Un Día do Pai con relevo xeracional no sector primario

A distribuidora de pensos Nudesa compartiu nas súas redes varias imaxes de pais e fillos que traballan e traballaron na empresa xuntos. Un dos seus propósitos de Aninovo era incorporar novas xeracións á actividade gandeira a través de formación.

Arriba á esquerda e no medio: Lucas e Manuel Mosquera; Diego e Avelino Suárez. Abaixo á esquerda: os dous Domínguez, que comparten o nome de Antonio. No medio arriba: Javier e Manuel Presas. Arriba á dereita: Yago e Sem Rodríguez. Abaixo á dereita: José Luis e Roi Froiz.

Arriba á esquerda e no medio: Lucas e Manuel Mosquera; Diego e Avelino Suárez. Abaixo á esquerda: os dous Domínguez, que comparten o nome de Antonio. No medio arriba: Javier e Manuel Presas. Arriba á dereita: Yago e Sem Rodríguez. Abaixo á dereita: José Luis e Roi Froiz. / Cedidas

Silleda

A empresa silledense Nudesa festexou o Día do Pai lembrando o relevo xeracional, marca da empresa, poñendo en valor as xeracións de familias que desenvolven a súa traxectoria laboral con eles. A distribuidora de pensos compartiu nas súas redes sociais varias imaxes de pais e fillos que traballan ou traballaron na empresa, todos eles coincidindo nalgún momento no tempo. A pesar de que o vídeo foi realizado o ano pasado con motivo da inauguración da nova fábrica, localizada no Polígono Industrial Área 33 de Silleda, para eles foi o momento perfecto para lembrar que a familia é unha parte máis da marca Nudesa, que ofrece formación para asegurar o relevo xeracional no sector primario, do que vive boa parte do municipio trasdezán.

Avelino e Diego Suárez, pai e fillo, traballan xuntos na actualidade na distribuidora de pensos. Avelino leva xa 37 anos en Nudesa, mentres que o seu fillo, Diego, leva 6. Sem Rodríguez, pai de Yago Rodríguez, leva 23 anos de dedicación á empresa, así como o seu fillo leva 2 anos. José Luis Froiz, agora xubilado, estivo 41 anos traballando en Nudesa, e agora o seu fillo, Roi Froiz, leva xa 10 anos de servizo. Lucas Mosquera, pai de Manuel Mosquera, ten xa un percorrido de 23 anos na empresa silledense. Mentres tanto, o seu fillo Manuel leva 2 anos de experiencia laboral. Todos eles traballan ou traballaron directamente na empresa, nas dúas instalacións coas que contan en Silleda. Por outra parte, Antonio e Antonio -fillo- Domínguez son traballadores, pero a través dunha empresa de transporte. O pai leva 44 anos de servizo a Nudesa e o fillo, 20 anos.

Nudesa tamén lembrou a Manuel Presas, xubilado dende o ano pasado. Presas traballou na empresa dende o ano 1978 ata 2024, é dicir, 46 anos. O seu fillo, Javier Presas, segue o seu legado dende o ano 2000. «Esta historia é só un dos moitos exemplos de relevo xeracional que temos en Nudesa, onde a paixón polo traballo e o compromiso cos nosos valores se transmiten de xeración en xeración», compartía a empresa nas súas redes sociais.

Relevo xeracional

Un dos problemas aos que se enfrontan moitos sectores é a falta de relevo xeracional, pero en Nudesa anticípanse a iso con prevención e formación. «As nosas granxas integradas de porcos son as que teñen maior taxa de relevo xeracional de Galicia», indican dende a empresa. De feito, un dos propósitos de Aninovo de Nudesa é a incorporación de novas xeracións á actividade gandeira, promovendo a transmisión de coñecementos e adaptándose ás tendencias do sector.

Tracking Pixel Contents