O RapaSons trae 19 grupos a primeira fin de semana de xullo

Estarán a Banda de Gaitas de Forcarei, os d´Abaixo, Ruxe Ruxe e La SinCereza Pinchacumbias o día 4, e Olympus e América SL o 5

A Orquesta Olympus será unha das grandes atraccións o sábado da Rapa.

A Orquesta Olympus será unha das grandes atraccións o sábado da Rapa.

A Estrada

Sabucedo prepárase para vivir unha nova edición da súa celebración máis internacional: a Rapa das Bestas. Declarada Festa de Interese Turístico Internacional, esta emblemática cita non é só unha mostra de tradición e respecto polo medio rural, senón tamén unha potente celebración cultural que vai máis aló do curro. Proba diso é o Festival Rapasons, un programa musical e artístico que este ano ofrece unha das edicións máis completas da súa historia, con concertos, pasarrúas, verbenas, espectáculos e moitas outras actividades que encherán a parroquia estradense de vida e ritmo o 4, 5 e 6 de xullo.

O presidente da Asociación Rapa das Bestas, Paulo Vicente Monteagudo, incidiu no papel clave das administracións para facer posible esta programación. «Queremos agradecer ao Concello, á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia o apoio que nos brindan. Grazas a eles, a Rapa é xa moito máis que unha festa con bestas: é cultura, é música, é emoción compartida». Tamén celebrou a liberdade que reciben por parte das institucións para escoller os grupos e artistas participantes: «É importante que nos deixen escoller o que nos gusta, e que nos permitan traballar con propostas de calidade».

O venres, o festival arrancará ás 20.00 horas co tradicional pasarrúas a cargo de Tralha da Terra de Montes. Xa pola noite, sobre as 22.30 horas, comezará o Festival RapaSons, cun cartel no que destacan a Banda de Gaitas de Forcarei, o grupo de música tradicional Os d’Abaixo, os enérxicos Ruxe Ruxe cun estilo máis rock en galego, e pecharán a festa os ritmos da cumbia de DJ Adrián de La Sincereza.

O sábado, a xornada comezará coa música xa a mediodía na Fonte, onde a partir das 14.30 horas haberá unha actuación cada dúas horas. Comezará Bouba, grupo de pandereteiras que homenaxea as cantareiras, protagonistas este ano das Letras Galegas, e despois Os Carunchos, outro referente da música tradicional galega. Por último, ás 18.30 horas, virá a actuación de Tequexetéldere no Curro. Paulo Vicente destacou a calidade da agrupación folclórica estradense: «É xa un clásico, un reclamo para moita xente que sabe que o sábado pola tarde hai música tradicional da boa no curro de Sabucedo». Pola nota, a partir das 21.00 horas, será a quenda de Mekánica Rolling Band, que se está consolidando como unha das bandas imprescindibles da Rapa. E xa para rematar por todo o alto a noite, o Campo do Medio acollerá unha verbena coas populares orquestras Olympus e América SL.

O domingo, a música seguirá soando ca chegada das bestas con Zeltia Irevire ás 11.30 horas no Curro. Despois virán os Festicultores ás 14.00 horas, e a partir das 16.30 horas continuará a festa no Palco da Fonte, cas Pandereteiras do Val de Quireza, e unha hora e media máis tarde, será o momento dos máis pequenos cun concerto de Paco Nogueiras e Zeltia Irevire de novo. Pecharán esta fin de semana de música e tradición Coleguitas e DJ Compota no Campo do Medio a partir das 23.00 horas. Como di Paulo Vicente e os locais de Sabucedo: «Xa cheira a besta».

Tracking Pixel Contents