Entrevista | Armando Requeixo Escritor e crítico literario

«Cunqueiro ten máis dunha ducia de textos sobre A Estrada e o salmón»

Armando Arqueixo ri cando recoñece que ten o corazón partido. Unha parte para Mondoñedo, outra para A Estrada. É por iso que se define “mindoestradense”. Como pregoeiro da Festa do Salmón de 2019, referenciou a outro deles: Álvaro Cunqueiro. Esas referencias son a xénese de «Príncipes Prateados», un volume que hoxe se presenta como anexo de «Miscelánea Histórica e Cultural».

“Cunqueiro ten máis dunha ducia de textos sobre A Estrada e o salmón”

“Cunqueiro ten máis dunha ducia de textos sobre A Estrada e o salmón”

Ana Cela

Ana Cela

Nestes días que deixan gusto a turrón e mazapán, «A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural» chega puntual á súa cita. Faino con sabor a salmón. No ano no que se celebra o 50 aniversario da festa gastronómica por excelencia destas terras, a publicación anual do Museo do Pobo Estradense chega por vez primeira cun anexo, o mesmo que asina Armando Requeixo e que leva por título «Príncipes Prateados», a fermosa metáfora que empregaba Álvaro Cunqueiro para se referir aos salmóns do Ulla. A súa literatura gastronómica e os seus escritos sobre o salmón e A Estrada chegan listos para degustar no volume que hoxe se presenta, ás 19.00 horas, no MOME.

-«Miscelánea» chega ben acompañada este ano dun anexo da súa autoría.

-É unha novidade. Eu preparei, a pedimento de Juan Andrés Fernández Castro, un artigo para a «Miscelánea» e decateime de que a extensión non ía ser quen de integrar moito material que cría valioso sobre o asunto do artigo: a relación de Álvaro Cunqueiro coas terras da Estrada e co Ulla e, aínda máis especificamente, coa gran festa que é a Festa do Salmón. Parecíame unha pena facer o artigo sobre ese triángulo Cunqueiro-A Estrada-Salmón aludindo a textos que non podía en ningún caso reproducir porque excedería do espazo que é adoito para un volume colectivo. Falando entre nós ocorréusenos integrar todo ese feixe de textos nun volume á parte para que o lectorado interesado puidese gozar da escrita de Cunqueiro, sen limitarse aos pequenos extractos ou citas que eu puidera ir facendo no artigo. Ese foi o motivo da nacenza deste caderno.

-Como comezou todo? Como foi que profundizou, con carácter previo, nestes textos de Cunqueiro?.

-Ten unha orixe máis curiosa. En 2019 tiven a inmensa honra de ser o pregoeiro da Festa do Salmón. Eu aludín á figura de Álvaro Cunqueiro, mindoniense coma min e pregoeiro que me precedeu nesta honra. Referín que Cunqueiro non só pronunciara o pregón, senón que tamén escribira sobre o salmón e sobre A Estrada. Citei dous ou tres textos que naquel momento eu tiña referenciados mentalmente. Ante esa alusión, Juan Fernández Castro, que estaba entre os asistentes, convidoume a pór nun artigo ese vínculo de Cunqueiro coa Estrada e co salmón. Recollín ese guante e quedei comprometido en facer ese traballo. Juan Andrés tivo unha paciencia bíblica porque agardou cinco anos a que eu acabara esa investigación. No curso da mesma, peneirando polo fino miles de artigos de Álvaro Cunqueiro, descubrín que había un número importante de textos –máis dunha ducia–referidos expresamente á Estrada e ao salmón.

-Algunha sorpresa a raíz de todo este traballo?.

-Unha das cousas que este traballo me axudou a confirmar foi unha cuestión da que estaba persuadido pero que acabei de constatar: cando estudamos a obra de Cunqueiro, dun xeito divulgativo, dividimos a súa escrita por xéneros clásicos e falamos dun Cunqueiro poeta, un Cunqueiro narrador, un Cunqueiro ensaísta... e despois falamos doutros dous grandes continentes: o Cunqueiro xornalista e o Cunqueiro gastrónomo, como se iso fose un ente disociado. E eu estou convencido de que o facemos así por unha cuestión funcional ou operativa porque, dende o punto de vista da creación literaria, non había esas barreiras. A miña tese é que Cunqueiro facía sempre literatura. Sempre, sempre máis despois, como dicía Manuel Antonio. O que cambiaba era a arxila, o material que lle servía de base para a criatura literaria. Iso explica que cando lemos os seus textos de temática gastronómica, nos sorprendemos e nos deliciamos.

-E todo isto vén coincidir coa onomástica dos 50 anos de Festa do Salmón.

-Xustamente un dos aguillóns que esporeou a nacenza deste pequeno libro foi precisamente o feito de que se cumprían 50 anos dunha das grandes festas gastronómicas de Galicia. Eu como ‘mindoestradense’ sentía que lle debía á miña Estrada -porque tamén a sinto miña- esa homenaxe e que a figura que a min me servía de ponte era a o propio Cunqueiro, que en 1977(cando aínda estaba comezando o pregón) fora antes que min pregoeiro. Crin que neste 50 aniversario era ben fermoso que os ‘mindoestradenses’ volveramos honrar a casa que nos acolleu e que sempre nos recibe tan agarimosamente. Despois ,se tivera que concretar dalgún xeito este vínculo fraterno destes dous pobos, probablemente é o que pón o libro «Príncipes prateados», o epíteto co que Cunqueiro designaba a ese gran pai dos peixes que é o salmón. Penso que é unha metáfora fermosa. O príncipe prateado das nosas letras é Álvaro Cunqueiro e ben está que outro ‘mindoestradense’ o rememore.

-Posiblemente os pregóns nacidos desta festa poderían dar para outro volume, para un segundo anexo...

-Paréceme que acabas de dar nun branco, nun albo. Creo que ese é un traballo que queda por facer e que debería animarse dende o Concello. Unha das cousas que Juan Andrés me preguntaba é se se conservaría o pregón de Cunqueiro. Neste caso non, porque el tiña o don da palabra e era quen de falar do que lle pediras, cando lle pediras, sen preparación previa e sen ningún tipo de anotación ou papel. Pronunciou o pregón como unha peza de oratoria maxistral pero, o que si atopei, é que o que fixo Cunqueiro uns días despois foi escribir un artigo para o FARO DE VIGO que é unha crónica da súa visita á Estrada. Non queda pregón pero si a súa crónica, a foto en reverso do propio pregón.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents