Consulta a programación das Letras Galegas nas comarcas

Silleda acolle Xonga nas Pedrosas, A Estrada goza dun concerto de Treixadura e Lalín festexa o día co Serán

Xogos tradicionais na Bandeira.

Xogos tradicionais na Bandeira. / Bernabé / Javier Lalín

Lalín / Silleda / A Estrada

Os concellos de Deza e Tabeirós-Terra de Montes festexan o Día das Letras Galegas cun variado programa de actividades culturais e musicais. Silleda acolle ao longo de toda a xornada a festa Xonga, un evento na carballeira das Pedrosas que busca ser un espazo aberto á música galega. Pola súa banda, Lalín celebra o Serán das Letras, no que participarán dez agrupacións da zona, que tamén amosarán prendas do traxe tradicional. A Estrada tamén se suma ás celebracións co concerto do grupo Treixadura, que se celebrará de forma gratuíta.

Silleda

A carballeira das Pedrosas será o escenario, a partir das 13:00 horas, de Xonga, un evento pensado para o desfrute colectivo e a interacción entre os asistentes e as agrupacións musicais. A xornada dará comezo cun vermú musical, unha actividade pensada para fomentar a conversa. Ás 14:00 horas terá lugar o xantar popular ao aire libre, pois o tempo acompaña, cun menú que incluirá churrasco, bebida, sobremesa e café. A partir das 16:00 horas, a festa dará paso á foliada aberta, na que cantareiras, bailadores e público compartirán unha tarde de música e tradición. Ao longo de toda a xornada, tamén se organizarán xogos tradicionais para cativos e maiores, actividades culturais e un servizo de bar. A organización da festa corre a cargo da Asociación Cultural Xirandola, que, en colaboración co Concello de Silleda, promove este evento.

Tamén no concello de Silleda, a Praza da Feira da Bandeira acolleu onte unha xornada de xogos tradicionais para a cativada, así como a actuación das cantareiras de Xirandola, dentro da programación da Semana Cultural organizada pola Asociación Vista Alegre.

Lalín

Lalín prepárase para acoller hoxe o Serán das Letras, un evento que rende homenaxe á tradición musical galega. A actividade contará coa participación de dez formacións musicais da zona: Ailola, Asociación Cultural de Pandereteiras Ponte da Prata, A Carballeira de Cercio, Os Dezas de Moneixas, Repenicando, Pandereteiras de Zobra, Pandereteiras de Bendoiro, Randela e Roseira Brava. O serán culminará cunha homenaxe ás Pandereteiras de Zobra, recoñecendo a súa longa traxectoria. Ademais, as agrupacións musicais amosarán prendas do traxe tradicional galego como homenaxe ás cantareiras e a todos os músicos e bailadores. O evento dará comezo, na Praza da Igrexa, a partir das 18:00 horas. Ademais, Lalín acolleu onte un concerto de Tiruleque na mesma praza.

A Estrada

A programación do Día das Letras Galegas na Estrada inclúe varias actividades culturais e musicais. A xornada comezará ás 12:00 horas na Alameda co pregón, que contará coa participación das cantareiras Regueiriño de Lamas e Tequexetéldere, acompañados dun breve discurso e actuacións de cada grupo. Ás 12:30 horas, será a quenda da Banda de Gaitas de Barbude, que ofrecerá unha actuación na mesma localización. Pola tarde, ás 20:00 horas, no teleclub de Sabucedo, a través da Asociación Pau de Moca, terá lugar a presentación do libro Contos de vellas iluminadas, de Anxo Arosa. Para rematar o día, o grupo Treixadura ofrecerá un concerto de balde na Praza da Constitución, sendo unha das agrupacións máis destacadas do panorama musical galego.

Contacontos na Casa das Letras da Estrada.

Contacontos na Casa das Letras da Estrada. / FDV

Ademais, a Casa das Letras acolleu onte o contacontos Viaxes e canción dos ratos de Lonxetodo, un espectáculo cheo de maxia e diversión para toda a familia, e un concerto de Roi Casal ás 22:00 horas na Praza do Concello.

Tracking Pixel Contents