuntis ou Forcarei. Este compromiso valeulle varias distincións: a Cruz de Beneficencia da raíña Isabel II, a Orde de Isabel a Católica e a de Carlos III. Pero el rexeitaba sempre os recoñecementos materiais.

No terreo político, militou sempre nas filas do republicanismo liberal. Participou activamente en procesos revolucionarios, como o de 1868, e mantivo relacións de amizade con figuras como Castelar, Montero Ríos ou Alfredo Vicenti. O propio Castelar chegou a convidalo a ir a Madrid para dedicarse á política, convencido do seu talento como orador. Con todo, Pazo preferiu quedar na Estrada, onde cría que facía máis falta.

Ademais da súa entrega profesional e compromiso político, Serafín Pazo tiña tamén unha faceta investigadora. Contan que era capaz de curar a rabia sen empregar o soro antirrábico, con métodos propios que nunca revelou publicamente. A súa discreción era tal que só pouco antes de morrer transmitiu o segredo a alguén da súa familia. Nunca fallou un só caso.

Era tamén un home profundamente humano, comprometido coa xustiza social e coa igualdade. As súas intervencións públicas eran coñecidas pola paixón coa que falaba e polo respecto que inspiraba. Dicía o xornalista Alfredo Vicenti que o lume que Serafín poñía nas súas palabras só era comparable ao de Castelar. Nunca deixou de escribir, nin sequera nos seus últimos anos: colaborou con artigos en revistas como Eco de Galicia, fundada polo estradense Waldo Álvarez Insua na Habana.

O 11 de agosto de 1907, Serafín Pazo faleceu na súa casa da Estrada. Tiña 79 anos e levaba tempo enfermo, pero seguía atendendo a doentes desde a cama. O seu funeral foi multitudinario, e as crónicas da época coinciden en que xamais se vira tal concentración de xente na vila. As festas patronais de Ouzande suspendéronse en sinal de dor e loito, e os dous xornais locais —El Estradense e Voz del Pueblo— dedicáronlle sentidos obituarios. Poucos días despois, o Concello acordou por unanimidade mudar o nome da antiga rúa da Consolación pola de rúa Serafín Pazo, como xesto de agradecemento colectivo a unha vida exemplar.

Hoxe seguimos camiñando por esa rúa sen saber, moitas veces, que leva o nome dun home que non buscou nin fama nin fortuna, senón simplemente facer o ben. E esa, quizais, sexa a forma máis digna de deixar pegada.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents