Entrevista | Silvia Fuentes Marque Produtora audiovisual

«En proxectos máis pequenos, ás veces hai máis liberdade creativa»

A estradense comezou a súa carreira con pequenas producións, entre curtametraxes e webseries, ata dar o salto á longametraxe en 2017. Hoxe, continúa levando historias á pantalla grande cun obxectivo claro: fortalecer a industria audiovisual galega e situar o cinema feito aquí no panorama nacional, o que xa lle acadou varias nominación aos Mestre Mateo, con As Neves e Filmei paxaros voando

Silvia Fuentes (esquerda), xunto a súa compañeira, Anxos Fazáns |

Silvia Fuentes (esquerda), xunto a súa compañeira, Anxos Fazáns |

A Estrada

Silvia Fuentes é unha das figuras emerxentes da produción audiovisual en Galicia. Natural de Aguións, a súa traxectoria levouna por Barcelona, Madrid ou Vigo, ata que decidiu volver á capital compostelana da man de Anxos Fazáns, compañeira de carreira coa que cofundou a productora Sétima en 2018. Ao longo destes seis anos, consolidáronse como unha das prometedoras referencias na industria cinematográfica galega, impulsando proxectos que aposten pola calidade técnica e creativa, a narración en galego e a igualdade no sector.

-Actualmente vive en Santiago, pero viviu e traballou por toda España. Como foi a súa traxectoria ata asentarse aquí?

-Si, agora mesmo estamos en Santiago, onde temos a oficina, e tamén vivo aquí. Porén, estivemos un pouco por todas partes. Vivín en Madrid, Barcelona, Vigo e Compostela. Sempre nos movemos por onde había traballo.

-Actualmente traballa con Sétima. Cantos anos leva con este proxecto?

-Fundamos a produtora en 2018, polo que levamos xa seis anos. Durante os primeiros tempos, alternabamos o traballo na nosa produtora con encargas para outras, xa que ao ser pequena non tiñamos estrutura suficiente para soster dous soldos. Aprendemos moito desta combinación e, pouco a pouco, as nosas propias películas foron medrando, de maneira fluída e natural.

-Como comezou no mundo da produción audiovisual? Sabía dende o principio que quería dedicarse a esta parte da industria?

-Non houbo un momento exacto no que o decidira, pero estudei Audiovisuais na Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra. A carreira era bastante práctica e dende o principio comezamos a facer traballos con compañeiros de clase. A partir de aí, pouco a pouco fomos entrando na industria, primeiro con curtametraxes e webseries. En 2017 déronme a oportunidade de ser xefa de produción na miña primeira longametraxe.

-Cal foi esa primeira película?

-A estación violenta, a primeira obra tamén da miña amiga Anxos Fazáns, que foi producida por Matriuska Producciones.

-Anxos Fazáns, que é agora a súa socia en Sétima, correcto?

-Si, dende a carreira. Fixemos aquela primeira película xuntas, ela como directora e eu como xefa de produción. Despois diso, fun ampliando a miña experiencia, primeiro como xefa de produción e logo xa como directora de produción. Ao mesmo tempo, comezamos a financiar as nosas primeiras curtas e documentais, e as películas que estamos estreando agora.

-Que lle atraeu da produción executiva e cales son os principais retos?

-A produción executiva é un proceso apaixoante porque implica levantar unha película dende a súa concepción. Trabállase man a man cos guionistas, búscanse financiamento e orzamentos, e coordínanse todas as fases ata a distribución. É un proceso longo: cada película pode tardar entre tres e catro anos en completarse. Ademais, sempre tes varios proxectos en marcha, cada un en distintas fases. É un traballo de insistencia e constancia.

-Cree que Galicia se converteu nun escenario relevante para o cinema?

-Sen dúbida. Dende que saín da carreira, a industria cambiou moito e para mellor. Non me interesa tanto que haxa máis produción en masa, senón que a industria teña calidade técnica e creativa, e que poña as nosas historias no centro, incluíndo o galego como lingua vehicular e fomentando a igualdade no sector

-O venres presentou o documental Filmei Paxaros Voando, dirixido por Zeltia Outeiriño, no que é vostede productora executiva. Que nos pode contar sobre el?

-É un documental autobiográfico sobre o regreso de Zeltia a Galicia, a súa relación coa súa nai e a memoria do seu tío Antonio, un recoñecido artesán téxtil. A pandemia afectou o proceso e a historia volveuse aínda máis íntima. Foi nomeado aos Premios Mestre Mateo como Mellor Documental.

-Tamén traballou en películas como Matria ou Gosa poder, colaborando con directores de renome como Isaki Lacuesta. Cambia moito o traballo nesas producións máis grandes?

-Depende. Ter máis orzamento dálle máis marxe a certas cousas, pero en proxectos máis pequenos, ás veces hai máis liberdade creativa. En calquera caso, o máis importante é que as películas teñan sentido e que cheguen ao público. Para min, estrear no cinema da Estrada, coa axuda de Luis e Pili, e que os meus familiares e amigos poidan vela é un orgullo e o verdadeiro resultado final.

«Agora estamos traballando na segunda película de Anxos, As liñas discontinuas»

-Como influíu na súa carreira as etapas fora de Galicia?

-En Barcelona estudei un máster en produción e traballei coa produtora Lastor Media, que produciu películas como Polvo serán, que está nomeada aos Goya, Alcarràs ou O mestre que prometeu o mar. Foi unha etapa moi enriquecedora, pero chegou un punto no que Sétima necesitaba atención a tempo completo, así que decidimos establecernos en Santiago.

-Como evolucionou a produtora dende entón?

-Durante os primeiros anos, Sétima movíase con nós. Tiñamos oficina alí onde traballabamos. Agora, xa contamos cunha estrutura máis estable. A nosa compañeira Adela está na oficina todo o ano, e nos meses de rodaxe o equipo medra exponencialmente, as veces podemos chegar a ser case cen persoas. A empresa foi medrando ao mesmo ritmo que as nosas películas.

-E en que proxectos está traballando agora?

-Algúns non podo comentalos aínda, pero un dos inmediatos é a segunda película de Anxos, As liñas discontinuas, que xa está en posprodución. Estamos moi ilusionadas co que vén. Tamén foi unha experiencia estupenda traballar en As Neves, xunto a Nati Juncal, coa que xa coincidira. A película conseguiu trece nominacións aos Mestre Mateo e pódese ver en HBO.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents