Entrevista | Leticia López Rey Historiadora e recolledora do patrimonio inmaterial
«É como ter centos de avoas repartidas por toda Galicia»
Leticia López Rey desenvolve, xunto a dous amigos, un proxecto de recollida co que percorren Galicia na procura de cantigas, bailes e tradicións orais en perigo de desaparecer. A través da investigación e da divulgación en redes (@miguelblesta), buscan conservar este patrimonio inmaterial e conectar xeracións

Leticia López Rey.

Leticia López Rey, veciña de Escuadro (Silleda), vén de ser recoñecida polo Concello de Silleda como (in)Visible do mes de maio, mes das Letras, grazas ao seu compromiso coa preservación e difusión da cultura tradicional galega. Xunto a Miguel Barbazán Lesta e Alejandro Martínez Míguez, a historiadora e música leva a cabo un proxecto de recollida no que, porta a porta, van ao encontro de mulleres de toda Galicia que lles transmiten cantigas, bailes e outras expresións culturais que están en risco de desaparecer, evitando así que queden no esquecemento.
-Como comezastes coas recollidas?
-Foi por casualidade. Nós estabamos en grupos de música; eu comecei en Escuadro, no Son da Fervenza. Nas clases ensinábannos as cancións, pero non entendiamos de onde viñan, nin tampouco nolo explicaban moito. Por iso comezamos a ter curiosidade e a querer saber máis. Foi entón cando descubrimos que esas cancións viñan directamente das nosas avoas, que as aprenderan de maneira oral. Como aínda estaban vivas, decidimos comezar a investigar e explorar esa transmisión, aínda que ao principio faciámolo dun xeito moi esporádico.
-Cal é a vosa metodoloxía?
-Cando comezamos, non tiñamos ningunha referencia, era todo unha aventura. Hoxe en día depende de varios factores. Por exemplo, se un profesor nos ensina unha canción de Rodeiro, de Casar de Seta, pode ser porque aínda quede xente viva que a coñeza ou porque nalgún momento houbo alguén que a cantaba. O que facemos entón é ir alí e explorar. Outras veces, simplemente imos directamente ao lugar, sen información previa, á aventura total.
-Pola comarca de Deza falastes con moita xente?
-Estivemos investigando, pero é unha zona máis complexa. A min interésame moito o concello de Silleda, sobre todo polo feito de ser de aquí, pero xa quedaban moi poucas pandereteiras das xeracións anteriores, e case non atopamos nada.
-Notades moita diferenza dependendo da zona de Galicia á que ides?
-Si, inflúe moito, por unha banda, pola propia densidade de poboación. Nas provincias da Coruña e Pontevedra, tanto no presente como no pasado, vivía e vive moita máis xente, polo que resulta máis doado atopar persoas que conserven estas tradicións. En cambio, en Lugo ou Ourense, onde xa historicamente a poboación estaba máis dispersa, engádese o problema de que moita xente emigrou, ben cara ás cidades, ben a outras zonas. É unha dobre dificultade.
-Recolledes de todo.
-Si, todo o que estea destinado a desaparecer, todo o que sexa de tradición oral, pero centrámonos principalmente na pandeireta, o baile e os xeitos de cantar. Pero estamos abertos a todo: roupa, oficios... Intentamos documentar todo o que está a piques de desaparecer ou o que teña ese risco.
-Cal é a maior dificultade que atopades?
-Atopar cantadoras e bailadoras non é doado, porque normalmente estaban presentes nas xuntanzas tradicionais, coñecidas como foliadas ou ruadas, segundo a zona. Eses encontros deixaron de celebrarse a partir das décadas dos sesenta e setenta, e con iso rompeuse a cadea de transmisión. As fillas xa non chegaron a aprender esas músicas e bailes. Agora, a xente que viviu aquela época xa é bastante maior, e se falamos de tradicións que desapareceron aínda antes —na década dos corenta ou cincuenta—, aínda é máis difícil: pérdese moito máis.

Leticia López Rey durante unha recollida. / FDV
-Ocorreuvos algunha vez?
-Houbo lugares onde nos dixeron: «Se viñésedes hai dez ou vinte anos, aínda atopariades mulleres coas que falar, que vos podían contar cousas».
-Tedes algunha anécdota que vos marcase?
-Hai demasiadas, é sorprendente que indo tres rapaces petando nas portas das casas a xente sexa tan encantadora. É como ter centos de avoas repartidas por toda Galicia.
-O voso traballo ten moi boa acollida en redes, a través da conta de Miguel (@miguelblesta en Instagram e TikTok).
-Miguel ten ese afán por ensinar porque estuda Educación Primaria, e é el quen se encarga da parte máis divulgativa, ademais de facer uns vídeos preciosos. Alejandro e máis eu vimos do ámbito da Historia, así que centramos máis o noso traballo na investigación. É un bo xeito de complementarnos e de achegar, entre todos, distintas visións ao proxecto.
- Ahora muchos lo ven claro en el PSOE: Lastra fue 'borrada de Ferraz' por la denuncia del 'puterío' de Ábalos... y Cerdán tomó el poder
- Ni dolor de espalda ni hernia discal: los signos de alarma para sospechar de un tumor vertebral
- Evacuados en helicóptero una niña y un adulto de urgencia desde las Islas Cíes
- Hallan los cuerpos de Txell Fusté y Esteve Carbonell, desaparecidos en los Pirineos hace seis meses
- La Guardia Civil localiza a una niña pequeña deambulando sola por una calle de Nigrán
- Divertículos en el colon: Qué son, cómo prevenirlos, sus síntomas y opciones de tratamiento
- Síntomas para descubrir a tiempo la enfermedad más mortífera y difícil de diagnosticar
- «No podemos vivir el uno sin el otro», afirmaba Marisol, la víctima de Campo Lameiro