Orazo rexuvenece co Manguelo Folk
Verónica Vázquez, presidenta de 23 anos de Coto Manguelo, lidera o relevo xeracional

Directiva de Coto Manguelo, composta por xente moi nova.
Samuel Pernas
A parroquia estradense de Orazo prepárase para acoller o vindeiro 24 de maio a 13ª edición do Manguelo Folk, un festival que volve consolidarse como unha cita imprescindible da música tradicional galega na comarca. A proposta, organizada pola Asociación Coto Manguelo, vive a súa terceira edición desde que foi recuperada en 2023 tras unha década de parón, e faino cun formato que aposta polos grupos locais, actividades para tódolos públicos e un espírito familiar que se mantén como sinal de identidade.
«Este ano quixemos poñer o foco nas cantareiras, xa que as Letras Galegas están adicadas a elas. Tanto o cartel como a decoración do festival farán unha mención especial a esas mulleres transmisoras de cultura e tradición», explica Verónica Vázquez, unha moza que con 23 anos é a presidenta da asociación organizadora e referente dunha nova xeración de mozos e mozas que se puxeron á fronte do evento de música folk.
«Somos unha directiva moi nova, ninguén supera os 34 anos, e iso nótase tamén nas decisións que tomamos. A falta de experiencia compensámola con ilusión, a forza do grupo compensa calquera carencia. Ademais temos en conta valores que igual antes non se tiñan tanto en conta, e ao final ao ser todos da mesma idade, por así dicilo, entendémonos mellor», engade. Tamén decidiron apostar por grupos da comarca, e como eles son un grupo de xente nova, pensaron en grupos que foran tamén de recente creación.
O Manguelo Folk arrancará pola tarde con varias propostas para que tanto nenos como maiores gocen da xornada desde o primeiro momento. Haberá un obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego, baixo o título «Como sobrevivir en unha foliada», que realiza a propia Verónica Vázquez, e tamén xogos tradicionais a cargo da asociación Xororas.
Ás nove da noite comezará a música coa actuación das pandereteiras de Orazo, un grupo formado maioritariamente por mulleres da parroquia. «Moitas delas son familiares de membros da asociación. Por exemplo, unha das cantareiras é avoa dunha das nosas compañeiras», conta a presidenta con orgullo.
Despois chegará a foliada, coa participación de formacións como as Estraloqueiras, que son unhas rapazas de Silleda; os Charanghaitos de Forcarei, Benofán de Teo; as Pandereteiras do Rivés; e por último o grupo Xodó, unha incorporación recente á escena musical galega. A noite pecharase coa Foliada Aberta «Ata que o corpo aguante», lema e alma do festival, onde se convida a músicos, bailadoras e veciñanza a sumarse á festa e a desfrutar sen hora.
«Queremos que a xente se achegue con ganas de pasalo ben, que non haxa rivalidades, senón bo ambiente, e que se manteña a esencia dun festival familiar, onde todos nos poñamos cara e compartamos espazo con alegría», destaca Vázquez.
Desde que a asociación recuperou o evento hai tres anos, a resposta do público foi cada vez maior. «Ao principio tiñamos medo a que non viñese ninguén, a que non gustase... Pero foi todo o contrario. A parroquia respondeu moi ben, a xente maior apoiounos desde o primeiro momento, os anteriores membros da directiva axudáronnos... Para nós foi moi emotivo ver como estaban orgullosos de nós, por ver que hai ese relevo xeracional», sinala.
Consciente do reto que implica organizar un festival no rural, subliña que contar co apoio institucional é fundamental: «O noso local social é moi pequeno. Sen a axuda do Concello e da Deputación, sería imposible levar a cabo un evento deste tipo». A mensaxe final é clara: «Agardamos que faga bo tempo e que a xente veña con ganas de festa, ata que o corpo aguante».
- Ahora muchos lo ven claro en el PSOE: Lastra fue 'borrada de Ferraz' por la denuncia del 'puterío' de Ábalos... y Cerdán tomó el poder
- Divertículos en el colon: Qué son, cómo prevenirlos, sus síntomas y opciones de tratamiento
- Calleja se despide de Cuatro en Galicia alabando a los gallegos y su gastronomía
- Síntomas para descubrir a tiempo la enfermedad más mortífera y difícil de diagnosticar
- El conocido punto de venta de drogas de Vigo que da problemas cada semana
- Ni dolor de espalda ni hernia discal: los signos de alarma para sospechar de un tumor vertebral
- Encierra a su expareja semidesnudo en el balcón de su vivienda en Vigo y los bomberos acuden con la escalera a rescatarlo
- Ilaix firma por cuatro temporadas