Entrevista | Román Cerqueiro Landín Profesor de Lingua Galega

«A experiencia foi incrible grazas ao marabilloso acollemento que recibín»

O profesor do Departamento de Lingua Galega do IES Avelina Valladares, Román Cerqueiro Landín, fixo unha pequena estadía de dúas semanas na Escola Jaime Moniz de Funchal, capital da illa de Madeira. O docente valorou moi positivamente a visita e as virtudes que veu no seu sistema educativo.

Román Cerqueiro (dereita) xunto a varios membros do Conselho Educativo da escola |

Román Cerqueiro (dereita) xunto a varios membros do Conselho Educativo da escola |

A Estrada

-Como xurdiu a oportunidade de participar neste programa?

-Esta foi a primeira vez que participei neste programa do Ministerio de Educación. O ano pasado xa estiven nun semellante da Xunta, o PIALE, cun mes no Porto. Este é diferente porque son os propios profesores os que se presentan como candidatos. Hai unha convocatoria a nivel estatal con 120 prazas, e un requisito clave é que o profesor debe buscar o centro.

-Que obxectivos persoais ou profesionais tiña cando iniciou a estadía?

-Principalmente, dous. Nós contamos con máis de 50 alumnos en portugués como segunda lingua estranxeira na ESO. A pesar de que no seu día estudei Filoloxía Portuguesa ademais da galega, sigo sentindo a necesidade de mellorar a miña competencia no idioma. O segundo obxectivo, tras máis de 20 anos como profesor, era observar o traballo doutros docentes, tanto a nivel nacional como internacional, xa que permite coñecer novas prácticas e diferentes enfoques.

-E cumpriuse esa expectativa?

-A nivel persoal e humano, a experiencia foi incrible grazas ao marabilloso acollemento que recibín. No plano profesional, a pesar de que foron só 15 días, aproveiteinos ao máximo. Asistín a aulas, participei en reunións diarias e mesmo asistín a unha formación para docentes da illa. Chamoume a atención a política de acollida do alumnado estranxeiro.

-Que diferenzas atopou entre os nosos sistema educativos?

-A pesar de que Madeira ten unha autonomía limitada en comparación coas nosas competencias educativas, si percibín unha aposta decidida pola inclusión educativa e pola orientación do alumnado. Ademais, as ratios de alumnos por profesor son arredor de 20, o que facilita unha mellor atención. Alí contan con equipos de entre cinco e sete persoas dedicadas exclusivamente ao alumnado con necesidades educativas especiais. Tamén hai moitos apoios docentes e recursos humanos, incluíndo psicólogos e enfermeiros. Pola contra, en Galicia contamos cunha maior flexibilidade curricular, o que nos permite traballar en proxectos interdepartamentais e non estar tan condicionados por exames nacionais, como ocorre en Portugal.

-Como foi a relación entre docentes e alumnado en Madeira?

-O comportamento do alumnado sorprendeume gratamente. O centro tiña case 2.000 estudantes, e a relación cos profesores é diferente. Alí a distancia entre docente e estudante é máis formal no trato.

-Que impacto pode ter esta experiencia para o seus alumnos?

-Ademais da aprendizaxe metodolóxica, un dos beneficios máis inmediatos é a exposición a un portugués máis coloquial e natural, o que axudará a que os alumnos adquiran unha fluidez máis comunicativa.

-Que foi o que máis lle sorprendeu da experiencia?

Poder coñecer Madeira dende dentro, non como turista, senón en contacto coa súa cultura e a súa xente.

-Podemos supoñer que recomendaría isto a outros docentes.

Totalmente. Trátase dunha iniciativa flexible e enriquecedora que mellora as túas competencias.

Tracking Pixel Contents