Entrevista | Sindo Villamayor Concelleiro do BNG

«O comercio estradense está tocado de morte»

Sindo Villamayor , comerciante estradense de longa traxectoria, con máis de trinta anos de experiencia no sector, e oito como presidente da ACOE, é o novo edil do BNG na Estrada. Afronta esta nova etapa política con moita ilusión, vontade de cambio, e fala sobre a situación do municipio e os retos futuros

Sindo Villamayor, na sede do seu partido |

Sindo Villamayor, na sede do seu partido | / S. P.

A Estrada

-En primeiro lugar, noraboa pola súa incorporación ao Pleno Municipal. Como afronta este novo reto dentro do BNG?

-Afróntoo con moitísima ilusión, a pesar de que xa rozo os 63 anos. Son militante do BNG desde 1982 e sei que é un traballo arduo, sobre todo estando na oposición. Porén, estou motivado porque sempre fun unha persoa moi ideoloxizada e política. Creo que A Estrada pode mellorar en moitos aspectos e gustaríame contribuír, dentro das miñas posibilidades, a que iso suceda.

-Como valora a súa futura labor e en que liña de traballo pretende continuar dentro do BNG?

-A liña de traballo do BNG está bastante definida a nivel nacional e comarcal, pero na Estrada temos prioridades. O Concello está moi endebedado e enfróntase a un problema de financiamento. A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) alertou de que os concellos de arredor de 20.000 habitantes como A Estrada, poden perder ata catro millóns de euros en axudas, o que prexudicaría gravemente os servizos municipais. O noso obxectivo é defender os intereses da veciñanza desde unha perspectiva nacionalista e de esquerdas, loitando por un modelo de vila máis xusto e con maior dinamismo económico.

-En que áreas se centrará dentro do BNG?

-No grupo municipal repartimos as responsabilidades segundo as nosas especialidades e intereses. No meu caso, estarei máis implicado en asuntos relacionados co comercio, a industria, a educación e a cultura, que son temas que coñezo ben e nos podo achegar ideas.

-Como ex-presidente da ACOE, que cre que pode achegar ao Concello desde a súa experiencia no comercio local?

-Creo que si podo aportar. O comercio local está tocado de morte e precisamos unha estratexia clara para revitalizalo. Hai anos, os centros comerciais abertos funcionaron moi ben, pero agora están hiperfinanciados, e o sector está nunha situación moi precaria. A dereita favoreceu a expansión das grandes superficies comerciais en detrimento do pequeno comercio e iso agravou a crise do sector.

-Que papel debería xogar o Concello nesta cuestión?

-Ten que ser moito máis activo. A Praza de Abastos é un fracaso total porque non hai unha estratexia clara para revitalizala. Se queremos potenciar o comercio, debemos pensar en medidas máis amplas. Hai que apoiar os sectores produtivos, como a gandería e a agricultura, e fomentar a distribución e comercialización de produtos locais. Os produtos galegos teñen moito prestixio, pero non hai unha estrutura eficiente para que os pequenos produtores poidan colocalos no mercado local.

-Considera que A Estrada está en decadencia?

-Sen dúbida. Só hai que dar un paseo pola vila para velo. Vivendas abandonadas, beirarrúas en mal estado, servizos sociais colapsados… É unha situación preocupante. Ademais, temos un goberno municipal que, coa súa maioría absoluta, parece acomodado e sen novas ideas. En lugar de traballar en proxectos estruturais, prefiren dedicarse a festas e churrascadas.

-Como valora a xestión actual do Goberno municipal?

-A Estrada está en retroceso. Mesmo nas comisións de comercio ou industria recoñécese que a situación é preocupante. O municipio depende case exclusivamente de dous grandes negocios vinculados á madeira, sen unha aposta clara por diversificar o tecido empresarial. Eles gábanse de ser moi bos xestores, e fai dous meses escasos aprobaron os orzamentos municipais e non puxeran esta partida dedicada a contratación dun xefe de prensa. Non son tan bos xestores, é un pouco todo de improvisación.

-Que lle diría aos veciños que o ven como un recén chegado á política municipal?

-Que poden ver en min? Un vello, quizais! (ri). Humildemente, podo dicir que son un comerciante que leva trinta anos na vila. Coñéceme moita xente e creo que sempre fun unha persoa honrada, seria e coherente cos meus principios.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents