O folclore galego toma as aulas

Foliadas, seráns e obradoiros deron vida a iniciativas como o serán do CEIP Xesús Golmar de Lalín e a foliada do IES Pintor Colmeiro de Silleda. Música, baile e aprendizaxe arredor das tradicións implicaron o alumnado na posta en valor do patrimonio

Serán no CEIP Xesús Golmar de Lalín.

Serán no CEIP Xesús Golmar de Lalín. / Bernabé

Lalín

As celebracións arredor do Día das Letras Galegas continúan a ter un protagonismo destacado nalgunhas programacións municipais e, sobre todo, nos centros escolares das comarcas. Foi o caso do CEIP Xesús Golmar, que estreou onte serán festivo, ou dos colexios de Soutelo e A Bandeira, que acolleron o peche dos obradoiros Instrumentos da Memoria. O Xesús Golmar de Lalín organizou o seu primeiro serán, no que participaron nove agrupacións tradicionais da zona, entre elas Ailola, as pandeireteiras de Bendoiro e de Zobra, Os Trasnos de Doade, A Carballeira de Cercio, Roseira Brava, Randela, Ponte da Prata e Os Dezas de Moneixas. O acto contou tamén coa interpretación conxunta por parte de todo o alumnado de dúas pezas emblemáticas da música galega: A Rianxeira e O galo canta.

Actividade de onte no CEIP de Soutelo de Montes.

Actividade de onte no CEIP de Soutelo de Montes.

A Deputación de Pontevedra vén de clausurar no CEIP de Soutelo de Montes (Forcarei) e no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira (Silleda) os obradoiros Instrumentos da Memoria, unha actividade lúdica e didáctica sobre a música de raíz galega impulsada xunto coa Fundación Legar polo Día das Letras Galegas. A deputada provincial Belén Cachafeiro, encargada de pechar a iniciativa, destacou a importancia de preservar os xéneros populares como parte da identidade cultural. A proposta percorreu dez concellos da provincia e buscou implicar ao alumnado na conservación do patrimonio musical galego. Nenas e nenos puideron coñecer instrumentos tradicionais –moitos elaborados con elementos naturais ou ferramentas cotiás– e afondar na historia e riqueza da nosa música. «Os xéneros populares seguen vivos e debemos preservalos como expresión artística propia», dixo Cachafeiro.

Foliada no IES Pintor Colmeiro de Silleda.

Foliada no IES Pintor Colmeiro de Silleda.

Pola súa banda, o pasado venres 16, o IES Pintor Colmeiro de Silleda acolleu unha foliada no seu patio cuberto para conmemorar esta data tan significativa, que este ano estivo dedicada ás cantareiras. A actividade foi organizada polas docentes Edith Pazó e Nati Diéguez, pertencentes ao departamento de Lingua Galega e Literatura. Ao longo da xornada, sucedéronse actuacións musicais intercaladas con lecturas elaboradas polo propio alumnado, nas que se abordaron distintos aspectos da cultura popular galega: os fogos, a gastronomía, as bandas, a música de gaita, o baile tradicional e o costume do rebusque. No apartado musical, a xornada destacou pola variedade de actuacións, nas que mesmo o profesorado se sumou á celebración interpretando pezas como A Foliada de San Simón e A Muiñeira de Sabaxáns. O alumnado participou de maneira organizada por cursos, ofrecendo un repertorio tradicional que incluíu temas como Catro vellos mariñeiros, A Muiñeira de San Amaro, A Danza de Mens ou A Xota de Moscoso, entre outras composicións representativas do folclore galego.

Actividades sobre mulleres nas Letras e Isaac Díaz Pardo

O músico Antón Ke estará mañá ás 18:00 horas na biblioteca municipal Daniel Castelao de Silleda co seu espectáculo Mulleres nas letras galegas. Acompañado do seu ukelele, fará un percorrido pola biografía de escritoras galegas como Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, Xela Arias, Luisa Villalta ou María Victoria Moreno, e rendirá homenaxe ás cantareiras, protagonistas deste ano do Día das Letras Galegas.

Ao remate, os nenos e nenas poderán participar nun obradoiro de ilustración. A entrada é libre ata completar aforo. Este evento, do ciclo Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia, tamén forma parte da programación das Letras de Silleda. O xoves en Lalín, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, ofrecerá a conferencia O pintor que non quixo pintar sobre Isaac Díaz Pardo, para conmemorar o Día das Artes Galegas, festexado cada 1 de abril en honra a Díaz Pardo.

Tracking Pixel Contents