Entrevista | Ton Risco Percusionista e baterista

«Dirixir esta Big Band é intenso e moi gratificante»

O Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso celebra hoxe o segundo concerto dunha entrega anual de colaboracións con grandes nomes da escena galega e nacional. Neste caso, conta coa participación do vibrafonista e percusionista Ton Risco

Risco, onte, durante os ensaios coa Big Band no Teatro Princiapal.

Risco, onte, durante os ensaios coa Big Band no Teatro Princiapal. / Bernabé/ Ángel Abeledo

A Estrada

Ton Risco é un dos grandes referentes do jazz en Galicia, destacando pola súa mestría co vibráfono e a súa versatilidade como baterista e percusionista. Premiado cos Martín Códax da Música, leva anos explorando novas sonoridades e colaborando con músicos de primeiro nivel. Hoxe no Teatro Principal da Estrada xunto á Big Band e ao Coro do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, nun concerto que promete ser unha celebración da música contemporánea. Falamos con el para coñecer máis sobre a súa traxectoria, as súas influencias e o que nos agarda nesta actuación especial.

—Como xurdiu esta colaboración co OMM Carlos Barruso?

—Pois dentro de Galicia xa nos coñecemos todos. O ano pasado, cando contaron coa participación de Joan Chamorro, achegueime ao ensaio. Daquela Rubén Servide ofrecérame tocar o domingo con eles, pero eu non podía. Así que fai uns meses volveu a poñerse en contacto conmigo e aquí estou.

—Que tal a experiencia dirixindo aos músicos da Big Band estradense?

—A verdade é que é moi intenso, pero sobre todo gratificante. Eu son máis músico que director, polo que estou asumindo unhas responsabilidades ás que non estou acostumado. Si que dirixo a Big Band do Conservatorio pero máiscomo unha materia, mentres que aquí hai auténticos profesionais e o tempo para prepararnos é limitado.

—Contarán con algunha novidade no repertorio do domingo?

—Efectivamente. Hai catro temas clásicos con solos de vibráfonosque veñen da literatura da Big Band de Terry Gibbs. Serían Band’s groove, Too close to comfort, Dancing in the dark e Softly. De calquera xeito, xa o feito de contar con este instrumento é pouco común, e polo tanto eu penso que un aliciente á hora de animarse a achegarse ao concerto.

—Precisamente gustaríame preguntarlle sobre esta cuestión. Como ben di, o vibráfono é un instrumento pouco habitual no jazz. Que o levou a especializarse nel concretamente?

—É algo curioso, e supoño que máis que nada foi cuestión de hazar, como moitas cousas que suceden. Eu comecei na música tocando a bateria con meu irmán en bandas de rock. Despois, cando enganchei coa percusión clásica, porque era a única formación oficial que había daquela, empeceime a meter máis nese mundo. Cando vin a alguén tocar a marimba fascinoume que sendo un instrumento de percusión, que se tocaba con baquetas, tivese melodía, e podíase facer harmonía. Máis tarde, cando marche para Holanda, fixen o superior de vibráfono jazz ao mesmo tempo que o de percusión clásica. Hoxe en día traballo como profesor do último, pero digamos que a miña faceta de músico é como vibrafonista de jazz.

—Isto lévame a preguntarlle pola súa faceta de docente. Como ve vostede o futuro do jazz, especialmente entre a xuventude?

—Nos últimos 25 anos vin moitas mellorías, especialmente no contexto de Galicia, que é o meu círculo máis próximo, pero tamén a nivel España. Penso que houbo moita xente que coma min, marchou a estudar fóra, e ao tornar importou cousas deses outros panoramas. Isto é unha boa noiticia e penso que se notou. De repente, España enteira arrancou, e podes atopar a un bo saxofonista ou un bo contrabaixista en calquera lugar do país, sen ter que ir ás grandes cidades. Pero existe un handicap, que é que non hai tanto apoio institucional como debería. Mentres en cada Comunidade Autónoma hai unha ou máis orquestas sinfónicas, e moitas non hai Big Bands. Tampouco hai conservatorios profesionais de música moderna. nese sentido, hai un agravio comaparativo da música clásico con respecto ao jazz, cando hai moita xente que se quere dedicar a isto. Considero que é unha inxustiza que non se proporcione esa oferta dende as institucións. Digamos que poñen antes a universidade que os colexios e os institutos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents