Milagre de tapas na Estrada

As xornadas gastronómicas das Santas Tapas comezan este mércores, con propostas tradicionais e de fusión

A Estrada

Os Festivos de Semana Santa están á volta da esquina e os hosteleiros xa preparan os pinchos que darán a degustar nesta nova edición das Santas Tapas. Como cada ano, haberá catro rutas diferentes, a Río Ulla, Río Liñares, Río Deza e Río Umia. En cada unha delas os estradenses e demais visitantes amantes da gastronomía poderán probar diferentes apostas que van dende os platos máis tradicionais, á cociña fusión.

As xornadas comezarán o mércores 16 no horario de tarde. Dende entón ata o domingo 20 serviranse estes pequenos pratos de 12.00 a 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas. Cada un deles ten un prezo de tres euros, aínda que como novidade nesta décimo segunda entrega, os mozos e mozas de entre 18 e 25 anos poderanse aproveitar da Tapa Xove, unha iniciativa a través da cal se bonifica nun 50% o prezo dos pinchos aos máis novos, pasando así a custar 1,50 euros. Para poder conseguir o desconto os interesados deberán presentar antes a súa documentación de identidade na sede da Asociación de Comerciantes de A Estrada (ACOE), onde se lle facilitará a cartilla para poder aplicar a rebaixa nos establecementos hosteleiros participantes.

En total son 22 negocios os que integran a aposta deste ano, e unha vez máis escollerase, unha vez pasadas as xornadas gastronómicas, a mellor tapa en canto a presentación, , mellor tapa tradicional e mellor tapa innovación. Por outra banda, este ano haberá dous premios de 1.000 euros cada un que se sortearán entre aqueles que completen todas as rutas de tapeo. Para inscribirse haberá que sellar en cada establecemento a cartilla coas tapas, e posteriormente introducila nas urnas que se habilitarán específicamente para isto nos locais hosteleiros.

Tracking Pixel Contents