A Bandeira pón en marcha unha Escola de Xenerais con máis de vinte participantes

Seis deles participarán no Alto do 1 de marzo, e os outros organizarán unha recreación para os proxenitores | As sesións inclúen xogos en torno aos entroidos, explicacións sobre as rimas e un encontro coa regueifeira Lupe Blanco

Alto dos Xenerais no colexio da Bandeira, en febreiro de 2024.

Alto dos Xenerais no colexio da Bandeira, en febreiro de 2024. / BERNABE/JAVIER LALIN

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Dende antonte e ata o 22 de febreiro, no auditorio Manuel Dopazo o colectivo Xenerais da Bandeira imparte todos os sábados unha Escola de Xenerais, un novo proxecto co que quere transmitir a tradición dos Xenerais da Ulla á súa poboación máis nova. A inscrición segue aberta, e a primeira sesión (as aulas son de 16.30 a 18.00 horas) xa contou con 21 nenos e nenas, que estudan de primeiro a sexto curso de Primaria.

O presidente do colectivo, Alberto López, indica que a intención desta Escola é que nun futuro funcione como unha actividade extraescolar. E é que antano os Xenerais da Ulla xa formaban parte das actividades lúdicas dos recreos e do horario extraescolar do CEIP Ramón de Valenzuela, grazas a un colaborador que agora está xubilado e preparaba ao alumnado de quinto e sexto de Primaria nas semanas previas. Por iso, no Entroido da Bandeira dende hai anos o programa xa incluía un alto infantil, que o vindeiro 1 de marzo contará con seis dos Xenerais que se están formando agora. Os demais organizarán tamén atranques, pero fóra do Entroido e nunha sesión para os proxenitores.

Manualidades e vídeos

A Escola organiza a programación segundo a idade dos nenos e nenas: así, os primeiros aprenden a través de manualidades e xogos de rimas (antonte descubriron a diferenza entre a rima consonante e a asonante, e nun futuro saberán cómo facer arengas ou dar o alto) e os maiores xa probaron as súas destrezas á hora de improvisar. Nesta primeira sesión os participantes tamén cubriron un conxunto de probas relativas a este e outros entroidos tradicionais de Galicia. Xenerais da Bandeira bota tamén man de vídeos para explicar a rima, e tamén quere que os máis novos coñezan todas as partes dos seus traxes e do gorro. En vindeiras sesións, a regueifeira Lupe Blanco ofrecerá un obradoiro aberto a todas as idades.

O Alto Infantil, como dicíamos, será o 1 de marzo en torno ás 18.30 horas, despois do desfile, e dará paso ao Alto dos adultos. Falta por concretar se se celebra, como outros anos, na Praza da Feira. En edicións anteriores, A Bandeira contaba cuns 12 xeneraisque van dando Vivas, así como un carro tirado por 2 cabalos no que vai a canteira destes improvisadores. Xa o día anterior, 28 de febreiro a localidade contará coa súa Vellada, que dende a Covid non pode empregar o tractor pola N-525, pero bota man doutra alternativa: os bares poden servir pinchos de produtos típicos desas datas.

A Bandeira é unha das localidades de Silleda que conserva a tradición dos Xenerais da Ulla, xunto a Lamela (que o festexa o 22 de febreiro) e Dornelas, que leva varios anos sen esta recreación que se inspira en varios enfrontamentos bélicos do século XIX: a invasión francesa de 1809, a revolución de 1846 ou as guerras carlistas de 1833 a 1876. A diferenza é que os Xenerais da Ulla e outros personaxes se enfrontan peroen batallas dialécticas que repasan a vida política dos últimos meses.

Un dos grupos disfrazados no desfile do ano pasado en Merza.

Un dos grupos disfrazados no desfile do ano pasado en Merza. / BERNABE/JAVIER LALIN

Donald Trump, en Merza

O Entroido de Merza cadra o 23 de febreiro. Os desfiles comezan ás 16.30, con carrozas, charangas e disfraces. Haberá 1..100 euros en premios para os tres mellores en carrozas, grupos e individual, ademais dunha mención especial de 200 euros. O Alto comeza ás 17.30 horas e inclúe o discurso dos Mouros, o repaso do Escribano e o sermón do Frade. Falarase da constitución do Goberno ou a recente victoria de Donald Trump. O programa inclúe o sorteo dun lote de produtos cárnicos e chocolate con churros gratis para a rapazadada. Está organizado pola Asociación Cultural Vello dos Cornos. A súa presidenta, Belén Guzmán, indica que este ano contan con 15 xenerais, a maioría deles mulleres, e que participarán un Correo, 8 mouros e 4 parellas de Xenerais nas coplas. Visto o tremendo éxito do ano pasado, anima a todos a achegarse a Merza o día 23 de febreiro, e indica que na parroquia e nos arredores «xa levan traballando nas carrozas unha semana».

En Vila de Cruces, o Entroido da Ulla tamén garda tradición en Salgueiros e Piloño. Nesta parroquia adoita ser o domingo de Entroido, que cae a 2 de marzo, e en Salgueiros ao domingo seguinte, que sería o 9. Pero Piloño este ano non o festexa e en Salgueiros, que en 2024 tampouco tivo festa porque varias das familias estaban de loito, decidirao nas vindeiras semanas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents