Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música tradicional, corais e Carlos Blanco, no Mes das Letras de Silleda

As entradas para o monólogo están á venda a 15 euros

Un obradoiro de patrimonio oral e o vermú das cantareiras pecharán os actos

Pena e Conde con representantes de Vista Alegre, das corais Trasdeza e Vales Mahía, Xirandola e Veciños de Parada.

Pena e Conde con representantes de Vista Alegre, das corais Trasdeza e Vales Mahía, Xirandola e Veciños de Parada.

Silleda

O Concello de Silleda programa para o vindeiro mes máis dunha ducia de actividades culturais, entre as que destacan as que xiran en torno á figura das cantareiras, ás que se dedica este ano o Día das Letras Galegas. Ás xa tradicionais citas promovidas por distintos colectivos con apoio municipal, súmanse outras novas para poñer en valor o legado da música e a poesía popular. Música, obradoiros, artes plásticas, contacontos e humor conforman a programación, presentada pola alcaldesa, Paula Fernández Pena, a concelleira de Cultura, Mónica González Conde, e membros de colectivos participantes, aos que agradeceron o seu esforzo e, en especial, a «dedicación de todas aquelas persoas do noso municipio que durante anos mantiveron e manteñen viva a tradición da música e o patrimonio oral en Galicia».

O calendario arranca o sábado 3 de maio cunha nova edición da Mostra de Baile Tradicional Infantil de Xirandola (18:30, Auditorio da Bandeira), cunha agrupación de Menorca convidada.

O sábado seguinte, 10 de maio, chegará á praza Siñor Afranio o espectáculo familiar «Pelica de Burra», un obradoiro de narración e música a través do programa FalaRedes (12:00 horas).

O luns 12 de maio arranca unha nova edición de Dezarte no Centro Cultural Vista Alegre, da Bandeira. A asociación abre deste xeito a súa Semana Cultural, que continuará ata o venres 16.

Camiño de Nós

O mércores 14 levarase a cabo unha xincana, con alumnado do IES Pintor Colmeiro, arredor do Camiño de Nós, para rememorar a ruta a Compostela que realizaron en 1926 intelectuais galegos da xeración Nós.

O sábado 17, Día das Letras, terá lugar unha edición especial do certame Xonga, promovida por Xirandola e o Concello de Silleda. Achegará ata a Carballeira das Pedrosas durante toda a xornada o espírito da tradición da música popular galega, coa participación de grupos da contorna.

As Mulleres nas Letras centrará o contacontos musical de Antón Ke na Biblioteca Municipal Daniel Castelao o mércores 21 (18 horas).

E o venres 23 (21 horas) chega outro dos pratos fortes, co monólogo «A penúltima», do coñecido actor e humorista Carlos Blanco, no auditorio da Semana Verde. As entradas poden adquirirse en Ataquilla, bar Pukará, cafetería Cuppedia e Concello de Silleda ao prezo de 15 euros (18 en taquilla).

A música das corais do municipio tamén estará presente con dúas citas habituais de maio. Así, o sábado 24 terá lugar o certame Tardes de Primavera, da Coral Polifónica Trasdeza (salón parroquial, 20:30), coa participación da anfitriona, o Coro Vales Mahía e a Coral San Telmo de Tui. E o sábado 31, o festival Voces de Carboeiro reunirá no mosteiro ás dúas citadas formacións do municipio e á Coral de Salcedo.

Tamén na xornada do sábado 24 terá lugar unha aula aberta de pandeireta na praza Siñor Afranio (11:30). E pola tarde, desde as 17 horas, a música tradicional volverá ás fontes e lavadoiros de Parada cunha nova edición da Ruada.

A programación péchase o sábado 31 cun vermú das cantareiras. A partir das 11:30 celebrarase no salón de actos do Concello o obradoiro «Sementando a recollida», sobre patrimonio oral, ao que seguirá a entrega de premios do segundo certame «Presume de lingua», sobre as cantareiras.

Tracking Pixel Contents