Novo récord na Romaría da Rosquilla de Abades con 41 bolos en poxa

A maior cifra rexistrada foi para a creación de Abril Moares, quen tamén levou o primeiro premio, cun total de 105 euros poxados

Silleda

A parroquia silledense de Abades celebrou hoxe, coincidindo co domingo de Pascua, a súa tradicional Romaría da Rosquilla. Esta 37ª edición chegou cargada de sabor e emoción, batendo récords de participación na poxa de bolos, cun total de 41 propostas presentadas, cifra nunca antes alcanzada no evento. Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a homenaxe rendida a Amparo Colmeiro, veciña de Abades, pola súa longa e valiosa contribución a esta festa popular.

No apartado de premios, a orixinalidade tivo nome propio: Sergio Reboredo levou o recoñecemento pola súa recreación da ponte do AVE. O Concello de Silleda premiouno cun bono de 100 euros para gastar no comercio ou hostalería local, e o seu bolo foi adquirido por 60 euros na poxa. O primeiro premio foi para Abril Moares, autora do bolo que conseguiu a maior recadación da xornada: nada menos que 105 euros. Ademais do éxito na poxa, recibiu tamén un vale de 100 euros. O segundo premio recaeu no bolo de Casa Golmar, valorado en 75 euros e adquirido na poxa por 55. O terceiro foi para a casa Amigo de Moalde, cuxo bolo foi poxado por 40 euros e premiado con 50 euros.

Na entrega de galardóns participaron a alcaldesa, Paula Fernández Pena, e as concelleiras de Medio Rural, Asunción García Hernández, e de Cultura, Mónica González Conde. A xornada comezou coa misa cantada polo coro de Ponte Ledesma e despois actuou a Banda de Música Recreativa e Cultural da Bandeira. Xa pola tarde, tocoulle a quenda ao grupo Os Atrevidos. 

Tracking Pixel Contents