A Estrada lanza o ‘Latexo Fest’, un evento pensado para a mocidade

O cartel da primeira edición intégrano Vilu Gontero, Groove Amigos e varios DJ locais

Gonzalo Louzao, Carlos López e Andrés Vázquez, onte, presentando o evento. |  Bernabé/ Javier Lalín

Gonzalo Louzao, Carlos López e Andrés Vázquez, onte, presentando o evento. | Bernabé/ Javier Lalín

A Estrada

Vilu Gontero, Carlos López, Groove Amigos, Telmo e Pedro VR serán os protagonistas do cartel da primeira edición do Latexo Fest, un festival pensado para a mocidade da Estrada, da contorna e mesmo de toda Galicia, e que pretende vir para quedarse. O evento celebrarase o sábado 24 de maio na Praza do Concello, aproveitando a gran carpa instalada para a Festa do Salmón, que se manterá ata a Feira da Sidra, o sábado 7 de xuño. O festival comezará ás 22.00 horas e prolongarase ata as tres da madrugada. A entrada será libre e gratuíta, coa finalidade de ofrecer á xuventude un espazo dentro da programación cultural e de lecer da primavera.

Así o explicou o alcalde, Gonzalo Louzao, durante a presentación do evento, acompañado polo empresario do ocio nocturno e DJ Carlos López, e por Andrés Vázquez, artista detrás de Groove Amigos. Segundo indicou Louzao: «Eu tamén quería, como alcalde, que A Estrada tivese o seu festival da xuventude. Por iso, xunto con Carlos e Andrés, levabamos tempo traballando nun evento que destacase pola calidade dos artistas, a montaxe e as actividades complementarias». Engadiu que o nome do festival naceu «inspirándonos tamén na posición central da vila, no corazón de Galicia».

O Latexo Fest servirá de ponte entre dúas grandes festas gastronómicas do municipio, o Salmón e a Sidra, dentro dunha fin de semana con propostas culturais para todos os públicos.

Louzao e Casal falan da programación.

Louzao e Casal falan da programación.

Carlos López, de Pub Sky e coñecido como DJ Lopezón, ademais de formar parte da organización, tamén actuará no festival. «Apostamos por unha artista arxentina que está no top da música urbana no seu país e a nivel internacional. Estará tamén Groove Amigos, cunha traxectoria que fala por si soa, e logo pecharemos nós, os Djs locais», apuntou.

Pola súa banda, Andrés Vázquez destacou: «É moi de valorar que se aposte por estes festivais tan necesarios, axudando a descentralizar eventos e ofrecéndolles aos mozos da Estrada e arredores a oportunidade de desfrutar de boas actuacións». Engadiu que «a produción vai ser espectacular, á altura dos grandes festivais, polo que animamos ao público a achegarse».

Unhas Letras Galegas cargadas de cultura

Por outra banda, o Concello aproveitou tamén para presentar a programación das Letras Galegas, nun acto ao que asistiu un dos artistas centrais, Roi Casal, quen confesou que «volver á Estrada é como volver á casa». O programa arrinca hoxe cun concerto didáctico en homenaxe ás cantareiras no Teatro Principal ás 20.30 horas, a cargo de Felisa Segade e Montse Rivera. Mañá estará o contacontos «Viaxes e cancións dos ratos» de Lonxedetado na Casa das Letras ás 17.00. Ás 22.00, Roi Casal presentará o seu novo traballo, «Ambos mundos», na carpa da Praza do Concello. Xa o sábado 17 celebrarase o pregón na Alameda ás 12.00 horas, a cargo das Cantareiras e Cantareiros do Regueiriño de Lamas e Tequexetéldere, seguido da ofrenda floral ante o monolito de Marcial Valladares, e da actuación da Banda de Gaitas de Barbude. Pola tarde, Tequexetéldere actuará no Festival Folclórico do Salmón no Teatro Principal ás 19.00 horas e Treixadura pechará a xornada na Praza da Constitución cun concerto ás dez da noite.

Tracking Pixel Contents