Academia Xacobea: Agís toma posesión como novo presidente

O catedrático de Filosofía da USC asume o cargo agradecendo os «desvelos» e o «bo facer» do seu antecesor, Xesús Palmou

APERTURA DEL CURSO ACADEMICO 2025 DE LA ACADEMIA XACOBEA EN EL PARANINFO DE LA UNIVERSIDAD .

APERTURA DEL CURSO ACADEMICO 2025 DE LA ACADEMIA XACOBEA EN EL PARANINFO DE LA UNIVERSIDAD . / A. Hernández

Un nutrido grupo de representantes do mundo institucional, universitario, empresarial e social déronse cita na tarde de onte no Paraninfo da Universidade de Santiago para participar nunha sesión solemne da Academia Xacobea que non só serviu para abrir de xeito oficial ás actividades do curso 2025, senón tamén para formalizar o relevo á fronte da institución de Xesús Palmou, quen tras presidila desde os seus inicios hai xa case dez anos, decidiu en datas recentes dar un paso a un lado, aínda que seguirá vencellado a ela de xeito directo.

Así o apuntou no seu discurso o novo presidente da Academia Xacobea, o catedrático da Filosofía da USC Marcelino Agís Villaverde, quen destacou os «desvelos» e o traballo de Xesús Palmou para poñer en marcha a institución «vencendo non poucas dificultades», «conformar un prestixioso corpo de académicas e académicos pertencentes a universidades e institucións científicas de Galicia e de España, e cunha representación doutros países europeos como Francia, Italia e Portugal, nos que o Camiño de Santiago e os temas xacobeos teñen enorme importancia», e levar a cabo importantes actuacións como a edición do libro Crónica dun peregrino singular ou a organización do primeiro Congreso Mundial Xacobeo, celebrado en Compostela no 2001 baixo a presidencia do rei Felipe VI. «Sen o bo facer do presidente Xesús Palmou, promotor e cabeza reitora da Academia Xacobea, non tería acadado en tan pouco tempo o recoñecemento público, científico e institucional do que goza nestes momentos», explicou Marcelino Agís, quen foi director de Departamento de Filosofía, decano e vicerreitor de Terceiro Ciclo da USC, e é membro da Academia de Ciencias de Lisboa –sección Letras– (Portugal) e da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas de España. Agís sinalou que asume a presidencia con «responsabilidade, gratitude e ilusión», e o convencemento de seguir contando «coa colaboración das institucións públicas, das entidades privadas e das persoas que suman os seus esforzos á organización das nosas actividades».

Xesús Palmou, Presidente de Honor

Mentras, Xesús Palmou despediuse da presidencia da Academia Xacobea recibindo o título de Presidente de Honor como recoñecemento ao labor desempeñado durante estes anos e fíxoo agradecendo a «xenerosidade e o afecto» que supoñen ese nomeamento e destacando tamén o traballo das persoas que o acompañaron naqueles primeiros pasos, como o propio Marcelino Agís, ademais de María Josefa Sanz Fuentes, Ulises Bértolo García, Eduardo López Pereira, Enrique Otero Fernández, Jesús de Juana López, Miguel Pampín Rúa, e o xa falecido Xavier Añoveros Trías de Bes. «Sen eles, sen a súa aportación, o seu apoio e colaboración, esta Institución non tería nacido», sinalou. Palmou destacou tamén que o traballo levado a cabo nestes anos é «froito dunha tarefa colectiva á que se foron incorporando os distintos Académicos e Académicas de Número que hoxe forman un corpo, un equipo multidisciplinar de Catedráticos, Doutores, Investigadores e expertos no mundo da peregrinación que, de xeito altruísta, baixo a dirección do novo presidente Marcelino Agís Villaverde, son a garantía de supervivencia, de continuidade da Academia Xacobea, na súa importante labor científica e divulgativa». Palmou salientou «a ilusión, vocación e formación» de todos eles e o seu propio compromiso en seguir traballando e colaborando no cumprimento dos fins e obxectivos da institución: «Non é isto a miña despedida, senón un cambio nas tarefas que a partir de hoxe levarei a cabo, coa mesma ilusión, dedicación e lealdade ao xa novo presidente Marcelino Agís, a quen lle desexo todo o éxito que se merece».

No acto celebrado onte tamén tomaron a palabra o reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. Ambos destacaron o traballo desenvolvido por Xesús Palmou para que a Academia Xacobea se teña convertido xa nun referente e mostraron a súa vontade de seguir colaborando coa institución na nova etapa que agora dá comezo baixo a presidencia Marcelino Agís. O Académico de Número Isidro García Tato foi o encargado de ler o discurso de apertura do curso 2025, que dedicou a A ruta do Sil, entrada natural a Galicia. Historicidade e realidade do Camiño de invierno

Tracking Pixel Contents