Cuntis utiliza intelixencia artificial para o deseño do cartel da festa do lacón

A cita é a fin de semana do 8 e 9 de marzo, pero comeza antes co TapaLacón

O Concello de Cuntis presentou publicamente o cartel oficial da súa famosa Festa do Lacón con Grelos, unha das citas gastronómicas de referencia na comarca e que reúne a unha gran cantidade de público. Este ano foi deseñado gratuitamente por Víctor Galdo, Axente TIC da Aula CeMIT, pertencente ao propio Concello de Cuntis.

O cartel da XXVI Festa do Lacón con Grelos de Cuntis, no que por primeira vez se fai uso da intelixencia artificial para o seu deseño, é moi evocador da tradición galega. Presenta un porco antropomorfo como protagonista, vestido cun elegante traxe e un chapeu, o que lle confire un aire festivo e un toque de humor.

O porco, como principal ingrediente do lacón, sostén unha cazola cerámica abondosa de lacón con grelos, o prato estrela da festa.

Ao fondo, pódese apreciar unha paisaxe típica galega, con montes e unha pequena aldea, que sitúa a festa no seu contexto rural. Este monte fai referencia a un dos picos da comarca como é o Monte Xesteiras e o seu famoso radar meteorolóxico.

Dende o Concello de Cuntis se salienta que o cartel «é unha representación gráfica fiel da esencia desta celebración, combinando tradición, gastronomía e humor de forma harmónica».

A festa celebrarase a fin de semana do 8 e 9 de marzo, pero arríncará xa esta semana, os días 21, 22 e 23 de febreiro, cunha nova edición do TapaLacón.

Tracking Pixel Contents