Forcarei abrirá a inscrición do campamento de verán en xuño

REDACCIÓN

Forcarei

O Concello de Forcarei organizará este verán a 6ª edición do campamento municipal, un servizo gratuíto para as familias, co obxectivo de axudar ás nais e pais do municipio coa conciliación. Dirixido a nenas e nenos de 3 a 12 anos (nacidos entre 2013 e 2021), desenvolverase dende o 1 de xullo e o inicio do próximo curso escolar.

A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, recoñeceu que o campamento de verán é xa «indispensable». «As familias necesitan e demandan un servizo de conciliación e dende o Concello queremos axudalas ofrecendo actividades atractivas que xa son todo un éxito durante as vacacións estivais», manifestou.

O servizo estará dispoñible tanto no núcleo de Forcarei (no salón de actos do centro social) como no de Soutelo de Montes (nas instalacións do multiusos, xunto ao auditorio) e as actividades terán lugar en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres (excepto festivos).

O prazo de inscrición estará aberto dende o 2 ao 19 de xuño. As prazas son limitadas e pode establecerse unha lista de espera. Os usuarios que falten máis de 3 días sen xustificar ao campamento quedarán excluídos. Na adxudicación das prazas terán prioridade os empadroados, nais e pais que traballen fóra da casa e familias monoparentais ou desempregados.

Tracking Pixel Contents