Dixitalizar a obra do artista que debuxaba nos bares e en anacos de papel
Un pequeno grupo de veciños de Silleda está facendo unha recollida de obras do falecido artista local Toño Paz, coñecido como Toño Catalino. Facía debuxos en panos de mesa, folios ou anacos de papel para logo agasallarllos á xente da vila. O obxectivo é facer un estudo detallado da súa obra, caracterizada polos detalles e as miniaturas

Un dos debuxos do artista silledense Toño Paz.
Moitos artistas nunca chegan a deixar un rexistro da súa obra, por iso cando un deles falece, as súas creacións tamén o fan. Por ese motivo un grupo de veciños e amigos de Silleda está recompilando a obra de Antonio Paz, coñecido na vila como Toño Paz ou Toño Catalino. A súa obra quedou esparexida pola vila, xa que na maioría dos casos sentábase na barra dalgún bar a debuxar en panos de mesa ou anacos de papel que levase enriba. Todas esas creacións foinas agasallando a persoas da vila. «Moitas das súas obras estaban feitas en folios, panos de mesa ou anacos de papel», conta Lucía Ares, unha das veciñas de Silleda que participa nesta recollida artística. «Cando tiña os debuxos feitos, agasallábaos por aí, polo que seguro que hai moita xente da vila que ten algunha obra súa nalgún recuncho da casa».
Toño González, artesán silledense e amigo de Toño Paz, é un dos impulsores desta iniciativa. «O que queremos é facelo partindo do humano, Toño transmitía moitos pensamentos e críticas a través da súa arte, e iso é o que queremos conseguir con esta recollida», conta o artesán, quen define a Catalino como «un home que sempre dicía a verdade». O obxectivo desta iniciativa é dixitalizar a súa obra para que perdure ao paso do tempo. «Cremos que ten moito valor, tanto como obra artística como en recordo desta vila», asegura Ares.
Este grupo de veciños leva días recibindo chamadas de xente que quere compartir con eles os debuxos que ten na casa de Toño Paz. «Daquela todo o mundo quería un debuxo del. Pasaba gran parte do día no bar Avenida, polo que o 80% dos seus debuxos foron feitos e regalados alí», conta González. O obxectivo final desta iniciativa é crear un catálogo de estudo de cada un dos debuxos do artista local. «A maioría da obra de Toño (Paz) son traballos en miniatura, xa que dominaba moi ben os detalles», asegura.
Este pequeno grupo de amigos e veciños está formado por Abraham Castro, arquitecto de Silleda; Toño González e Lucía Ares, de Coas Mans Artesanía; Mónica e Salomé Fondevila, primas de Toño Paz; Manolo, do bar Avenida; e María Ares Fondevila. «Un día recibín unha chamada de Abraham, púxenme en contacto coa familia de Toño (Catalino) e xa comezamos coa iniciativa», conta Toño González.
Os interesados en aportar algunha obra de Toño Catalino a esta recollida poden poñerse en contacto con este grupo de veciños en persoa ou a través das redes sociais. Piden que se comparta o máximo para chegar ao maior número de persoas posibles.
Murais de homenaxe
O artista Toño Paz faleceu en decembro de 2016 aos 54 anos no domicilio familiar do lugar de Outeiro, onde residía só tras o pasamento de seus pais. Era unha persoa moi coñecida en Silleda e un «gran divulgador da cultura universal, pero tamén da galega», apunta González, quen xa elaborou dous murais inspirados en debuxos do seu amigo: un sobre as feiras que había na vila na década dos cincuenta e dos sesenta -os días 6 e 23 de cada mes- e outro coa figura dun espantallo.
- Tensión a bordo de un vuelo de Iberia parado más de tres horas en la pista del aeropuerto de Santiago
- Alberto Carral, oncólogo gallego: «Hay un aumento de cáncer de colon en personas más jóvenes por los hábitos de vida»
- Xurxo Mariño, neurocientífico: 'No podemos curar el alzhéimer ni el párkinson porque no conocemos con detalle su génesis
- Dr. Víctor Bravo, endocrino: 'Comer menos y andar más no es la mejor solución para perder peso
- El pediatra Carlos González, molesto con la obsesión de muchos padres: «Qué más da...»
- Detectado en Madrid el primer caso de 'síndrome del niño burbuja', que ya está en tratamiento
- La paradisíaca playa de aguas turquesas y arena fina a solo 15 minutos del centro de Vigo: un remanso de paz
- El furancho a un paso de Vigo que no te puedes perder: sirve churrasco y es de los pocos que abre al mediodía