O goberno ensina o convenio do albergue, coa sinatura «en exclusiva» de Da Torre
O acordo de cesión do terreo está asinado só polos propietarios e polo entón concelleiro de Cultura e Turismo | Reitera a súa participación «directa» na negociación co Xacobeo

O goberno de Silleda mostrou onte o convenio de cesión de uso de terreo para o albergue da Bandeira, «asinado en exclusiva» polo entón concelleiro de Cultura e Turismo, Matías Rodríguez da Torre, xunto cos propietarios da parcela, o 11 de xullo de 2011. Sae así ao paso das declaracións «fóra de lugar, cargadas de improperios, descalificacións e insultos» realizadas polo exedil do BNG ao negar calquera responsabilidade no convenio coa propietaria, o Concello e a Xunta.
O executivo de Paula Fernández Pena, que remite unha serie de enlaces «onde se pode comprobar a participación directa deste concelleiro neste proceso», asegura que o referido convenio «nin sequera foi aprobado en xunta de goberno». Da Torre «foi quen negociou e tramitou o convenio perante o Xacobeo, tal e como consta na acta da sesión celebrada o 28 de xullo de 2011, que pode consultarse integramente na web municipal.
Engade que se reuniu «de maneira individual» con responsables do Xacobeo durante as visitas previas ao terreo onde se instalaría o albergue, chegando a anunciar a súa estrea. A «única intervención» do concelleiro de Obras, Manuel Cuíña, «limitouse á coordinación dos traballos de urbanización necesarios para a súa implantación», recolle o comunicado do Concello de Silleda. Aínda que tales traballos «foron seguidos en todo momento polo concelleiro de Turismo, como se pode comprobar nas fotografías publicadas na prensa».
En relación á inauguración do albergue, «tal e como se lle trasladou no seu momento», o Concello «non tramitou ningún convite, ao tratarse dun acto organizado polo propio Xacobeo nunha instalación da súa propiedade». Con todo, lembra que Da Torre asistiu, do mesmo xeito que o resto de membros da corporación municipal.
O goberno insiste en que a súa prioridade é «responder con claridade ás acusacións dos concelleiros do autodenominado ‘novo BNG’» respecto a convenios con pouca seguridade xurídica para os propietarios. Defende a tramitación de todos os acordos realizados e pide «reflexión» aos edís nacionalistas, «xa que o único convenio que está a xerar problemas a día de hoxe é precisamente o único que tramitou o ‘antigo BNG’».
Este acordo recollía, nunha das súas cláusulas, a obriga por parte do Concello da retirada do albergue unha vez finalizada a súa vixencia, «algo co que o goberno xa manifestou o seu compromiso de cumprimento, tanto á propietaria como ao Xacobeo». Mais no convenio con esta entidade altérase esta condición, ao manter esta obriga por parte do Concello «soamente» durante os primeiros cinco anos, mentres que no resto do período competería á administración autonómica a retirada do albergue: «A cesión do terreo realizarase por un prazo de 15 anos, agás que no termo de 5 anos, debido ás limitacións temporais da dispoñibilidade do terreo por parte do Concello, este prazo non se puidera cumprir. Neste caso, o Concello cederá o uso doutra parcela de similares características á beira do Camiño ata o cumprimento do prazo previsto», reza estoutro convenio. Isto é precisamente o que o goberno tenta conseguir: «que o Xacobeo asuma a retirada do albergue da súa propiedade», momento no que a administración municipal «deixará expedita a finca particular».
Petición de responsabilidade e apoio ao BNG
O goberno local convida á actual dirección do BNG a consultar as hemerotecas antes de lanzar acusacións de convenios sen garantías xurídicas, «que o único que poden xerar é unha alarma innecesaria», polo que «se lles chama, de novo, á responsabilidade». E pídelle a todo o BNG que, á vista dos termos nos que Da Torre asinou o convenio, coa obriga de asumir por parte do Concello os gastos de desmontaxe e traslado do albergue, colabore para que sexa o Xacobeo quen asuma eses gastos.Ponse á disposición da propiedade para conseguir que «a súa finca quede vacía o antes posible», á par que «lamenta toda a polémica xerada». E lembra que agarda resposta do Xacobeo para a creación dunha comisión de seguimento do convenio.
- Una mujer sobrevive al impacto de un rayo que mató a 22 de sus vacas en Rodeiro: «El trueno fue tremendo, un gran susto»
- Una vecina de Aldán, mordida por una serpiente en la mejilla
- Una playa de Galicia se cuela en el ranking de las 50 mejores del mundo en 2025: es la única de España en la lista
- Desaconsejan el baño en la nueva playa de Vigo con bandera azul
- Una enfermera de un hospital de Ourense se enfrenta a 3 años de cárcel por cotillear un historial: «Fue curiosidad»
- Vigueses de más de 80 años, «tirados» en Pontevedra de madrugada por el Imserso
- La miñorana Conchi (56 ingresos en 51 años) por fin disfruta con una terapia top: medio millón de euros anuales
- El pediatra Carlos González, sobre cómo conseguir que los hijos estudien: «Matamos su deseo de estudiar»