A Estrada bota a lingua a pasear

Máis de 1.500 alumnos de tódolos centros da Estrada, xunto con un de Lalín e outro de Cuntis, saíron onte a rúa a reivindicar o uso do galego cunha marcha polas rúas da vila que rematou cun concerto e unha entrega de diplomas na Praza do Concello

A Estrada

O Correlingua 2025 deixou unha fonda pegada este mércores nas rúas da Estrada, onde máis de 1.500 rapaces e rapazas de tódolos centros educativos do concello, xunto ao Aurelio Marcelino de Cuntis e Xoaquín Lóriga de Lalín, participaron nunha xornada que combinou música, festa e compromiso lingüístico baixo o lema «A mocidade activa por unha lingua viva». Máis aló do ambiente lúdico e da marcha festiva, o evento serviu para espertar reflexións profundas sobre o presente e o futuro do galego.

«Este ano incorporouse un centro que non participara en edicións anteriores, o Xoaquín Loriga de Prado, o que é unha boa nova. E tamén se achegaron os de Cuntis e Forcarei, que xa é habitual», explicou Xosé Nogueira, representante da CIG-Ensino e coordinador da actividade na Estrada. A mobilización, segundo engadiu, foi «un éxito rotundo de participación», grazas tamén ao compromiso dos centros de maior tamaño, como o CEIP Pérez Viondi e o CEIP Figueiroa: «Só con estes dous colexios xa sumamos case 800 alumnos».

Pero o Correlingua é moito máis ca unha andaina simbólica, como destacou Nogueira, que afirmou que esta actividade «non se reduce só á xornada de hoxe», senón que forma parte dunha programación máis ampla ao longo de todo o curso. «Permite traballar a cuestión lingüística nos centros desde unha perspectiva pedagóxica e integradora. É unha ferramenta moi útil para que a lingua sexa un eixo vertebrador durante todo o ano», explicou.

O carácter educativo compleméntase cunha fonda carga reivindicativa. «Vivimos unha perda constante de galego-falantes, especialmente entre a mocidade, e isto require decisións políticas que impulsen o uso da lingua en todos os ámbitos, coma nos medios, programas audiovisuais, ocio infantil etc», asegura. .

O profesor Cibrán Argibay, do IES Antón Losada Diéguez, valorou a actividade como «importante, porque é unha forma de concienciar os rapaces sobre a situación da lingua e de facer que reflexionen». Segundo explicou, no seu centro «os lemas que gañaron foron ‘A nosa lingua, a nosa forza’ e ‘Galego, unha lingua sen límites’». En canto ao ambiente da xornada, definiuno como «alegre e moi positivo. Os rapaces viñeron a pasalo ben, a cantar, a ensinar o que fixeron nas aulas».

Pola súa parte, tres alumnas do IES Avelina Valladares, Candela, Ainhoa e Manuela, mostraron tamén o seu entusiasmo e compromiso coa lingua. «Participar no Correlingua é un orgullo», e «o galego é a nosa lingua e a nosa comunidade. Temos que falalo e defendelo, porque senón desaparece», sinalaron as pequenas. Trala marcha, houbo un pequeno concerto a cargo do grupo Pauliña, e a festa rematou cunha entrega de diplomas aos centros participantes.

Tracking Pixel Contents