O grupo lucense Bacabú estrea este xoves exposición no museo de Lalín

REDACCIÓN

Lalín

Este xoves, ás 20.00 horas, no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa, de Lalín, inaugúrase a exposición do grupo lucense Bacabú. Unha mostra que está comisariada por Cristina Carballedo Penelas e que se poderá visitar ata o vindeiro 24 de xullo.

O grupo artístico Bacabú, integrado por Jorge Espiral, Xermán Refojo, Santiago Catalán, Honorio e Quique Bordell presenta por vez primeira en Lalín, unha coidada escolma de obras na que ou público terá a oportunidade de coñecer aos cinco artistas lucenses. Cunha dilatada traxectoria, o grupo decidiu fundar unha sala de exposicións no centro de Lugo no ano 1998, na que ata 2002, expuxo o máis representativo da arte galega contemporánea. Paralelamente os artistas exporían neste espazo de forma individual ou colectiva. Iniciaron así unha traxectoria profesional na que, unidos por unha gran amizade, presentarán de forma puntual proxectos ao amparo da nomenclatura Bacabú. A riqueza da súa relación vén aportada pola variedade, xa que cada artista ten unha historia e estilo profesional que os diferenza.

Son cinco artistas que se inician nos anos 80 do século pasado na banda deseñada e que posteriormente conflúen en exposicións conxuntas presentadas no Bierzo, no Museo provincial de Lugo, no Círculo das Artes en Lugo, no Hotel Virxe da Cerca en Santiago de Compostela, na capela da Madanela en Arzúa, no Centro Cultural Marcos Valcárcel en Ourense e na Casa Museo Casares Quiroga na Coruña. Destaca a gran exposición retrospectiva do ano 2014 no Círculo das Artes de Lugo. Este ano participan na Sexta Bienal internacional de Arte de Gaia na súa sede en Gaia e na exposición do Museo da Construción Naval de Ferrol, que abrirá en xullo. Tamén neste ano presentarán un novo cartafol Bacabú. Para a comisaria, esta é unha oportunidade de coñecer dunha maneira máis próxima a estes artistas singulares que, a través de estilos e iconografías propias, son un referente na plástica galega dos últimos anos

Tracking Pixel Contents