Conta atrás para a Matanza do Porco

Máis de 150 persoas traballan na organización da celebración de mañá na Casa de Amorín de Catasós | Dará comezo ás 10.30 horas, será comentada, e haberá actuacións musicais

Veciños e representantes municipais, nunha das entradas á Casa de Amorín.

Veciños e representantes municipais, nunha das entradas á Casa de Amorín.

Lalín

Na coñecida como Casa de Amorín, no lugar de, Antuín, na parroquia Catasós está todo preparado para a celebración, mañá, da XXV Matanza Tradicional do Porco . Nestes días a veciñanza, da man do pedáneo, Antonio Fernández Fernández, e do Concello, a través da coordinación do concelleiro de Festas, José Cuñarro, ultiman os derradeiros preparativos de cara ao reparto de tarefas e a recreación escenificada da Matanza.

Precisamente José Cuñarro vén de manter un encontro cos representantes dos veciños de Catasós, Diego Villamayor Alvarellos, da Asociación veciñal cultural Santiago de Catasós e Darío Froján Freire, da Asociación de Veciños de Catasós, asociacións de veciños que xunto ao pedáneo Antonio Fernández e o Concello van a levar adiante este evento etnográfico ao estilo tradicional, como se facía antano na inmensa maioría das casas lalinenses. En total están a traballar na organización máis de 150 de persoas.

Cuñarro supervisou tamén os traballos de limpeza e desbroce que, no lugar, está desenvolvendo a brigada de Obras do Concello, próximos a rematar. O concelleiro remarca que a casa de Amorín está totalmente preparada para acoller a matanza; ao igual que o forno tradicional de pedra onde se cocerá pan como antigamente. O inmoble data en orixe do século XVIII e tivo a última reforma importante en 1850. É polo tanto unha casa centenaria, con forno, alpendre acondicionado para labores diarios, curro, lareira, corredor como había antigamente nas casas de labranza, hórreo de tres claros e amplo saído e enlousado de pedra, explica o concelleiro, ao tempo que agradece á familia Amorín a cesión da casa para a realización do evento. Fai fincapé en que «unha das cousas que máis vai impresionar á xente é o enlousado de pedra que ten a eira, que antigamente facilitaba o labor de limpeza do gran cando se mallaba».

Unha matachina

Este ano será a primeira vez que unha muller exercerá de matachina, correndo a cargo de Luisa Batán. Haberá tamén representación de oficios tradicionais como calceta, ganchillo, tapicería, palillería, afiadores, cosido ou debullado do millo.

A celebración estará narrada e comentada polo xornalista de Radio Lalín Gúmer Portas e polo Cronista Oficial de Lalín e Comendador do Cocido, Daniel González Alén, que achegarán aos visitantes aspectos historiográficos, etnográficos, culturais e mesmo anecdóticos ao redor deste evento que está tan enraizado nas nosas tradicións.

O porco será un exemplar lalaíno de máis de 180 quilos, fillo de nai celta e pai Duroc, un exemplar semellante aos porcos que se sacrificaban antigamente nas casas galegas, criado fóra e alimentado con landras e castañas, con propiedades óptimas cara á salga da carne e á elaboración de chourizos.

En canto ao aparcamento, xa están as entradas feitas para que sexa fácil de aparcar: unha enfronte do campo da festa e outra antes de chegar ao campo a man esquerda, ambas as dúas moi preto do lugar onde se celebra a matanza. Deste xeito o aparcamento estarán debidamente sinalizado tanto pola organización como por Emerxencias Lalín.

O evento estará amenizado por Os Dezas de Moneixas durante a mañá e despois da degustación, pola tarde, actuará o dúo Dilema.

Horarios

A celebración dará comezo ás 10.30 horas coa recreación da matanza, ao tempo que, ata as 13.00 horas haberá unha recreación de oficios tradicionais. Co remate das labouras da mata, sobre a unha da tarde, haberá unha pausa de media hora para que o público se desplace á carpa na que se degustará panceta, chourizo, costela, pan e bebidas.

Tracking Pixel Contents