Lalín rende tributo á cultura galega durante o mes de maio polas Letras

O sábado 17 actuarán dez grupos locais de música tradicional, que tamén ofrecerán unha mostra de traxes | Pechando a programación haberá un recital de poesía con convidados

A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, acompañada de representantes dos grupos que actuarán o Día das Letras Galegas.

A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, acompañada de representantes dos grupos que actuarán o Día das Letras Galegas. / Bernabé

Andrea Otero

Lalín

O Concello de Lalín presenta unha ampla oferta cultural baixo o nome Lalín nas Letras 2025, para conmemorar o Día das Letras Galegas. Ao longo de todo o mes de maio, veciños e visitantes poderán gozar dunha variada programación que incluirá teatro, poesía, concertos, música tradicional e exposicións. O evento central terá lugar o sábado 17 de maio, cunha xornada dedicada ás cantareiras. A partir das 18:00 horas, a Praza da Igrexa acollerá o Serán das Letras Galegas, no que participarán dez grupos locais de música tradicional, que, ademais de actuar, exhibirán traxes típicos. A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, subliñou a importancia da participación local, destacando que «contar cunha presenza tan ampla de grupos de Lalín é un auténtico privilexio que sitúa á vila como un referente cultural». No propio Día das Letras, renderase tamén homenaxe ás pandereteiras de Zobra, que acaban de gravar un disco co obxectivo de preservar as súas voces e cancións. Segundo comentou un familiar dunha das integrantes, só resta editar o disco e crear unha asociación para buscar financiamento.

A programación comezará o sábado 3 de maio coa representación teatral Fala, fala, falangueira. Ao día seguinte, o domingo 4, proxectarase o documental Fontán, o primeiro rostro de Galicia. Durante a semana, o xoves 8, presentarase o libro Cantareiras de Xosé Manuel Varela e Icía Varela, coincidindo coa dedicatoria deste ano ás mulleres que mantiveron viva a tradición das cantigas populares. O venres 9 será a quenda da obra Cortello de amor, e o sábado 10 ofrecerase un concerto da Banda de Música de Lalín.

Na semana grande das Letras Galegas, o martes 13 representarase a obra As Josefas, mentres que o venres 16 se celebrará a primeira edición da CorreLalín, unha carreira organizada polo IES Aller Ulloa en colaboración co Concello. A carreira está aberta á participación de todos os centros e incluirá a lectura de manifestos pola lingua. Ademais, pola note será o concerto de Tiruleque. O domingo 18, un día despois do Día das Letras, será a quenda do tradicional concerto da Banda de Vilatuxe.

A actividade continuará tamén na semana seguinte. O xoves 22, o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana, ofrecerá unha conferencia. Os venres 23 e 30 haberá teatro coas obras Fagamos o Humor e O que hai que ver, respectivamente. Por último, o sábado 31, Lalín estrea unha nova proposta cultural cun recital de poesía que contará con numerosos convidados.

Tracking Pixel Contents