Por que hai que ler ‘A Odisea’?
É unha historia onde brillan os altos ideais que Homero consideraba propios das xentes civilizadas, aquelas que son conscientes da súa condición de persoas libres. Os deuses revoan arredor do noso heroe a quen favorecen ou maltratan cruelmente

Ulises recoñecido por Euriclea.
Juan Andrés Fernández
En certa ocasión, durante o Servicio Militar, sentín un forte berro ao meu carón: arde Troia!, arde Troia! Era aquela a maneira de expresar a turbación que a un soldado novato lle causaba o estrondo dos obuses, as descargas de fusilería e as pasadas, en voo rasante, dos avións de caza. Isto sucedía no 1974 durante uns exercicios militares no campo de manobras de Chinchilla, en Albacete.
Mais velaquí que, 28 séculos antes, nun enclave costeiro da actual Turquía, estremeceu o aire o mesmo urro: arde Troia!, arde Troia!, e ardía de verdade a cidade e abatíanse as murallas e morrían os seus defensores a mans dos guerreiros gregos que penetraran ocultos nun xigantesco cabalo de madeira ideado polo paciente, o divinal Odiseo, pródigo en argucias. Lembremos, por outra parte, que se lle chama troiano a un código maligno que se introduce nas computadoras permitindo que o atacante as manipule e recordemos tamén que aínda hoxe se considera unha odisea calquera viaxe longa ateigada de aventuras e traballos.
Penélope, que tece polo día e descose pola noite; o engado fatal das sereas; o heroe disfrazado; o viaxeiro que regresa despois dunha prolongada ausencia á súa casa…, por que estes motivos nos seguen parecendo tan inconfundiblemente familiares?
Somos lectores de Homero aínda sen sabelo porque a tradición literaria occidental e aínda o cine beben do manancial da Odisea, fecunda en asuntos de valor universal. Hai covardía tamén naquela historia, e xente ruín pero acaban triunfando o valor, a lealdade, o amor, a astucia, o disimulo, a paciencia e a perseveranza sen esquencer a contención, iso que denominamos hoxe «autocontrol», valores todos eles que Ulises encarna conforme á súa elevada condición de heroe. Homero, ennoblecendo a Odiseo, enaltece o ser humano.
A Odisea vén sendo unha continuación daqueloutra grandiosa historia que todos oímos amentar algunha vez, A Ilíada, onde se narra a derradeira fase da guerra de Troia (Ilión), que acaba caendo en mans dos gregos tras nove anos de asedio. O heroe da Ilíada é Aquiles, o dos pés lixeiros, e Ulises –tamén chamado Odiseo–, o da Odisea. Este, despois de rematada a contenda emprende con varios compañeiros a viaxe de regreso á súa patria, a illa de Ítaca, onde o esperan Penélope, acosada polos pretendentes, Telémaco, o fillo de ambos e algúns poucos fieis que aínda confiaban no seu regreso. Canto custa manter a esperanza! Dez anos de guerra e outros tantos de viaxe é tempo abondo para esquencer. Morreu o teu home na guerra!, dicíanlle os pretendentes á fiel esposa; a quen esperas, insensata?, elixe esposo decontado entre un de nós. E Penélope tecía e destecía no seu pano.
Ulises, no entanto, mantén a querencia da patria lonxana, da esposa, do fillo, da xente que ama e regresa vinte anos despois, con la frente marchita, como di aquel tango de Carlos Gardel de clara evocación homérica incluso no título, Volver.
A Odisea é unha historia onde brillan os altos ideais que Homero consideraba propios das xentes civilizadas, aquelas que son conscientes da súa condición de persoas libres. Os deuses revoan arredor do noso heroe a quen favorecen en ocasións ou maltratan cruelmente. Emporiso Odiseo mantén en todo tempo o seu criterio, incluso en contra dos antollos dalgunha daquelas divindades. Tal sucede coa ninfa Calipso, a das lindas trenzas, que namora del ata o punto de ofrecerlle a inmortalidade se abandona a súa intención de regresar a Ítaca e permanece ao seu carón. Pero velaquí que Odiseo renuncia, por amor, a aquela perpetua mocidade cabo da fermosísima ninfa! Venerable deusa –dille un día– non te anoxes comigo, que moi ben sei canto é inferior a ti a discreta Penélope, en figura e estatura, pois ela é mortal e ti inmortal e sen vellez. Pero aínda así quero e desexo todos os días marchar á casa miña e ver o día do regreso. Constrúe ás agachadas unha tosca balsa e foxe cara o incerto destino da patria.
