As comarcas alzan a voz pola lingua galega

En Lalín destacou o Serán das Letras, que reuniu dez agrupacións tradicionais; en Silleda, a festa Xonga encheu a xornada de música, xantar popular e foliada. Pola súa banda, A Estrada centrou a súa homenaxe nas cantareiras, protagonistas do pregón

Lalín / Silleda / A Estrada

Os concellos de Deza e Tabeirós-Terra de Montes conmemoraron o Día das Letras Galegas cun amplo abano de propostas culturais e musicais. A Praza da Igrexa de Lalín foi o escenario escollido para acoller o Serán das Letras, unha actividade que reuniu a dez formacións musicais da contorna: Ailola, Asociación Cultural de Pandereteiras Ponte da Prata, A Carballeira de Cercio, Os Dezas de Moneixas, Repenicando, Pandereteiras de Zobra, Pandereteiras de Bendoiro, Randela e Roseira Brava. O serán culminou cun emotivo recoñecemento ás Pandereteiras de Zobra, en homenaxe á súa longa e destacada traxectoria. Ademais, todas as agrupacións participantes luciron prendas do traxe tradicional galego, como mostra de respecto e homenaxe ás cantareiras, así como a todos os músicos e bailadores da cultura popular.

En Silleda, a carballeira das Pedrosas acolleu unha nova edición de Xonga, unha festa que busca ser un espazo de encontro, desfrute colectivo e interacción entre o público e as agrupacións musicais. A xornada comezou cun vermú musical, pensado para fomentar a conversa e a convivencia nun ambiente distendido. Ás 14:00 horas tivo lugar o xantar popular ao aire libre, aproveitando o bo tempo e as temperaturas agradables. O menú incluíu churrasco, bebida, sobremesa e café, e reuniu a veciñanza e visitantes arredor da mesa.

Xonga, onte, na carballeira 
das Pedrosas de Silleda.
| Bernabé / Javier Lalín

Xonga, na carballeira das Pedrosas de Silleda. / Bernabé / Javier Lalín

Pola tarde, a partir das 16:00, deu comezo a foliada aberta, onde cantareiras, bailadores e público compartiron escenario nunha tarde de música e baile. Durante todo o día, houbo xogos populares para todas as idades, actividades culturais e servizo de bar. A organización do evento correu a cargo da Asociación Cultural Xirandola, coa colaboración do Concello, que apoia esta iniciativa como unha mostra de dinamización cultural.

A xornada na Estrada

A Estrada viviu un Día das Letras Galegas especialmente emotivo e reivindicativo, no que o protagonismo estivo centrado nas cantareiras, esas mulleres que durante xeracións transmitiron o saber popular a través da música, a palabra e a tradición oral. O pregón institucional, celebrado na Alameda coincidindo coa Festa do Salmón, reuniu voces novas e veteranas que puxeron en valor un legado cultural que se canta, se baila e, sobre todo, se vive con orgullo. Unha das intervencións máis sentidas chegou da man de María Corral, cantareira estradense e fundadora do Regueiriño de Lamas, agrupación formada en 2017 e composta por quince persoas que se xuntan cada semana na escola de Lamas co obxectivo de cantar, tocar e recuperar pezas da tradición oral galega.

«Todas as pezas que tocamos son recollidas por nós. Moitas están na nosa memoria dende que eramos pequenos. Outras foron aprendidas directamente das mulleres que as conservaron con esforzo e cariño». Corral fixo memoria da súa propia aprendizaxe, lembrando a Xota de Erminda, unha peza que leva ese nome en homenaxe á muller que lla ensinou: «A pesar de dubidaba dela mesma, Erminda sacou todas as coplas cunha forza e unha memoria incrible. Dámoslle o seu nome como mostra de respecto e agradecemento». Tamén quixo deixar claro o valor da transmisión: «Nós non somos as propietarias destas coplas, somos herdeiras. E como herdeiras, temos a obriga moral de ensinar o que aprendemos para que isto nunca se perda. Temos que volver transmitir o que nos transmitiron a nós».

A seguinte intervención chegou da man dunha pequena integrante das Xoaniñas do grupo Tequexetéldere, que emocionou ao público cun discurso poético e reivindicativo: «Non deixemos que a nosa lingua, a nosa música e as coplas das nosas avoas se vaian do noso carón. Deixemos que as Tanxugueiras, as Fillas de Cassandra e as Leilía de hoxe sigan a cantar para que as roseiras sigan a dar rosas». A súa chamada á responsabilidade das novas xeracións foi clara: «Como nenas que somos, reclamamos o dereito a herdar unha lingua e unha cultura que non vivan nos faiados da memoria. Unha lingua que siga viva na gorxa das cantareiras, pero tamén no corazón de todos». O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, pechou os discursos cunha intervención centrada na forza emocional e cultural das cantareiras: «Hoxe, a nosa lingua soa máis ca nunca porque este Día das Letras Galegas está adicado ás cantareiras e, a través delas, á poesía popular interpretada polas mulleres e transmitida xeración tras xeración». Tamén lembrou a figura da cantautora estradense Avelina Valladares, de Berres, á que se lle dedica este ano cultural polo bicentenario do seu nacemento: «Escolleu o galego cando non era doado facelo. Fíxoo por conciencia, por galeguidade, e grazas a ela hoxe somos un pouco máis conscientes da nosa identidade».

Ofrenda floral 
a Avelina Valladares, 
onte, na Estrada.
|  Bernabé / Javier Lalín

Ofrenda floral a Avelina Valladares na Estrada. / Bernabé / Javier Lalín

O acto rematou cunha ofrenda floral a cargo dunha cativa da Banda de Gaitas de Barbude e coa actuación do grupo, que puxo banda sonora a unha homenaxe que foi máis ca un pregón. Como lembrou o alcalde para pechar: «Falade en galego. Cantade en galego. Non hai mellor melodía para este 17 de maio e para os 365 días do ano».

Outras actividades

No CEIP Manuel Villar Paramá, en Outeiro de Vea, o venres desenvolveuse un emotivo festival escolar no que o alumnado rendeu homenaxe á cultura galega a través da música, o teatro e a oralidade. Destacou a peza Os sons da miña casa, que uniu xeracións arredor das pandeiretas. O evento, froito da colaboración entre a escola, as familias e a Asociación Cultural de Couso, rematou cun agasallo simbólico: chaveiros en forma de pandeireta, impresos en 3D.

Festival no colexio 
Villar Paramá.

Festival no colexio Villar Paramá. / FDV

Tamén Vila de Cruces viviu unha intensa xornada ao celebrar o San Cidre, tradición que se mantén viva desde hai máis de medio século da man da Asociación Cultural Punteirolo e o Concello. A programación incluíu o XIX Festival Folclórico e continúa hoxe cun pasarrúas, misa, procesión e actuacións na Praza do Concello.

A xornada de hoxe será máis tranquila en canto a actividades, aínda que Lalín acollerá un concerto da Banda de Vilatuxe ás 12:00 no quilómetro cero, poñendo o broche musical a unha fin de semana que fixo da lingua e a tradición os verdadeiros protagonistas.

Tracking Pixel Contents