Entrevista | Clara Iglesias Cortizo Representante comarcal da plataforma Queremos Galego

«Estou segura de que a maioría dos galegos non quere que desapareza a súa lingua»

Os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso da lingua vernácula amosaron un acelerado proceso de desaparición que deixou a moitos preocupados e motivou unha gran movilización o 17 de novembro en Santiago de Compostela. Agora, a plataforma Queremos Galego pon en marcha unha serie de encontros coa cidadanía con finalidade de xerar un espazo de reflexión e reivindicación para a defensa do idioma, que consiga revertir as cifras actuais.

Clara Iglesias.

Clara Iglesias.

Clara Iglesias Cortizo é una das integrantes e representante a nivel comarcal en Tabeirós-Terra de Montes da plataforma Queremos Galego. O 31 deste mes coordinará un dos primeiros encontros a nivel autonómico que levará a cabo a asociación, e que terá lugar ás 20.00 no MOME da Estrada. Nel, buscarase a reflexión e o debate sobre a situación actual da lingua, cuestión sobre a que profundiza nas seguintes liñas.

- En que vai consistir o encontro do 31?

-Trátase dunha reunión que vai na liña das que Queremos Galego pretende convocar en todas as comarcas do país. Na nosa zona escollemos A Estrada pola súa posición céntrica. O obxectivo é unir forzas e reflexionar sobre a situación actual da nosa lingua en relación cos datos do IGE que coñecemos hai uns meses, así como intentar transmitir á poboación esa necesidade de mobilizarse con respecto á marcha que terá lugar o 23 de febreiro en Santiago de Compostela polo Día de Rosalía.

-Esta iniciativa é pioneira ou xa se realizar previamente?

-Xa a fixeramos hai anos, cando xurdiu Queremos Galego en 2009, a raíz do chamado Decreto de Plurilingüismo, que agora demostrouse que o que facía era recortar o uso do galego no ensino. Daquela as materias de máis prestixio social e carga horaria, como matemáticas, física e química... debía ser impartidas de xeito obrigatorio en castelán. Era a primeira vez dende a ditadura que se prohibía de xeito explícito o uso do galego como lingua vehicular nunha clase. Foi entón cando naceu este movemento cidadá, que foi perdendo a actividade cos anos. Agora, os datos dramáticos do IGE, que amosan unha clara emerxencia lingüística, servíronnos de chamada para intentar reactivar a plataforma e recuperar esas plenarias por todas as comarcas.

-Diría que agora se están recollendo os froitos desas políticas?

-Dende logo. Os datos máis preocupantes do IGE, ao meu parecer, son os que amosan o descoñecemento e o baixo uso do galego entre as xeracións máis novas. No seu día, cando se levaron a cabo as políticas lingüísticas do estilo dese decreto de 2009 que mencionaba anteriormente, falábase do bilingüismo e de igualdade e liberdade de expresión. Neste sentido, dificilmente pode haber liberdade cando unha das linguas, neste caso, directamente non se coñece. Está claro que algo se fixo e se está facendo mal, penso que cunha vontade consciente por parte da Xunta de Galicia porque así sexa.

-Comenta que a raíz da situación actual Queremos Galego decidiu intensificar as súas actividades para a defensa da lingua. É este un momento de inflexión para o idioma?

-Efectivamente. Isto xa se vía vir. Levamos intuíndoo durante anos, e finalmente aquí nos atopamos. Ante un momento no que por primeira vez na historia o castelán é a lingua máis falada de Galicia, cun 30% de persoas monolingües en castelán... e de novo, o descoñecemento do galego no tramo do 5 a 14 anos hai un 32% de rapaces e rapazas que recoñecen a imposibilidade de expresarse en galego.

-Na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, diría que a crise é tan acusada como noutras áreas de Galicia, por exemplo as cidades?

-Non e si. Hai que aclarar que este non é un proceso uniforme para todo o país. Nos concellos de interior, quizais polo seu carácter rural, segue habendo máis falantes de galego que nas urbes. Porén segue estando en risco. Como mestra do IES Chano Piñeiro de Forcarei, podo dicirche que cando comecei a dar clase nos 2000 a presenza do castelán nas aulas era anecdótica, mentres que a día de hoxe xa estaríamos falando dun 50-50. De todos xeitos, debemos desvincularnos desa asociación entre as zonas de desenvolvemento industrial e bonanza económica co castelán, e áreas rurais e empobrecidas co galego. Esa idea só pon máis trabas á loita pola recuperación da nosa lingua.

-Pensa que aínda se pode revertir esta realidade?

-Por suposto. O último que quero facer é dar unha mensaxe derrotista, e non estaría nesta loita se pensase que está todo perdido. Pódese cambiar, pero só se se poñen en marcha as medidas pertinentes. Para comezar, existe un Plan Xeral de Normalización Lingüística que a Xunta non se molestou en poñer en práctica e que para nós é unhas principais reivindicacións a facer. Eu estou convencida de que a maioría dos galegos non quere que desapareza a lingua autóctona. Por iso queremos xerar estes foros e transmitir á poboación a necesidade de mobilizarse.

«Temos dereito a comunicarnos neste idioma»

-Di que hai que deixar de asociar o castelán coa riqueza e o galego coa pobreza ou o rural. En cambio, seguen existindo situacións no entorno laboral nas que o emprego da lingua autóctona pode supoñer un handicap. Cal pensa que é o motivo?

-Hai linguas marcadas e linguas non marcadas. O galego, lamentablemente, é unha lingua marcada. Parece que hai que dar explicacións de porque decidimos expresarnos nel e existen prexuizos asociados aos falantes. Por este motivo, moitas empresas, sobre todo, intentan controlar aos traballadores para que non o empreguen, por unha cuestión de imaxe, considero.

-Que se pode facer para erradicar esta problemática?

-O primeiro que recomendaría é que se algún falante experimenta situaicións deste tipo o poña en coñecemento da liña de axuda da Mesa de Normalización Lingüística, onde o asesorarán para tomar medidas. Temos dereito, pois así o reoclle o Estatuto, o comunicarnos en galego. E xa en termos xerais, dende as institucións débese actuar para que isto non suceda.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents