Entrevista | Darío Loureiro Actor
«Non me esperaba recibir o premio, estaba nominado con grandes actores»
Con 27 anos de idade, Darío Loureiro xa pode dicir que ten un Premio Mestre Mateo. Foille entregado este sábado na gala que tivo lugar no Lalín Arena, polo seu papel na serie Rapa. Malia a que é natural de Teo, este xoven actor conta cunha estreita relación coa Estrada, para a que incluso tivo un oco no seu discurso de aceptación do recoñecemento, e que estes días comparte a nova con orgullo.

Loureiro posa co Mestre Mateo.
Darío Loureiro Carbia (27) é natural do concello de Teo, mais a súa relación coa vila estradense é estreita e vén de hai tempo. Como saxofonista da Banda Municipal e integrante de Tequexetéldere, este xove actor é querido e coñecido no pobo. Por iso, tras recibir este sábado o Premio Mestre Mateo á Mellor Interpretación Masculina polo seu papel en «Rapa», A Estrada compartiu a ledicia como se dun veciño máis se tratase.
—Como se sente gañando este premio?
—Moi contento, tratando de crermo aínda. Porque ao final este non é un recoñecemento a min só, senón a todo o equipo que hai detrás. Ademais, os que votan son xente da industria, compañeiros de profesión, o que fai máis especial que me escolleran a min.
—Entendo entón que escoitar o seu nome na gala o pillou por sorpresa. Non imaxinaba que podía ser vostede o que recollería a estatuíña?
—A verdade é que non. Estaba nominado con grandes actores como son Javier Cámara, Javier Gutiérrez e Federico Pérez, polo que me sentía bastante afortunado xa só de ver o meu nome ao lado do deles. Loxicamente sempre hai unha posibilidade de que che toque, pero se son totalmente honesto, non contaba con ser eu.
—Leva moitos anos na industria. Lémbrase dos seus comezos?
—Dende logo. Comecei aos sete anos, sendo moi pequeno. Sempre tiven claro que me gustaba isto, para min era como un xogo, máis que un traballo. Tiven a sorte de saber manterme ao longo de todo este tempo, e xa van alá dúas décadas. Polo que este premio tamén o vexo como un recoñecemento non só ao meu papel en «Rapa», senón a toda a miña traxectoria.
—Sendo tan novo cando interpretou as súas primeiras liñas, un podería pensar que a súa paixón pola actuación podía mudar. Porén, vostede decidiu seguir apostando por esta carreira. Nunca tivo dúbidas?
—Non. É certo que esta profesión é moi inestable, así que malia saber que me quería dedicar a isto, nunca descoidei os estudos, e incluso rematei a carreira de Enxeñería Industrial para ter sempre un plan B ao que botar man se isto non ía adiante. Con todo, actualmente quero seguir por esta vía. Moitas veces pregunteime se ao volverme maior comezaría a velo como un traballo e xa non desfrutaría tanto da interpretación, pero por fortuna manteño a ilusión de cando era un cativo.
—No seu discurso tivo unhas palabras para os seus amigos da Estrada. Vostede é natural do conello de Teo, pero mantén unha relación estreita coa vila estradense. Fálenos un pouco dela.
—Así é. Fago moita vida social alí, xa que é onde teño a maioría das miñas amizades. Dende que me anotei no Conservatorio cando era pequeno, a agora como integrante da Banda Municipal e de Tequexetéldere, síntome como un veciño máis. Son estradense de adopción (risas).
—Cónteme agora sobre o seu papel en «Rapa». Diría que marcou un antes e un despois na súa carreira?
—Por suposto, e a todos os niveis. Para empezar, era a primeira vez que interpretaba un papel protagonista, e nun proxecto de envergadura nacional, como o era «Rapa». Non só me axudou a crecer profesionalmente, senón que me deu máis visibilidade como actor. Pero ademais, tiven a sorte de crear novas relacións con compañeiros que son xa amigos, e afianzar as que xa tiña. Ao comezo estaba un pouco nervioso, tiña medo a non ser capaz de facelo ben, precisamente por esa maior exposición que leva asociada.
—Como foi o proceso de comezar a rodaxe?
—Cando comezamos a rodar xa levabamos moitos ensaios detrás. Eu, por exemplo, traballara moitas horas o guión con Mónica López. Así que non estaba nervioso, pero é certo que sentía un nó no estómago, unha especie de expectación, imaxino, que agardo non perder nunca.
—Para rematar, como se presenta o futuro de Darío Loureiro? Ten algún outro proxecto entre mans?
—Así é. Actualmente estou traballando noutra serie rodada aquí en Vigo, tamén de ámbito nacional, pero da que non podo falar demasiado polo de agora (risas). Dende que rematamos «Rapa» tiven tempo para descansar e agora estou coas pilas cargadas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una camarera tras probar de la botella que abrasó al empresario Pablo González: «Esto no es agua»
- ¿Qué había en la consumición de Pablo?
- Belleza perruna: estas son las 10 razas de perro más bonitas que existen
- «Que no se hagan ilusiones; las reformas del papa no tienen vuelta atrás, salvo que quieran una Iglesia de museo»
- Un joven de Vilagarcía fallece en una caída de moto en Cádiz
- Micosis fungoide: así es el cáncer raro que se confunde con otras enfermedades de la piel
- El trago de agua que casi acaba con la vida de Pablo González: «En segundos noté que me quemaba vivo por dentro»
- Cáncer de ano: un riesgo para los mayores de 50 años que puede confundirse con almorranas