Festas da Ascensión: da Romaría das Flores ao concerto das Tanxugueiras
As festas máis picheleiras da cidade terán lugar do 28 de maio ao 1 de xuño cun amplo programa para todos os públicos | Atraccións na Alameda do 17 de maio ao 3 de xuño

A noria, xunto ás demais atraccións, volverá este ano á Alameda compostelá durante a Ascensión. / Antonio Hernández
Lucía Martínez, Ana Triñáns
Non pode concibirse maio en Compostela sen as Festas da Ascensión. Consideradas como as segundas máis importantes da cidade e ás «máis picheleiras», só por detrás das do Apóstolo, estas festas prolónganse durante unha semana, cun amplo programa cheo de actividades para todos os públicos, que inclúen actividades culturais como concertos e pasarrúas; así coma o tradicional Torneo da Chave, os Cantos de Taberna, a Feira Cabalar ou as atraccións concentradas na Alameda, coroadas pola gran noria, entre outros elementos.
Tralo anuncio de que o trío de cantareiras Tanxugueiras actuarán na praza da Quintana o 29 de maio, no que será un dos pratos fortes das Festas da Ascensión, a concelleira de Festas da capital galega, Pilar Lueiro, vén de anunciar este martes o programa completo destas celebracións, que terán lugar entre os vindeiros 28 de maio e o 1 de xuño. Con todo, as atraccións xa estarán na Alameda dende o Día das Letras até o 3 de xuño.
Como é habitual, dentro do marco destas celebracións terá lugar ounha nova edición do concerto de Los 40 Pop Santiago, que será o encargado de dar o pistoletazo de saída as festas o mércores 28, e que este ano traerá a capital galega a artistas de renome, entre os que destaca especialmente Ruslana, terceira finalista de OT 2023. Xunto a ela, subiránse ao escenario de Los 40 o xoves 29 DePol, Javi Chapela, Awy, Malva e Leria. Completan o cartel Adexe & Nau y La Beba.
As Tanxugueiras actuarán o día grande das festas, o 29, a partires das 21 horas na praza da Quintana; namentres na Alameda actuará a Orquestra Marbella. Outro dos pratos fortes destas festas será o clásico Composfest, que «será presentado en breve», segundo informou a concelleira, e terá lugar o venres 30. Con todo, e segundo se pode ver no programa en PDF que acompaña a estas liñas, este evento contará coas actuacións de Grande Amore, Helena Ejea e Howlin’Jaws. Este mesmo día será tamén a quenda do XLVIII Torneo da Chave na Alameda. O día complétase con alborada matinal e verbena.
O sábado 31 terá lugar a gran novidade desta edición, a Romaría das Flores, coas actuacións de De Ninghures e de Tona, a nova banda dun exmembro de la Terbutalina; entre outras no parque de Belvís. Tamén contará coa actuación para a cativada de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Será tamén ese día a Festa dos Maiores en Amio, xantar ao que lle porá o broche de ouro a música de Alma Latina. E pola noite, chega a quenda de Queralt Lahoz, na praza da Quintana, e da orquestra Arizona na Alameda. No último día de programación, a actuación estelar será a da pianista e cantante Guadi Galego -recoñecida co Mulleres de Compostela deste ano-. Antes diso, na quenda de mañá, carreira ciclista e sesión vermú na Quintana coa Banda Municipal de Música de Santiago e Ailá.
Celebración con horario inclusivo e Punto Lila
Para pequenos e adultos non neurotípicos, a programación das festas mantén, coma o ano pasado, un horario inclusivo na Alameda, para que todas e todos poidan gozar das atraccións atendendo todas as sensibilidades e neurodiverxencias. Será os días 23 e 31 de maio e mais o 1 de xuño, entre as 17 e as 19 horas apagaranse as luces e as música, para que especialmente a cativada con maior sensibilidade aos estímulos goce da noria e todas as demais atraccións. Con este tipo de medidas consegue crearse un ambiente más inclusivo e cómodo para aqueles que o necesiten como as persoas con trastorno do espectro autista ou aquelas con particularidades auditivas ou sensoriais.E tamén haberá, un ano máis, o Punto Lila, que estará instalado na Alameda dende o 28 ao 31 de maio, cun horario de atención de 20 horas á unha da madrugada. Trátase de espazos, nos que se sensibiliza o público, e se atende, informa e axuda a vítimas de calquera tipo de agresión sexista ou LGTBIfóbica. A súa finalidade é a de concienciar, previr e gozar a festa baixo o respecto cara as mulleres e a diversidade, fronte ao machismo.