‘Brokeback Mountain’ en Sabucedo

Sal do Teatro representará en Lalín «Brokeback Sabucedo», unha traxicomedia romántica que normaliza a diversidade sexual nun contexto emblemático e tradicional como é a Rapa das Bestas, onde un aloitador reencóntrase cun vello amigo da infancia, e xuntos pasan unha xornada memorable

Santiago Telmo  e Borja Salgado, nunha actuación en Arteixo.

Santiago Telmo e Borja Salgado, nunha actuación en Arteixo. / Ramón Yoshimura

Lalín

«Brokeback Sabucedo» chega o 1 de xuño ao Auditorio de Lalín como unha das propostas escénicas máis orixinais e conmovedoras do teatro galego contemporáneo. Dous homes, unha amizade do pasado, e a Rapa das Bestas de Sabucedo como escenario simbólico, onde xorde unha historia de amor que mestura tradición e diversidade dende unha perspectiva galega. Santiago Telmo, actor e un dos protagonistas desta traxicomedia producida por Sal do Teatro, que xa leva dous anos percorrendo Galicia, confirma que «esta é unha historia de amor e liberdade ca tradición máis galega».

Telmo interpreta a Rafa, un profesor de instituto de A Estrada, abertamente gay e que é aloitador veterano. Xunto a el, Borja Salgado (quen tamén é director da compañía) dá vida a Roi, amigo da infancia que marchou a Madrid, que ten alí a súa moza, e que regresa vinte anos despois para participar na Rapa, onde revivirá emocións que cría esquecidas.

Inspirada no exitoso filme «Brokeback Mountain» de Ang Lee, que protagonizan Heath Ledger e Jake Gyllenhaal, a obra parte dese referente pero reconstrúeo desde o noso territorio. «Quixemos facer un paralelismo coa película, pero adaptado á nosa realidade. Se alí os protagonistas estaban nunha montaña en Wyoming coidando ovellas, nós escollemos un espazo igual de simbólico: a Rapa das Bestas de Sabucedo», conta Telmo. A conexión emocional, cultural e incluso estética co lugar é evidente: «É unha tradición fondamente arraigada, cunha carga emocional moi potente, e encaixa á perfección coa historia que queriamos contar nós».

Para os creadores da obra, que dirixe Rocío Romero, a peza non só aborda a diversidade sexual, senón que tamén rende homenaxe á festa da Rapa e ao rural galego, entre outras cousas. «Tamén introducimos temas como o debate sobre os eólicos, que está de actualidade e que aparecen na obra de forma sutil, pero están aí», engade.

Outro dos obxectivos fundamentais de «Brokeback Sabucedo» é rachar cos clixés sobre o que significa ser home, aloitador ou forte. «Na película orixinal aparece a figura do vaqueiro, moi asociada á masculinidade tradicional. Aquí queriamos dicir que un aloitador tamén pode ser sensible, tenro ou homosexual. A orientación sexual non define a hombría», conclúe un dos protagonistas. De feito, a obra inclúe escenas nas que os dous actores representan cabalos, que funcionan como metáfora da forza interior, da beleza salvaxe e do que cada persoa leva dentro

Sal do Teatro segue apostando por un teatro social e comprometido, onde no futuro tratarán temas coma o racismo nas escolas.

Tracking Pixel Contents