A Ascensión viaxa por catro parroquias de Rodeiro

A Virxe da Ascensión percorre en peregrinación catro parroquias de Rodeiro en tres etapas. Na primeira delas foi desde Santa María de Río ata San Xoán de Camba, onde seguirá cara a Santa Baia

O camiño entre Río e San Xoán de Camba.

O camiño entre Río e San Xoán de Camba. / Manolo Seixas

Daniel González Alén

Rodeiro

Dende tempo inmemorial, as parroquias de Santa María de Río, San Xoán de Camba, Santiago de Fafián e Santa Baia de Camba veñen celebrando anualmente a festa da Ascensión –festividade que a Igrexa Católica sinala o cuadraxésimo día despois da Resurrección Pascual, tendo este ano propio día o 28 de maio–, en tres domingos consecutivos, con misas en cada unha das catro parroquias, procesións coa imaxe desta Virxe Nai de Deus que peregrina dende Río, saíndolle ao encontro ata catro imaxes da Virxe que se veneran nestas igrexas do val de Camba.

A celebración e o ritual, únicos na comarca de Deza e poida que en Galicia, tamén ten parte profana nos xantares, a música e os foguetes que pagan a escote os asistentes.

Saída da procesión desde a igrexa de Río. Manolo Seixas

Saída da procesión desde a igrexa de Río. / Manolo Seixas

A primeira das etapas celebrouse o pasado domingo, comezando en Río, con misa cantada polo vicearcipreste de Deza e párroco de Rodeiro, Alvito García Fente. Trala misa, ao repenique das campás, saíu a procesión coa imaxe da Virxe da Ascensión, baixo a que pasaron os devotos fronte ao adro da igrexa, para logo, mudando de cando en cando de mans as andas, percorrer os tres quilómetros ata San Xoán polos vellos camiños que agora son estradas e pistas os máis deles, escasos de arboredo, logo de que a arrasara boa parte del a recente concentración parcelaria de Camba.

Celebración no templo á súa chegada a San Xoán de Camba. |  Manolo Seixas

Celebración no templo á súa chegada a San Xoán de Camba. / Manolo Seixas

Da igrexa de San Xoán de Camba sae a imaxe da Virxe da Inmaculada, que aquí se venera acompañada dos devotos que tamén portan a cruz procesional e os estandartes, ao encontro da Virxe da Ascensión nunha encrucillada próxima ao pazo de Camba. Logo do saúdo entre ambas, encamíñanse xuntas cara a igrexa de San Xoán, con parada no campo da festa, onde os devotos pasan en ringleira baixo as dúas imaxes.

Despois de dar unha volta ao redor do templo, a imaxe da Virxe da Ascensión para na porta principal, onde un veciño que fai as veces de sancristán, dirixe a poxa das andas na que participan os máis devotos. Remata a parte relixiosa cunha misa solemne, mentres os menos crentes agardan no bar da comisión pola sesión vermú, á que lle segue a música, que desta puxeron os do dúo Mar Davila, e o xantar de confraternidade con empanada, churrasco mixto, sobremesa e café, que pagan a escote, 25 euros os maiores e 10 os cativos, que tamén teñen inchables para se divertir.

Multitudinario recibimento á súa chegada a San Xoán de Camba. | Manolo Seixas

Multitudinario recibimento á súa chegada a San Xoán de Camba. / Manolo Seixas

Na igrexa de San Xoán ficará a imaxe da Virxe da Ascensión ata que o próximo domingo, a partir das 11 da mañá e con semellante liturxia, arranque para Santa Baia de Camba, con parada a medio camiño en Santiago de Fafián, pasando a carón da histórica torre medieval da Tulla de Outeiro -que acaba de ser declarada Ben de Interese Cultural de Galicia (BIC)-, a segunda das tres etapas desta celebración, que, coa axuda dos amigos, contamos relatar aquí.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents