Sandra Pérez Caaveiro // Presidenta da Agrupación Deportiva Escolar da Estrada e profesora de Educación Física no IES García Barros
«Na Estrada os nenos teñen unha oferta moi ampla de deportes para probar»
Sandra Pérez é a coordinadora e presidenta da Agrupación Deportiva Escolar da Estrada, unha entidade na que participan todos os mestres de Educación Física dos centros educativos do municipio, ademais de Cuntis e Moraña. O seu obxectivo é fomentar a práctica do deporte e dunha vida saudable entre os alumnos. Falamos con ela para saber algo máis do seu traballo.

Sandra Pérez, no pavillón Coto Ferreiro, durante unha das actividades da agrupación. | Bernabé | BERNABÉ
-Que é a Agrupación Deportiva Escolar da Estrada?
-É unha figura que se recolle dentro da Secretaría Xeral para o Deporte, que asina convenios coas diferentes agrupacións deportivas zonais. Nelas pode participar calquera que queira promocionar a actividade física deportiva. No noso caso, aquí na Estrada, Cuntis e Moraña, a agrupación escolar está formada por todos os profisores de Educación Física, tanto dos centros de primaria como de secundaria dos nosos municipios. O noso obxectivo é organizar actividades que promocionen as actividades físicas e, sobre todo, encontros de convivencia cos rapaces de todos eses coles.
-Estamos a falar dunha agrupación que, a pesar de que pode resultar descoñecida para moitos, xa leva moitos anos de traballo. Como mostra está Toño López, o home de quen colleu vostede o testigo como presidenta e que o deixou despois de trinta anos.
-Si, eu empecei a traballar nesta zona fai quince años e Toño xa levaba outros tantos anos como coordinador e presidente da agrupación. Penso que o éxito desta asociación en comparación a outros sitios nos que traballei é que o meu posto como presidenta e un mero posto para figurar, simplemente por ter una cabeza visible. Realmente o traballo é sempre en equipo. Por exemplo, cada xornada que organizamos ao longo do ano se encarga dela un grupo de profisores. Aquí non hai unha persoa que asuma sempre o mesmo traballo. O bo é atopar tantas persoas, neste caso mestres de Educación Física, que pensan todos o mesmo. Incluso temos una profisora do colexio de Vea que é de Pedagoxía Terapéutica pero como xa participou nisto noutras ocasións e lle pareceu importante, segue colaborando.
-Cantos centros participan nesta agrupación?
-Son doce centros, o que implica tamén moitos alumnos.
-Cal é a proposta principal para todos eses nenos?
-Organizamos xornadas ao longo de todo o curso para todos os niveis dentro do Xogade e con actividades variadas. Os máis pequenos participan en xornadas de multixogo. Son moitísimos. Creo que é unha das actividades máis complicadas de organizar. Estamos falando de máis de 400 nenos, uns 450. Depende dos niveis temos máis ou menos participantes. O que se intenta que todos os cursos teñan polo menos unha xornada de actividade á que vir. Os nenos da Estrada están afeitos a participar nestas xornadas, porque o veñen facendo desde sempre. A nosa idea, é o que nos parece máis interesante, é que eses coles do rural teñan a posibilidade de convivir con máis nenos, porque soen ter grupos reducidos. Logo tamén temos unha xornada que me gusta moito que é a da Educación Física na Rúa, que tamén xestionamos.
-Teñen que vir todos os alumnos ou só os que queiran?
-A nosa idea é que veñan como van a clase de Educación Física. A verdade é que xa non atopas a nenos que non queiran vir. Son competicións nas que non se contan os resultados. Sempre hai competición entre eles pero no hai iso de que só xoguen os bos. Outra cousa que facemos é que eles mesmos se encarguen de arbitrar ou explicarlle no caso dos pequenos. Está sendo unha experiencia chula para eles, especialmente cos nenos, porque teñen unha sensación de responsabilidade.
-Isto non deixa de ser unha forma de fomentar o deporte.
-Si, nos estamos sempre fomentando hábitos saudables. Tentamos transmitirlle os nosos valores: participar, moverse, convivir... por iso tentamos traer a todos os alumnos. Aos que se lles da ben o deporte normalmente xa o fan pero é interesante traer a aqueles que non se lles da tan ben que proben. Hai nenos por exemplo que veñen a xogar a unha xornada de bádminton e logo se apuntan á escola despois de probalo. O mesmo pasa co cross. Non é o noso obxectivo pero é algo bonito.
-Falaba de que chegou á Estrada fai quince anos, como valora o estado do deporte de base neste Concello?
-Na Estrada os nenos teñen unha oferta moi ampla de deportes para probar. Iso é fundamental. Se tes experiencias positivas na práctica deportiva de neno acabarás tendo prácticas saudables. Aquí teñen moitas posibilidades e é raro o neno que non proba máis dunha actividade. Ao ter máis variedade podes chegar a máis nenos. Para min soamente hai un oco por cubrir. Falo deses rapaces que xa son maiores pero non son bos en competición. O sistema deportivo está xestionado en base aos resultados como base motivadora. Faltaría ter máis espazos para eses rapaces que non se atopan a gusto competindo. Iso nótase especialmente nas rapazas adolescentes, ás que se lles costa atopar un espazo no que se atopen a gusto para poder seguir facendo deporte. En etapas máis altas moitas delas rematan deixándoo.

Concentracións no pavillón Coto Ferreiro durante todo o curso. A Agrupación Deportiva Escolar organiza concentracións no pavillón Coto Ferreiro para diferentes cursos, nas que chegan a xuntar a máis de 400 alumnos para disputar partidos de deportes varios. Ademais, tamén organizan o campionato zonal de campo a través e a actividade de Educación Física na Rúa.
- Niño Becerra enciende las alarmas: «Si vamos a peor, en verano podemos llegar a una situación Covid de paralización de la economía mundial»
- Consiguen detener al conductor de un camión que circulaba sin control por la A-55 debido a una crisis diabética
- Si tengo el ácido úrico alto, ¿qué debo comer, y que no, para bajarlo rápidamente?
- Sorpresón en Pasapalabra: Rosa gana el rosco y se lleva el premio
- La desconocida playa de la ría de Vigo que estrena bandera azul este verano: está a un paso del centro urbano
- El caso de los asesinatos de cuatro hermanas gallegas
- De la vanguardia a la ruina
- El «Pitanxo» hizo 19 mareas en un área que tenía vetada por su peso