Cando facer rebumbio ten premio

A Banda da Loba, Pablo García, A Estrada Dixital, Flavia A Horta da Casa e Argentinos Burger gañan a primeira edición destes galardóns organizados pola marca local Actual Comunicación dentro da celebración do seu décimo aniversario, e co obxectivo de recoñecer a difusión a través das redes.

Os premiados e demais participantes no encontro, onte no MOME.

Os premiados e demais participantes no encontro, onte no MOME.

A Estrada

Este sábado, A Estrada foi testemuña da entrega da celebración da primeira edición dos Premios Rebumbio, un certame creado para recoñecer as mellores iniciativas de comunicación dixital local. A gala tivo lugar no MOME, cun público entusiasta e a participación de destacados profesionais da comunicación en diferentes ámbitos, que protagonizaron unha serie de mesas redondas en torno á transformación da comunicación.

A entrega comezou ás 13.30 horas, con cinco categorías, nas que se premiaron as mellores prácticas na difusión da identidade, o negocio e a cultura da vila. As entidades gañadoras foron A Banda da Loba, Pablo García, A Estrada Dixital, Flavia A Horta da Casa e Argentinos Burger, que resultaron recoñecidas en cada unha das categorías nas que estaban nominados.

A Banda da Loba gañou o galardón á Mellor difusión do galego en redes sociais polo uso creativo do galego nas súas publicacións, facendo tamén unha reivindicación cultural e lingüística.

Na categoría de Mellor difusión da vida estradense, o premio foi para A Estrada Dixital, un portal de información local que se mantén á vangarda na cobertura de eventos e actividades culturais da vila. A súa capacidade para crear contido relevante a través das redes sociais levounos a facerse co galardón neste apartado.

Por outra banda, Flavia A Horta da Casa levou o premio á Mellor iniciativa local en redes sociais. Trátase dun proxecto centrado na horticultura ecolóxica e na alimentación saudable, que soubo conectar coa comunidade local mediante contidos que fomentan prácticas respectuosas co medio ambiente.

Mentres, o premio a Mellor uso do humor como recurso comunicativo foi para Pablo García, quen domina á perfección a arte de aplicar o humor para conectar co seu público e crear unha comunidade fiel nas redes sociais.

Finalmente, Argentinos Burger foi recoñecida na categoría de Mellor difusión de negocio local en redes sociais. O restaurante, especializado en hamburguesas, logrou captar a atención dos seus clientes de forma directa a través das paltaformas dixitais. .

Visibilizar o talento local

Porén, a gala non só recoñeceu aos premiados, senón tamén aos finalistas, que diariamente contribuensignificativamente á comunicación dixital. Entre os finalistas destacaron Rafa Carbia Pescados e Mariscos e Casal de Creación, na categoría de Mellor uso do galego en redes sociais; Iris Gestoso e @unvalonocastroloureiro, na categoría de Mellor uso do humor como recurso comunicativo; @sinfancialactante e Pastelería Mimela, na categoría de Mellor iniciativa local en redes sociais; As Nosas Músicas e Rosa de Cabanas, na categoría de Mellor difusión da vida estradense; e Pintaletras e Mi Vestidor Azul, na categoría de Mellor difusión de negocio local en redes sociais.

Un dos momentos máis emocionantes da gala foi o recoñecemento a Rubén Rosende, fundador do Xornal da Estrada, como Xove Promesa en Comunicación. Este mozo estradense destacou polo seu compromiso coa información local malia súa curta idade.

Con vistas ao futuro

A gran acollida do evento deixou claro que a comunicación dixital local ten un futuro prometedor en A Estrada. A xornada de premios, organizada por Actual Comunicación, contou cun público numeroso e un ambiente cheo de entusiasmo. A firma organizadora mostrou a súa satisfacción pola resposta obtida e confirmou que os Premios Rebumbio se celebrarán de novo en 2026.

Neste sentido, cabe destacar que o certame naceu para celebrou a primeira década dende a creación de Actual Comunicación, unha marca enfocada no márketing e a comunicación dixital que se ben agora se atopa no centro dun sector en auxe, cando as súas fundadoras, Silvia Alén e Lorena Peñas, se decidiron a adentrarse nesta área, non contaba co respaldo social nin o recoñecemento actual. Nesta liña, pódese dicir que os Premios Rebumbio fixeron historia en 2025 e aseguraron o seu lugar no futuro, como un evento que visibiliza a importancia da comunicación local e o traballo de todos interveñen nela.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents