Lalín, punto final dunha viaxe estratosférica

O IES Marco do Camballón de Vila de Cruces participa na misión MarumaSat VII, que remata coa caída da cápsula na Xesta

Lanzamento do globo-sonda meteorolóxico, onte dende a Cidade da Cultura de Santiago.

Lanzamento do globo-sonda meteorolóxico, onte dende a Cidade da Cultura de Santiago.

Lalín

A parroquia da Xesta, no concello de Lalín, converteuse onte nun inesperado punto de referencia científica coa caída da cápsula estratosférica MarumaSat VII, parte dun proxecto liderado pola Axencia Espacial Escolar Galega co apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O artefacto completou así unha viaxe de varios quilómetros tras ser lanzado desde a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Este programa educativo ten como obxectivo fomentar as competencias STEM entre o alumnado galego mediante o lanzamento de globos-sonda meteorolóxicos que ascenden ata os 30.000 metros de altitude. Durante a súa viaxe, estes dispositivos recollen mostras do aire, analizan a presenza de vida microscópica e examinan o impacto da radiación en organismos como os protozoos ciliados Tetrahymena.

A misión MarumaSat VII contou coa participación de sete centros educativos de toda Galicia. Entre eles destaca o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, que tivo un papel destacado no desenvolvemento da misión. A súa implicación dá visibilidade ao traballo científico que se está a facer no rural galego.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, destacou durante o lanzamento que Galicia ocupa o primeiro posto do Estado en competencia científica, con 506 puntos, 21 máis ca a media española e da OCDE. «Proxectos coma este demostran a capacidade dos nosos centros para traballar en equipo, integrar coñecementos e fomentar a aprendizaxe creativa».

Ademais do instituto cruceño, tamén participaron o IES Miraflores (Oleiros), Maruxa Mallo (Ordes), Eduardo Pondal (Ponteceso), Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela), o CPI O Cruce (Cerceda) e o Centro de Educación Especial de Panxón (Nigrán).

A caída da cápsula en Lalín pecha unha misión que non só reforza o interese pola ciencia entre a mocidade, senón que tamén pon de relevo o papel das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes como espazos activos na vangarda educativa e científica de Galicia, poñendo de exemplo o Camballón.

Tracking Pixel Contents