O Serán das Letras de Lalín renderá homenaxe ás Pandereteiras de Zobra

O evento, coa participación de dez grupos tradicionais locais, celebrarase na Praza da Igrexa o día 17 ás 18.00 horas | Cada agrupación traerá una mostra de traxe galego

As Pandereteiras de Zobra, nun recoñecemento en Lalín, en 2017. |  Bernabé/Javier Lalín

As Pandereteiras de Zobra, nun recoñecemento en Lalín, en 2017. | Bernabé/Javier Lalín

Alfonso Loño

Alfonso Loño

Lalín

O Serán das Letras de Lalín, unha cita anual que exalta a lingua, a música tradicional e as fondas raíces da nosa identidade galega celébrase o vindeiro día 17. Este ano, a conmemoración cobra un relevo especial ao estar dedicado o Día das Letras Galegas ás Cantareiras, dándolle visibilidade e valor ao papel fundamental das mulleres na transmisión oral e musical do país. Será o día 17 ás 18.00 horas na Praza da Igrexa.

A concellería de Cultura deseñou un programa sobre a exaltación da música tradicional, convocando aos colectivos locais que manteñen vivo este legado. Responderon ao chamado dez agrupacións da vila, que se xuntarán nun serán emotivo para compartir, co público, a forza e a beleza dun patrimonio que nos une e nos define. É unha cita xa emblemática que conxuga música, tradición e identidade. Acompañando a festa, as agrupacións exhibirán unha mostra dos traxes tradicionais de cada unha das asociacións participantes, poñendo en valor o seu labor na conservación dunha estética propia da historia.

Participan as agrupacións: Carballo de Manteiga, A Carballeira de Cercio, Ailola, Pandereteiras Ponte da Prata, Os Dezas de Moneixas, Randela, Repenicando, Pandereteiras de Zobra, Pandereteiras de Bendoiro e Roseira Brava. O serán culminará cunha homenaxe ás Pandereteiras de Zobra, recoñecendo a súa traxectoria, permitindo a pervivencia dun legado identitario e cultural de primeira orde.

O Serán das Letras é un espazo para recoñecer o traballo cotián de quen mantén vivas as raíces do noso pobo. Será, unha vez máis, unha oportunidade «para recoñecérmonos na nosa lingua, nos nosos sons e nas nosas xentes. Un serán que non é só festa: é memoria activa e identidade compartida», subliña a concelleira.

Das Pandereteiras de Zobra destácase a súa dilatada traxectoria na defensa, conservación e difusión da música tradicional. Galardoadas en diferentes ocasións: premio Lalinenses do ano 2019 na categoría de colectivos e Pandeireta de Honra no Serán das Letras Galegas. «Unhas mulleres que espertan o interese de diversas publicacións e documentais, e que proximamente publicaran un disco para conservar un precioso legado. Son unha biblioteca viva de saberes e de músicas, que nos segue a marabillar coa súa presencia», manifesta.

Carballo da Manteiga, creada en 2015, ten como finalidade a formación e mantemento da música tradicional. A Asociación Cultural e Xuvenil Ailola, comezou a súa andaina no ano 1990, mentras qu Pandereteiras Ponte da Prata, fundouse en 2010. O grupo de baile e música tradicional A Carballeira de Cercio, naceu en 1997; e o grupo de gaiteiros Os Dezas estivo activo desde a década de 1920. En 1994 creouse unha nova banda de gaitas que recolle esa denominación. Repenicando comezou en 2015, Pandereteiras de Bendoiro (2019), Randela (2024) e Roseira Brava, no 2021.

Tracking Pixel Contents