O galego e o árabe, máis preto grazas a Nihal e Wiame

Dúas alumnas do IES Marco do Camballón estrean mañá no Regueifa Tour unha curtametraxe sobre a orixe da palabra ‘regueifa’

Nihal Neggaz e Wiame Taoufiq cursan primeiro de ESO no Marco do Camballón.

Nihal Neggaz e Wiame Taoufiq cursan primeiro de ESO no Marco do Camballón. / Cedida

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Nihal Neggaz e Wiame Taoufiq estudan primeiro de Secundaria no instituto Marco do Camballón. Nihal leva vivindo en Cruces uns seis anos, así que é lóxico que se defenda en galego mellor que Wiame, que veu o curso pasado. Mañá van ser as protagonistas de «Historia dunha palabra. Do árabe ao galego», unha curtametraxe de cinco minutos nas que as dúas mozas explican a orixe árabe da palabra regueifa. O vídeo vai proxectarse durante a segunda edición do festival Regueifa Tour, que terá lugar no auditorio Xosé Casal.

Para os galegos, o termo regueifa está asociado a un xeito de improvisación oral en verso, que dende hai uns anos é ademais materia optativa no instituto cruceño, que pode presumir de ter difundido entre a xente nova esa forma de cantar. Pero ‘regueifa’ provén do termo de orixe norteafricana ‘rgheif’, que se refire a un tipo de pan que ainda hoxe é moi popular en Tánxer. Chegou a Galicia no século VIII e co tempo pasaría a denominar un tipo de baile e, despois, a esa forma de improvisación. Hai moitas máis palabras galegas procedentes do árabe, un idioma que ser expandiu pola Península durante case 700 anos, como alcohol, aceite ou azúcar.

As dúas mozas, co pan típico árabe que deu orixe ó termo galego "regueifa".

As dúas mozas, co pan típico árabe que deu orixe ó termo galego "regueifa". / Cedida

«Moitos dos nosos compañeiros non sabían esta orixe da palabra regueifa», explica Nihal, quen engade que a idea da curtametraxe «comezou nun recreo, cando o profesor Sechu Sende nos dixo a Wiame e a min se queríamos salir cantando cancións en árabe». A peza, que se vai estrear mañá, esixiu varios ensaios, «pero a min gustoume moito cómo quedou», non só polas explicacións que dan sobre a relación entre os dous idiomas, «senón por outras cousas como o de traer o té e a regueifa para que a proben os meus compañeiros. Paréceme moi ben que proben as cousas marroquíes».

A curtametraxe forma parte do Proxecto Matrix, unha iniciativa do Clube da Lingua que toma o nome do filme de ciencia ficción que protagonizaba Neo, a personaxe que encarnou Keanu Reeves. O de Neo serve para referirse a neofalantes, como é o caso de Nihal e Wiame. Pero é que elas tamén están introducindo a compañeiros e compañeiras de instituto na súa lingua materna. «Cando estaba en Primaria, moitos preguntábanme cómo se dicían algunhas palabras en árabe, e eu poñíame moi feliz explicándolles», lembra. As dúas mozas confesan estar nerviosas pola estrea de mañá, «porque as dúas somos moi tímidas, pero o resultado gustounos moito», conclúen.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents