«Instrumentos da memoria» celebra o Día das Letras con obradoiros musicais

Chegarán aos colexios de Soutelo de Montes e A Bandeira o 19 de maio, dentro dos actos das Letras Galegas | O obxectivo é reflexionar sobre a creación musical e as tradicións

Pontevedra

A Deputación de Pontevedra lanza «Instrumentos da Memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz» como parte dos actos deseñados polo organismo provincial para conmemorar o Día das Letras Galegas. Tal e como detallou o deputado provincial Jorge Cubela, é unha actividade que promove a Deputación xunto coa Fundación Legar, un dos grandes referentes no que se refire á conservación e traballo coa música galega, para achegar entre o 12 e o 19 de maio a música de raíz, a creación musical autóctona e as tradicións a escolares de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, As Neves, Fornelos de Montes, Covelo, Vilanova de Arousa, Portas, Bueu, Forcarei e Silleda.

«Despois duns intensos días nos que demostramos, con feitos como a celebración do Día da Danza e a presentación dos Rías Baixas Film Fest ou do libro cos relatos dos Premios Provinciais de Xuventude, que para este goberno provincial a cultura é un dos eixos de traballo fundamentais, comezamos maio con «Instrumentos da memoria. Obradoiros escolares sobre a música de raíz», unha iniciativa que organizamos para festexar as nosas Letras que, neste 2025, dedicamos ás cantareiras e á poesía popular oral», lembrou Cubela, que estivo acompañado no acto de presentación da actividade de Martina Ferradás e Xavier Blanco, da Fundación Legar.

Deste xeito, estes dez obradoiros que espallará a Deputación de Pontevedra en dez concellos da provincia permitirán a través de representacións musicais didácticas, lúdicas, amenas e participativas, dar a coñecer tanto a historia da música galega, como os instrumentos empregados, algúns con base na natureza e outros mesmo en ferramentas de uso cotiá, e entre outras cuestións, os xéneros musicais autóctonos.

O principal obxectivo da institución provincial con esta actividade é reflexionar sobre a creación musical e as tradicións galegas, implicando aos escolares no proceso de conservación do patrimonio cultural e musical, «algo que tanto nos identifica como pobo, que debemos preservar e que, precisamente, este ano se ten convertido en protagonista das nosas Letras da man das cantareiras».

Os obradoiros, que durarán unha hora e cuarto, comezarán o 12 de maio nas Neves (9.30 horas no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé), Fornelos de Montes (12.00 horas no CEIP Doutor Suárez), e Covelo (15.00 horas no CEIP Antonio Blanco Rodríguez) e continuarán o 13 de maio en Campo Lameiro (10.00 horas no CEIP Pedro Antonio Cerviño) e Cerdedo- Cotobade (12:30 horas no CEIP Plurlingüe de Tenorio); o 14 de maio en Vilanova de Arousa (9.35 horas no CEIP Plurilingüe de San Roque-Corón) e Portas (12.30 horas no CPI Domingo Fontán); o 15 de maio ás 9.30 horas no CEIP Montemogos de Beluso, en Bueu; e rematarán o 19 de maio en Forcarei (9.45 horas no CEIP de Soutelo de Montes) e Silleda (12.30 horas no CEIP Ramón de Valenzuela, Bandeira).

Tracking Pixel Contents