Lalín encara o día grande dun Cocido cada vez máis duradeiro

O alcalde lalinense, José Crespo, destacou que a vila ofrece xa "seis meses completos de cocido a fartar” durante o ano

Presentación da Feira do Cocido de Lalín no Centro Superior de Hostalaría de Galicia. |  Xoán Álvarez

Presentación da Feira do Cocido de Lalín no Centro Superior de Hostalaría de Galicia. | Xoán Álvarez

Javier Ramos

Santiago

O vindeiro domingo 23 de febreiro Lalín celebrará unha nova edición, a número 57, da súa Feira do Cocido, unha cita que medra ano tras ano en asistentes, programación e alcance a nivel internacional. O alcalde, José Crespo, participou este luns na presentación no Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), onde destacou que Lalín ofrece xa «seis meses completos de cocido a fartar» durante o ano. Dende que rematan as últimas festas patronais, no mes de setembro, e ata mediados de abril, convértese na capital do cocido, con multitude de estabelecementos ofrecendo este prato tradicional da gastronomía galega.

O chef Álex Iglesias afondou nos segredos da súa elaboración, que levou á práctica cunha pequena ración para a súa degustación por parte dos presentes. O fundamental, apuntou, é a materia prima, posto que é a calidade e o coidado dos produtos o que define o sabor e o éxito deste prato. Así, destacou que as carnes han de ser «salgadas, afumadas e curadas» para ter o seu arume característico, á vez que mencionou a importancia dos grelos, elemento «imprescindible» mesmo en anos de mala colleita, coma este. Do mesmo xeito, incidiu en que se debe maridar cun bo viño, preferiblemente da Ribeira Sacra; e acompañalo cunha boa sobremesa conformada por postres caseiros.

O alcalde de Lalín centrouse nas novidades que incorporará esta edición da Feira do Cocido, que por primeira vez este ano estará irmandada coa Festa da Filloa de Lestedo, outro prato típico das datas do Entroido para acompañar as carnes, verduras e legumes. Ademais, Crespo recalcou que esta será a primeira ocasión na que o Cocido terá «un pregoeiro de fóra da Península Ibérica». A honra, como xa é sabido, corresponderalle ao embaixador do Xapón en España, Takahiro Nakamae, tamén como mostra da crecente internacionalización da cita. Nakamae pasará a formar parte da orde de comendadores do Cocido, que medrará en dez novos integrantes.

«Ás veces hai ata problemas para poder elixilos», asegurou o rexedor lalinense, que dixo ter recibido só nesta edición máis dunha ducia de propostas de novos comendadores diferentes só de «xente importante» de Madrid. Entre as novas incorporacións están o presidente e a vicepresidenta de Prensa Ibérica, Javier Moll e Arantza Sarasola; a tenenta de alcalde de Lalín, Paz Pérez; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o deputado do PP Francisco Conde; o escultor Asciclo Manzano; a piragüista e medallista olímpica Teresa Portela; a presidenta do Real Club Celta de Vigo, Marián Mouriño; o presidente da Deputación de Pontevera, Luis López; e o propio Takahiro Nakamae.

Proxección do municipio

Todos eles terán a misión de pregoar as virtudes do Cocido de Lalín e da propia vila, que experimenta cada ano unha afluencia de xente cada vez maior atraída pola popularidade da súa cociña. José Crespo reiterou a importancia dos actos relacionados con esta feira para a economía de toda a comarca; algo no que coincidiu co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que tamén participou na presentación desta festa.

Merelles trasladou a súa «satisfacción» polo próspero rumbo co que navega esta cita e vaticinou unha afluencia «masiva» este domingo nas rúas da vila con motivo do día grande. Salientou que eventos coma este, fóra das tempadas de maior actividade turística en Galicia, permiten dinamizar e desestacionalizar esta actividade nun dos períodos do ano de menor rendemento; polo que parabenizou ao Concello de Lalín por contribuír en positivo nesta causa ao ter convertido o cocido nun atractivo turístico «activo todo o ano».

Tracking Pixel Contents