«Compartir saberes fai que todo teña sentido»
A lalinense Yolanda Castro impartirá o próximo domingo 9 de marzo na parroquia estradense de Orazo un obradoiro sobre como crear cosmética natural na casa, aprendendo así a coidarse dun xeito respectuoso para o entorno e accesible para todos.

A entrevistada, Yolanda Castro.
A lalinense Yolanda Castro, á fronte do proxecto MoiNosas, impartirá un obradoiro sobre cosmética natural o domingo 9 de marzo na parroquia estradense de Orazo, de 17.00 a 19.00 horas. A actividade, organizada pola Asociación Cultural Coto Manguelo, ten un custo de 5 euros para socios e 10 euros para persoas externas á entidade. O período de inscrición remata o venres 7 de marzo, e as prazas poden reservarse chamando ao 638482869. Durante o obradoiro, os asistentes aprenderán a elaborar bálsamo labial, desodorante e pasta de dentes con ingredientes naturais. Nesta entrevista, Yolanda comparte con nós a súa visión sobre o proxecto que dirixe, a cosmética natural e os valores que busca transmitir nos seus obradoiros, destacando a conexión co rural e a aposta polo coidado consciente e sostible.
Como naceu o proxecto MoiNosas?
Pois naceu dun grupo de amigas que tecemos unha comunidade ben fermosa. Nun aniversario, acordamos agasallar a unha delas co que cada unha sabía crear. Ao ver todos os produtos xuntos nunha estantería que tamén lle regalamos, só nos saíu: «E que somos moi nosas, non?» Entre risas quedou o nome e, dende ese día, esa mesma enerxía de compartir e crear guía os talleres.
Que valores destacaría do seu proxecto?
MoiNosas é conexión co rural, coas raíces e coa comunidade creativa. O obxectivo é sinxelo pero poderoso: crear espazos onde cada persoa se sinta valorada, escoitada e libre para ser quen é. Participamos, experimentamos, aprendemos e, sobre todo, compartimos saberes mentres coidamos o noso contorno de forma respectuosa e consciente.
Por que considera vostede que se debería apostar pola cosmética natura?
Porque o planeta e a nosa pel respiran mellor. Achegar opcións naturais, accesibles e respectuosas coa natureza permítenos coidarnos como merecemos. A nós e tamén ao noso entorno.
Que aprenderán as persoas que participen no obradoiro do 9 de marzo?
Aprenderán a elaborar bálsamo labial, desodorante e pasta de dentes con ingredientes naturais e sinxelos de atopar. É un obradoiro aberto, interxeracional e inclusivo, onde todo o mundo ten cabida, desde quen chega con experiencia ata quen trae unha maleta de curiosidade. Sairán do taller coas mans cheas de sorrisos e produtos feitos por elas mesmas. Sobre todo, encántame que cada persoa se empodere e se sinta cómoda para facelo na súa casa.
Que ingredientes utilizarán e cales son os seus beneficios?
Usaremos aceites vexetais, cera de abella, arxila e aceites esenciais, entre outros. Son produtos que hidratan, protexen e coidan a pel de xeito natural. Ademais, traballar con calma achega paz interior. O mellor é que cada ingrediente ten nome, apelidos e beneficios claros. Nada de fórmulas misteriosas nin palabras imposibles de pronunciar.
Que a levou a organizar este tipo de obradoiros?
O amor pola natureza, as ganas de compartir o que fun aprendendo, tanto en formacións como pola tradición oral, e o meu espírito de “facer cousas caseiras”. Gústame vivir dun xeito sinxelo e conectado co rural, onde a vida desacelera e podemos disfrutar de compartir e rir. Tamén quero agradecer á Asociación Coto Manguelo, que contou comigo por segunda vez. Sen elas, todo isto non sería tan máxico.
Que outro tipo de talleres imparte?
Imos alén da cosmética natural, creando momentos de maxia colectiva! Imparto talleres como elaboración de atrapasoños de macramé, Hatha Ioga e Ioga da Risa, mindfulness e meditación, autocoidado emocional, baños de bosque para conectar coa natureza ou versións adaptadas a interiores, receitas e degustación de plantas silvestres, reciclaxe creativa, mandalas de lá e estampación téxtil botánica. Tamén ensinamos a facer chaveiros, tapices, portamacetas e moito máis en talleres de macramé, velas de cera de abella e produtos de limpeza naturais. Sempre hai espazo para a creatividade: se non está na lista, invéntase!
Cales foron os maiores retos e aprendizaxes no seu camiño como formadora?
O maior reto foi confiar no proceso. Cando organizas talleres, sempre hai momentos de improvisación e adaptación. E tamén relaxarse: se a cera se solidifica antes de tempo, non pasa nada, o mundo segue dando voltas! Pero o máis bonito foi descubrir o poder da comunidade. Compartir saberes dá sentido a todo, e é marabilloso ver como os vínculos creados nos talleres van máis alá dese día.
Como se sente despois de cada taller?
Se tivese un contador de felicidade, xa tería rebentado hai tempo! É marabilloso ver como despois de cada taller non só levamos un produto feito coas nosas mans, senón tamén sorrisos, novas amizades e a sensación de formar parte de algo máis grande. Crear comunidade non é só unha idea bonita... é unha forma de vivir. E se despois dun obradoiro quedamos para un café ou organizamos outra xuntanza, xa podo dicir que toquei o ceo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Hacienda lanza un aviso: queda prohibido seguir pagando en efectivo estas cantidades a partir de ahora, aunque sea fraccionado
- Ryanair cambia de repente su norma de equipaje de mano: estas son las novedades
- Salvador Macip, investigador: 'Ya ha nacido la primera persona que tomará un fármaco contra el envejecimiento
- La magistrada con el mayor escalafón de Galicia, la primera jueza que ejerció en Vigo, se acerca a la jubilación
- Los neurólogos advierten sobre las terribles consecuencias de dormir mal: ansiedad, depresión y alzhéimer
- Un rostro de 'La isla de las tentaciones' desvela un gran secreto: 'Soy padre de un niño que va a cumplir 8 años
- Un colegio de Cangas anuncia una querella por acoso hacia el centro y algunos profesores
- Voces críticas en mar y tierra contra la celulosa de Palas de Rei en A Pobra