Cantos relatos dentro do relato na Odisea! Cantos momentos estelares, daqueles que xa nunca se borran da memoria! Podemos entregarnos a ela e ler de punta a cabo ou acceder, de modo indistinto, a calquera dos capítulos ou cantos.
No XXII detállase a vinganza de Odiseo, que se consuma na sala de banquetes. O heroe tensa a corda do seu arco, aquel que tan só el podía domear, e dispara certeiras flechas. Mestúrase o sangue co viño derramado e os manxares ciscados polo chan. Laertes, Eumeo, Filecio e Telémaco, os seus fieis, axúdano con lanzas de broncínea punta, ata que a fría morte cobre o rostro de todos os altivos pretendentes. Melancio paga cara a súa traizón, é despedazado e os seus restos repartidos entre os cans. As esclavas infieis retiran os corpos dos mortos, limpan o sangue e acaban encolgadas dunha corda.
Pero non todo é violencia na Odisea. Teñen para min un especial engado as escenas de recoñecemento. Poñamos por diante que Odiseo acaba arribando ao seu reino, a illa de Ítaca, e desembarca disfrazado de mendigo miserable coa intención de pasar inadvertido e poder verificar, cos seus propios ollos, a fidelidade que os seus servidores, familiares, amigos e a propia esposa lle gardaran. O seu rostro, por outra parte, supoñémolo sucado xa de enrugas e cicatrices da guerra e curtido polo sol. Nada hai no seu visible continente que permita recoñecer a súa orixinal fasquía de home afouto e moi galán.
O primeiro en recoñecer a Ulises, sen necesidade de probas ou sinais, foi Argos, o seu can. É unha escena conmovedora a que o autor da Odisea nos ofrece. O animal, en canto oiu a fala do amo, ergueu con traballo a cabeza –era moi vello, como se pode comprender–, moveu o rabo en sinal de recoñecemento e intenta lamberlle a man pero ao punto cae morto. O heroe sente daquela abrollar as bágoas e vira o rostro con disimulo para que Eumeo non se decatase da súa turbación. Aquel home duro, fogueado en mil batallas, chora coma un meniño a morte do seu vello can de caza; unha mostra da humana grandeza de Odiseo.
Euriclea fora a súa ama de cría, aquela que de neno o aleitara. Gozaba pois, aínda sendo serva, dunha alta posición no palacio real e tamén da estima de Penélope, que, conforme ao sagrado deber da hospitalidade, convida o mendigo –sen recoñecelo en ningún momento– á súa casa e ordena para el o lavatorio dos pés. Euriclea mestura auga quente e fría e empeza a fregar as pernas e os pés do forasteiro. De súpeto sobresáltase pero Odiseo, coas súas céleres mans, afoga o berro apenas nacido na boca da vella ama. Por que?, preguntarase o lector. Pois velaquí que a anciá descubrira a cicatriz que, nunha antiga cacería, o dente do xabaril deixara na coxa do heroe. Tola de alegría, pretendía bicar as mans de Odiseo e proclamar o regreso do señor. E Penélope, enterouse daquela? Non, porque a divina Atenea infundiu nela un soño, unha modorra tan profunda que pasou desapercibido para ela o que acababa de suceder: habería ser a última en recoñecer a Ulises.
Cantos mundos caben na Odisea! Cantas películas e libros! Cantas vocacións lectoras despertou! A canta fantasía lle dou vida! Ás veces, lendo algún libro, advertimos algo que desperta en nós a lembranza de Ulises, un aroma antigo, un déjà vu. Tal é o poder de evocación, a asombrosa modernidade do relato homérico.
Suscríbete para seguir leyendo
- El radical cambio físico de Iogur días después de ser devuelto a la protectora de Tui tras una adopción fallida
- Localizan en un albergue de A Coruña a la mujer que se buscaba desde ayer por mar y aire en Rande
- «Conducir en Vigo es como jugar al juego del calamar»: el vídeo viral de una mujer cogiendo esta mítica rotonda al revés
- Marián Mouriño: «Siendo niña llevábamos las partes del cerdo para hacer el cocido en México»
- Juicio por presuntos abusos tras una boda en Nigrán: «Sí que te metí mano; qué asco me doy»
- Registros en Ourense y Xinzo en una causa secreta con 4 detenidos y un espectacular despliegue de la Guardia Civil
- La Xunta se abre a extender la caza sin límite del jabalí más allá de este domingo
- Una okupación eterna: «Es inhumano»