Cultura restaurará o retablo maior da igrexa de Santo Tomé de Parada

O orzamento é de 52.665 euros e o prazo de execución, de catro meses | O conxunto, de estilo neoclásico, presenta graves problemas

Retablo maior da igrexa de Santo Tomé de Parada. |  Bernabé

Retablo maior da igrexa de Santo Tomé de Parada. | Bernabé

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Silleda

O retablo maior da igrexa de Santo Tomé de Parada, no municipio de Silleda, será restaurado cun investimento de máis de 50.000 euros da Consellería de Cultura. En concreto, o orzamento base de licitación é de 52.665 euros, IVA incluído, adxudicarase mediante procedemento aberto e o prazo de execución será de catro meses, desde a sinatura do contrato.

A consellería xustifica a actuación por ter as competencias exclusivas sobre o patrimonio cultural de interese de Galicia e dada a necesidade de realizar intervencións neste templo. Asinou o 2 de abril de 2025 un convenio de colaboración coa Diócese de Lugo para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución de obras de conservación e restauración en propiedades eclesiáticas, entre elas, a de Parada.

A memoria xustificativa indica que o retablo de Santo Tomé é de estilo neoclásico, con columnas de orde clásico. O corpo central está formado por un camarín coroado polo Triángulo Divino enmarcado por raios dourados e franqueado por anxos en posición orante. O retablo está dividido en tres rúas, a central de maior tamaño, enmarcadas con pilastras cadradas. As rúas laterais, están decoradas con fornelas con arcos de medio punto, nas que se colocan as imaxes de San Isidro e San Francisco.

O retablo presenta problemas de tipo estrutural na zona do ático, ataque de insectos xilófagos, desprazamentos no corpo e nas imaxes dos santos, elementos metálicos oxidados, perdas de volume, sucidade superficial, restos de cera de combustión de velas, perda de adhesión entre capas, lagoas de policromía e preparación, pulverulencia da policromía, instalación de cabreado eléctrico, elementos estruturais para o soporte de imaxes non orixinais de época recente, repolicromías na zona do sagrario e nas imaxes de Santa Lucía, San Roque, Santo Tomé e Sagrado Corazón, escombros e almacenamento de material de construción no interior do mesado.

A actuación inclúe labores de desinsectación co fin de eliminar ataques de insectos xilófagos e previlos no futuro; consolidación do soporte nas zonas debilitadas; reintegración de volumes e fendas que supoñan un risco; fixación da policromía, eliminación da repolicromía de imaxes e sagrario, sempre que a subxacente presente un estado que permita a súa recuperación; tratamento de metais; carpintería de restauración; retirada de elementos alleos ao retablo; estucado das zonas onde non exista preparación, reintegración cromática con técnicas discernibles co fin de propiciar unha mellor lectura do conxunto e aplicación dunha nova capa de protección. Tamén se fai precisa a restauración de sete imaxes e do godomecil do altar.

Recuperación da policromía e de oito imaxes

A memoria de Cultura refire un proceso en catro fases, das que a primeira e a última serían a redacción do proxecto e a memoria final. A segunda fase contempla a valoración da estrutura; a protección e fixación das zonas con perigo de desprendemento; a eliminación do cablaxe eléctrico; a desinsectación, a base de permetrinas e disolventes aromáticos; a substitución, con madeira de castiñeiro debidamente curada, dos elementos que, polo seu deterioro, xa non cumpren coa súa función de soporte da estrutura; a consolidación das zonas do soporte posterior que presenten debilitamento; o cambio das táboas do zócalo do mesado por outras de madeira de castiñeiro; e a limpeza do interior do mesado.A terceira fase céntrase na policromía: eliminación de capas non orixinais, limpeza físico química, tratamento de elementos metálicos, reintegración cromática, vernizado final e restauración do soporte metálico do arco do presbiterio para colocación da luz do sagrario e instalación de cableado eléctrico. Tamén inclúe a elaboración de dúas peañas de 80 centímetros de alto en madeira de castiñeiro para as imaxes do Sagrado Corazón e do San Roque. Nestas dúas esculturas faranse catas para valorar a eliminación de repintes, igual que nas de Santo Tomé e Santa Lucía. As catro serán restauradas, igual que as de San Isidro, San Francisco, Cristo Crucificado e Virxe co Neno. Finalmente, acometerase un estudio para a iluminación do retablo e procederase á substitución dos actuais focos do arco presbiterial por outros de tecnoloxía led.

Tracking Pixel Contents